Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xulio Ríos

Taiwán, despois de Ucraína

A visita a Taiwán da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, está a provocar un auténtico sismo político e poida que estratéxico no Pacífico, con consecuencias que poden revestir certa gravidade.

Sen pretender ser pesimistas, xa advertiamos o pasado 5 de marzo neste mesmo medio a raíz da guerra desatada por Rusia en Ucraína, que Taiwán asomaba no horizonte como un segundo perigo principal para a estabilidade mundial. Esa visita esta semana de Nancy Pelosi a Taipéi no marco dunha xira por Asia e a reacción chinesa evidenciaron que se trata dun albo altamente sensible. O tardío intento da Casa Branca de restar substancia ao feito e á propia axenda de Pelosi, politicamente moi significativa para China, alerta de que as contramedidas dispostas por Beijing irán máis aló do ruído momentáneo duns exercicios militares.

A posición oficial dos EUA é que nada mudou, pero é difícil de soster este punto de vista porque haberá mudanzas. Con independencia do balance da resposta militar hai cuestións nas que se produciu unha inflexión. Primeiro, na superación de certos límites, que terán consecuencias na proxección da forza militar de China sobre Taiwán, incrementando o nerviosismo e tamén o risco de incidentes ou conflitos menores que ambas partes deberán xestionar sabiamente para que non derive en escaladas e mesmo nun conflito aberto. A afectación das augas territoriais de Taiwán e/ou as súas proximidades así como o seu espazo aéreo están no punto de mira.

“As contramedidas dispostas por China irán máis aló do ruído momentáneo duns exercicios militares”

decoration

Segundo, unha reafirmación chinesa da súa soberanía sobre a illa que podería concretarse na adopción de medidas políticas e lexislativas que igualmente se proxecten sobre Taiwán, incrementando a presión sobre as súas autoridades, coas que dende hai 6 anos non comparten ningún marco bilateral de diálogo ao rexeitaren a idea de que só existe unha China no mundo. Esa ausencia de comunicación é un factor agravante da situación.

Terceiro, un incremento da presión económica nunha dobre perspectiva principal: primeiro, facendo valer o alto nivel de dependencia (arredor do 40 por cento das exportacións taiwanesas van cara o continente); e segundo, desenvolvendo accións específicas pensadas para sectores concretos co fin de revolvelos contra as autoridades de Taipéi.

Por último, na relación cos EUA o tímido efecto reparador das conversas estratéxicas dos últimos tempos para limar asperezas queda en entredito. Para China, o diálogo serve de ben pouco cando os feitos camiñan noutra dirección. É esta a maneira que ten Biden de amortecer os riscos de derrape da relación bilateral? Pola contra, da a impresión de que a aspiración dos sectores máis conservadores dos EUA impóñense no discurso e na axenda, mesmo alentando unha normalización de facto da relación diplomática con Taiwán e fortalecendo o seu papel na estratexia de seguridade para o Indo-Pacífico. Unha escalada dáse por segura e corre perigo o cumio bilateral en persoa de Biden e Xi que se estaba a organizar.

Esta evolución ten riscos tamén para China pois se con esas respostas pretende intimidar ao independentismo ou frear o apoio dos EUA, ambas cousas están por ver. De entrada, cabe que internamente crispe e polarice a sociedade taiwanesa, mais do que está aínda, do que pode beneficiarse electoralmente o gobernante PDP ao equiparar aos defensores da reunificación con “traidores”. Por outra banda, ao presentar a China como un país ameazante e ditatorial, Washington espera poder acelerar a súa estratexia de reactivación das alianzas militares e políticas na rexión para frear a China e argumentar o que no fondo máis lle interesa, un desacoplamento da China do mundo desenvolvido que así pode permitirlle, cando menos, seguir liderando unha das metades nas que quedará dividido.

É posible unha guerra por Taiwán? A hipótese de que poida desencadearse mesmo na presente década está aí e o acontecido nestes días demostra a fraxilidade na que vivimos instalados. Ambas as partes asumen xa que o obxectivo de incorporar a China ao curral occidental a través dun compromiso non ten viso algún de trunfar; pola contra, os incomodos poden medrar e o catalizador exponencial pode ser Taiwán se a resultas da visita de Pelosi, Beijing, como parece, aposta por acelerar o proceso de reunificación sentíndose lexitimado, na obriga e no dereito, para xerar un novo statu quo.

*Presidente de honra do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e autor de obras como “Taiwán, el problema de China” (Catarata) e “Taiwán, una crisis en gestación” (Popular)

Compartir el artículo

stats