Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Quitamerendas, tallamerendas

Para Manolo Pazos, afervoado sarmentista e amigo

Conversando un viño cos amigos de sempre instáronme estes, con razóns convincentes, a que tratase temas da actualidade. E abofé que se me apareceu esta en forma de flor. Foi hai poucos días cando atravesando o xardín de Padrón para atallar cara o mercado, tropezoume a vista cunhas flores dobremente rechamantes: pola frescura da súa cor mañanceira allea á categoría de bazar e polo imprevisto do encontro. De repente, mentres camiñaba sen deixar de miralas, fóiseme a mente á Salamanca dos anos sesenta para lembrar un dos encontros máis luminosos da nosa cultura: o que sucedeu entre o benemérito profesor Pensado e o frade Martín Sarmiento, precursor de case todo. Evocamos esta circunstancia por que foi o sabio bieito quen me descubreu a palabra “quitamerendas”, tamén chamada en galego “tallamerendas” (como di Sarmiento, partindo de “tallar” e non de “toller”) debido a que cando florecía por montes e campíos do noso país, os xornaleiros eran privados da merenda que adoitaba dárselles cando a xornada de traballo se alongaba ata a posta do sol. As quitamerendas, anunciadoras do outono, significaban a privación dun cacho de pan e tamén dun repouso no duro traballo das faenas do campo. A sorpresa non rematou co achado devandito por que dous días despois comprobei, cando asistía ao enterro dun veciño, que as quitamerendas adornaban numerosas sepulturas, unha forma de ofrendar natureza, levándoa ao silencio dos cemiterios.

De calquera xeito, beizóns para o matrimonio enciclopédico-erudito Pensado-Sarmiento que encheu de luces, sen restriccións de ningún tipo, a nosa cultura. Para tentar dar fe da existencia da ilustración en Galicia teño, na procura de persuasión, botado man dun exemplo no que o Padre Sarmiento explica as bondades da planta “pita” comentando e explicando as palabras da copla 30 da súa autoría na obra Colección de Voces y Frases Gallegas, editada polo profesor Pensado en 1970: de polas e polos,/de lebres, coelhos,/de pitas e ovos, deveces son frescos,...

Está a enumerar, desde o mirador do Chan de Parafita todo o que se vende no mercado semanal do sábado en Pontevedra e aproveita para explicar o significado de “pitas”, distinto das “polas” do primeiro verso. Lembra velas en Portonovo como peche de predios e propiedades pero, sabedor das súas moitas propiedades, quere estimular o seu cultivo en Galicia. Pondera, con este fin, os seus variados usos: a súa afiada espiña, como agulla e alfinete; o tubiño que segue á espiña cando está seco, emprégase como pluma e papel; cando verde, o seu zume úsase para curar feridas e como remedio contra a pedra dos rinles e para estimular e animar cabalos de carreiras; cando secas, as pencas úsanse como tellas para cubrir casas, facer vainas de espadas e fundas de pistolas; do corazón do tronco fanse imaxes e pode extraerse mel, amais dun líquido que se asemella ao aceite e vinagre e tamén o viño chamado “pulque” de onde proceden as pulquerías, que non pulperías, que tanto abondan na literatura hispanoamericana. Era tal a abundancia deste viño extraído en América da pita que un administrador, despois de recaudar 40.000 escudos de impostos, acabou facendo unha residencia que o pobo chamaba maliciosamente a “pulquérrima”, non tanto pola súa blancura como pola súa procedencia do viño “pulque”.

Se a estes saberes engadimos a vigorosa defensa que Sarmiento fai do galego poderemos entender o devecer de Ernest Lluch (Las Españas vencidas del siglo XVII, p. 168) por unha figura similar en Cataluña capaz de ver, en pleno século XVIII, o mundo desde Galicia malia vivir en Madrid moitos anos.

Compartir el artículo

stats