Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

San Clemenço do Mar

Aflora do mar de Lapamán e, en territorio da freguesía de Ardán, concello de Marín, parece fuxida dun tríptico de Lugrís. Falamos desa illota máis rasa ca alombada que se une ao Morrazo por unha pequena barra. Hoxe recibe o nome de Illa do Santo. Xosé Alexandre Cribeiro, lembrándose dun libro de González Garcés, chamáballe, pola súa pequenez “Illa de dous”.

Resulta que a Illa do Santo é de propiedade privada e ofrécese en venda. Esa illa é o referente de catro magníficas cántigas de amigo que aparecen no Cancioneiros atribuídas a Nuno Trez. Nada sabemos deste poeta en cuxos textos aparece citado San Clemenço do Mar. Desde Gumenrsindo Placer temos que mirar nas cántigas de Nuno Trez o idilio que encadea varios intres emocionais dun relato erótico.

Un fío invisíbel lévanos a San Clemenço ou Clemente (papa en 92-101) de quen a lenda aúrea di que padeceu martirio e foi sepultado milagreiramente no fondo do Mar Negro, permitindo que cada ano as augas se retiren para o corpo santo ser honrado polos devotos.

Todo parece indicar que actualmente sexa factíbel que a bela illota pase ao dominio público e chegue a formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas

decoration

Outro fío, non menos sutil, une, por cima da ría, a Illa do Santo con Ons, onde Álvaro das Casas estudara un sepulcro antropomórfico asulagado que se ofrece aos ollos do pobo cando o mar devala nas marés vivas. Estamos, pois metidos no universo mítico da “Tebaida Marítima Galega”. Memoria e sartegos proxectan sombras milenarias vindas de días nos que os anacoretas das illas, promontorios e debrocas aínda non pasaran á fase superior do monacato regulado. Entre o esaquenzo, a ruína e a permanencia neboenta, fluctúa a illa que Nuno Trez chamou San Clemenço do Mar.

Os catro poemas conservados de Nuno Trez ben merecían hoxe un monumento conmemorativo na Illa do Santo, en Ardán. Todo parece indicar que actualmente sexa factíbel que a bela illota pase ao dominio público e chegue a formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

“Estava-m’en San Clemenço, u fora facer oraçón /, e disse-me o mandadeiro, que mi prougue de coraçón: - Agora verrá aquí voss’amigo!” Neste intre máxico, o mandadeiro ou anxo da visita amorosa púñase contento ao mirar feliz a rapariga eterna dos nosos Cancioneiros. É mágoa que a poesía de Nuno Trez non estea nos nosos días demasiado divulgada.

Compartir el artículo

stats