Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Manoel Antonio, poeta novo sempre

No centenario do manifesto “Mais alá!”

Non resulta doado perfilar o significado de “poeta novo”. Obviamente non estamos a referirnos a un membro da xeneración dos “novos” dos anos vinte nin ao poeta adolescente ou de poucos anos porque hai poetas vellos que nunca foron novos; do mesmo xeito que hai poetas mozos que sempre foron vellos. Malia que poderiamos trazar un perfil tópico –persoa inqueda, lector de poesía, coñecedor da historia da literatura, que traduce do inglés e do francés como aprendizaxe, descontento coa poesía dos poetas anteriores consagrados– Manoel Antonio ingresa na confraría dos “poetas novos” cando albisca a existencia dun mundo oculto, hostes de sombras invisibles que se ocultan ás miradas vulgarentas, por detrás da realidade empírica, cotiá e trivial.

De aquí, a mirada esculcadora coa que pretende ver máis alá da apariencia coa que se mostra a natureza. O sentido esencial ao servizo do seu obxectivo será a vista, unha especial forma de mirar e ver nunha actitude de busca, sempre á espreita. Abondaría como proba irrefutable a frecuencia léxica do campo semántico da vista (mirar, ollar, ver) representado por máis de sesenta entradas ao longo da súa obra poética. Relacionado con él, co desexo de ver máis alá da realidade cotiá, está a palabra “reverso”, unha chave fundamental para penetrar na poética da mirada do noso poeta. Pode ser o reverso dos ollos, do mar, das horas, da noite, o descobremento do reverso capaz de ver como Terra o que semella ser un mar de neve na elexía a Amundsen. Obsesionado por penetrar no cerne da paisaxe, quere ver polo reverso dos ollos do arquitecto ou do sextante do piloto. Esta actitude esculcadora posibilitará a conquista do mar, do vento e das estrelas para entregárnolas a nós, ao pobo galego, unha conquista da súa mirada porfiante.

Consciente que non ten outra ferramenta que a palabra para acceder a esa outra realidade oculta e inaccesible, comeza unha loita que irá deixando vestixios en numerosos escritos metapoéticos, metanarrativos e ensaísticos. Insatisfeito co modelo que lle ofrecían os poetas coevos tampouco aceptou o canon da tradición que lle ofrecían os devanceiros, a Santa, o Bardo e o Rebelde, tal como o rianxeiro se refería a Rosalía, Pondal e Curros.

Afortunadamente Manoel Antonio, sempre poeta novo, navegou pola incerteza e pola dúbida nunha actitude de busca, alerta, termando da palabra precisa.

Derivada desta permanente incerteza xurde unha constante autocrítica que conduce á autoselección rigorosa, rachando versos ao longo dos anos para deixarnos unicamente 116 poemas que constitúen toda a súa obra poética coñecida. Se estas cifras totais as repartimos entre os trece anos de creación poética da súa vida artística resulta unha producción de 215 versos cada ano, menos dun verso diario; e se optamos pola media de poemas compostos, non acada esta o número de oito por ano, menos dun poema por mes da súa vida. Abondarían estes datos para decatármonos da rigorosa selección e autocrítica exercida polo poeta rianxeiro

Este proceso selectivo que o seu amigo Rafael Dieste denominaba nihilista, obedece, entre outras razóns, a unha vocación arquitéctonica de solidez do seu edificio poético que revela consciencia vertebradora que fai contemplar cada poema como integrante dun conxunto no que se afianza.

Apreixando o Mar, clamor multitudinario, coa confusa rede dos ronseles; impoñendo frenos ao vento, esculcador dos infroituosos desertos do océano, coas velas dos navíos esguíos e engaiolando estrelas, eternas como a sombra que as exalta, estaba a agasallarnos coa súa conquista por que “Todas estas cousas tamén son pra ‘nós’. Tamén son nosas.” Vaia herdanza cósmica!

Compartir el artículo

stats