Opinión | Voyager

Os titulares da ira

Elche está de loito e non semella fácil recuperarse do sucedido o martes día 8 de febreiro na Algoda, a zona rural onde tivo lugar o parricidio que conmocionou o municipio. A nova é aterradora: un rapaz de quince anos matou aos seus pais e ao seu irmán. Conforme ao seu relato dos feitos, o martes da semana pasada, cando chegou da escola, a súa nai reprendeuno: “Díxome que era un vago, que xa estaba ben e que ía quitarme a consola. Subín ao meu cuarto, púxenme a pensar e collín a escopeta. Dispareille dúas veces cando estaba na cociña. Un tiro no lombo e logo remateina. O meu irmán intentou fuxir, mais saín detrás del e caceino. Agardei ao meu pai catro ou cinco horas e dispareille cando chegou. Quedei sen saber que facer e decidín levar os corpos ao alpendre”.

"Resulta sorprendente que os medios sinalasen a videoxogos e libros nos seus titulares, en lugar de poñer sobre a mesa o feito de que un mozo de quince anos tivese acceso a unha escopeta de caza"

Os titulares da prensa nos días posteriores apuntaron directamente a videoxogos e e libros:

“El joven parricida de Elche estaba enganchado a un videojuego”.

“El joven parricida de Elche habría leído ‘La edad de la ira’, una novela en la que un joven mata a su familia, y que forma parte del programa educativo de su instituto”.

“Las señales de alarma por la adicción a los videojuegos que podrían haber alertado del parricidio de Elche”.

Resulta sorprendente que os medios sinalasen a videoxogos e libros nos seus titulares, en lugar de poñer sobre a mesa o feito de que un mozo de quince anos tivese acceso a unha escopeta de caza. Ou talvez non tanto, na era do ‘clickbait’ en que se redactan titulares que funcionan como gancho para conseguir visitas e aumentar os ingresos publicitarios. O principal prexudicado nesta ocasión foi Nando López, un fantástico escritor, especialmente querido nos centros de ensino, tanto polo profesorado coma polo alumnado, pola súa proximidade e a capacidade que ten de conectar co público mozo a través dos seus libros. Autor, entre moitas outras obras, de La edad de la ira, novela cunha adaptación audiovisual que está a piques de ser estreada.

Hai só unhas semanas falaba neste mesmo xornal da falta de perspectiva de quen, en diferentes ocasións ao longo dos anos, prohibiu a lectura de Maus, de Art Spiegelman, obra de denuncia contra o holocausto, acusándoa precisamente do contrario. Marcar así una obra, sinalar as lecturas recomendadas en centros de ensino coma posibles responsables dun crime tan atroz ten un aquel de guerra sucia, difícil de entender. Non sabemos se o autor do parricidio leu a Nando López. O que si sabemos é da tendencia a sinalar na dirección equivocada. As redes sociais de Nando López enchéronse de mensaxes de ánimo. Eu quedo coas súas palabras: “Gracias desde lo más profundo por vuestro cariño y apoyo. no dejemos nunca de leer, de escribir, de educar. Y de creer que las palabras y las tizas pueden hacer del mundo un lugar más pacífico, respetuoso, igualitario y habitable”.

Suscríbete para seguir leyendo