Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Cartas penduradas

Unha das cinco partes en que está dividida a novela de Roberto Bolaño titulada '2666' está protagonizada polo profesor chileno Óscar Amalfitano que, moi preto da loucura, colga un libro de Rafael Dieste, 'Testamento Geométrico', dun tendal, probablemente coa finalidade de denunciar o absurdo de ter desperdiciado o autor galego tantos anos dedicados a unha aventura xeométrica, arredado da literatura. Pretendía, según o propio narrador e algúns críticos mexicanos, que o libro así pendurado aprendera catro cousas da vida real.

Pero como lector da obra de Bolaño non puiden evitar a sensación de desacougo que produce un libro dun autor admirado pendurado dun cordel. Pois esta mesma sensación de desamparo sinto cada vez que vou na procura dalgunha carta de Luís Seoane pendurada no portal do Consello da Cultura Galega. O desamparo está provocado porque as 2487 cartas transcritas non están debidamente tratadas. Ordenadas cronoloxicamente forman un extenso documento aberto a múltiples usos, biográficos, literarios, históricos, artísticos e antropolóxicos pero contempladas con ánimo ancilar as cartas perden matices e significados esenciais ao non convertérense nun discurso autónomo. Podemos dicir, en definitiva, que non conforman un epistolario porque están desprovistas da necesaria arquitectura que as articule. A produción individual de cartas require uns principios orientadores de ensamblaxe que faciliten o significado do conxunto e onde a arquitectura que lles dá forma é parte esencial da significación do conxunto. O contido das cartas de Seoane penduradas é dabondo opaco porque non se transparentan os fíos condutores que as convertan nun material histórico de investigación. Os editores de cartas teñen a responsabilidade de restaurar os elos que forxaron unha especie de cadea, rota pola erosión do tempo.

Para organizar como epistolario unha correspondencia tan complexa e rica como a de Luís Seoane son necesarias diferentes combinacións

decoration

Algún destes elos, unha parte importante desta arquitectura ensambladora, son os mediadores diversos que se interpoñen entre as cartas producidas no seu momento e os lectores que acceden a elas despois de moitos anos. Non podemos esquecer a vocación dos herdeiros e albaceas de construír un edificio fermoso e coherente aínda que teñan que ocultar ou destruír certos aspectos considerados perturbadores ou molestos. Para evitar estas actitudes compre atopar e explicar as operacións que fixeron posible a existencia mesma do material exhibido que por carecer desta necesaria arquitectura explicativa se converte en material pendurado, baleiro.

Para organizar como epistolario unha correspondencia tan complexa e rica en matices e sentimientos como a de Luís Seoane son necesarias diferentes combinacións que organanicen os modos de descifrar significados nun proceso de inclusión e exclusións e anuncien as motivacións que orientan a lectura.

Sen esta operación as cartas non deitan todo o rico significado que encerran. A esta lamentable ausencia temos que engadir a falta de datación de moitas misivas que aumenta a dificultade de dar coherencia e entramar o discurso epistolar.

A xenerosa cesión dos fondos epistolares da Fundación Seoane ao Consello da Cultura debería derivar na esixencia dun tratamento intelectual que visualizase a riqueza do material cedido. Lamentablemente, á vista dos resultados, o Consello, segue a preocuparse máis de facerse visible nos medios de comunicación, de teatralizar a cultura, para xustificar uns orzamentos moi xenerosos que de traballar con responsabilidade. O seu labor de orde cuantitativo non está á altura das circunstancias cualitativas que a nosa cultura require. E o peor é que transmite esta filosofía a outras institucións, que coloniza sen pudor. A cultura pendurada.

*Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats