Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Tende cuidado cos paus da lus!

Coido que lle cómpre comezarmos a crónica semanal –que hoxe se despide deica setembro; oxalá que teñan todos/as Vdes. un moi feliz verán– cun “aviso para navegantes”. En efecto: contar con apenas vinte e poucas primaveras non significa en ningún caso estar en posesión dunha sorte de patente de corso, dunha especie de licenza, certificado ou autorización que permita poder situarse para alén das leis da gravitación universal e, desde logo, desoutras que rexen a común convivencia. Porque aquí, miñas e meus, sexamos novos ou vellos, ou xa cabemos todos ou non cabe ninguén. Xa que logo, amodiño e con bo rego, que non está o alcacén para gaitas nin, moito menos, para termarmos do bule-bule das hormonas.

Agora ben; segundo explicou no seu día Georges Clemenceau, acontece que la guerre c’est une chose trop grave pour la confier à des militaires. Traducido, daquela, ao noso roman paladino e, asemade, ao caso que nos ocupa: sucede que a saúde vén conformar, igualmente, algo demasiado importante para que (apenas) os médicos se vaian ocupar dela. Máis traducido aínda: coñecer, entender, sandar... o corpo humano non implica de seu coñecer, entender... a alma/mente dos homes e mulleres. E é que se tal non fose así, se de veras os nosos epidemiólogos, virólogos... de garda –dos políticos mellor xa non apuntarmos nada– tivesen noticia de como pensa, sente, comprende... unha boa parte da rapazada –ou se, polo menos, non padecesen, como si que semella que lles ocorre, unha especie de amnesia (voluntaria/involuntaria) respecto dos seus propios “anos tolos”– comprenderían que, por moitos experimentos que realicen respecto a como han de funcionar, ou non, determinados espazos dedicados aos leceres nocturnos e/ou vacacionais, a realidade, o verdadeiro devir cotián dista pero que moitos, demasiados quilómetros daquel que eles foron trazar na asepsia dos despachos e das salas de reunións. E é que, ao cabo, xa o cantaba con total nitideza Sergio Dalma aló por volta de 1991: “Morrear de lejos no es morrear,/es como estar morreando solo./Tú morreando en tu volcán/y a dos metros de ti,/morreando yo en el polo”, e disimulen Vdes. –e Dalma, claro é– a particular versión do eurovisivo tema.

“A realidade cotiá dos espazos de lecer nocturno dista quilómetros dos experimentos de salón”

decoration

E non; non se trata de xustificarmos as insensateces e mais o hedonismo narcisista/egoísta a anunciar unha patoloxía social. Pero si de rexeitar, non obstante e primeiro, as apocalypses now de certos, autoproclamados, abandeirados do correcto, incapaces de se miraren a eles mesmos no espello dos anos –polo visto, ningún foi probar nunca o alcohol, fumou substancias pecaminosas, pisou a fondo o acelerador ou se deixou engaiolar polas paixóns de Afrodita–, dispostísimos arreo a constituírense nun novo tribunal da Santa Inquisición e mandar os impíos herexes ao lume. Xa en segunda instancia, lembrarmos tamén que tan imprudentes deveñen os fillos e netos como así mesmo os señores papás –e avós– que durante o pasado Nadal teimaron en reunir a aqueles pero tamén curmáns e cuñados nun mesmo cuarto, paparotas mediante, coa escusa –e/ou co candor– de que “total, estamos en familia” e que “o porco da casa non ten COVID-19”, digo/escribo o colesterol, coas consecuencias máis que coñecidas. Vaia, que de acordo co consello evanxélico, aquel que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra.

Xuventú, xuventú, tende cuidado cos paus da lus!” . Velaí o retrouso da coñecida cantiga que afinaban os Herdeiros da Crus. Poida que algúns obxecten que estamos a vivir nun tempo onde todo o invade o reguetón e que así non hai xeito; con todo, coido ben que, se de veras aquilo que se procura é enviarmos mensaxes inequívocas aos máis novos, antes que insistir en inútiles linguaxes burocráticas, esoutra, sinxela, dos bravús do Barbanza resultaría moito máis efectiva. Traducido de novo: menos moralinas e máis vacinas. E vacinas e outra volta vacinas.

Compartir el artículo

stats