Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gonzalo Caballero

Loitadora e comprometida

Coñecín a Isaura Abelairas haberá máis de 25 anos. Daquela era difícil prever que eu lideraría o PSdeG e que ela me acompañaría como número dous na candidatura electoral pola nosa provincia. Unha honra ter unha muller tan comprometida e brava ao meu carón.

Isaura sempre foi unha muller loitadora e vitalista. Socialista de referencia na loita pola inclusión social, pola igualdade, pola educación pública, traballou con dignidade e ilusión no Concello de Vigo, na Deputación de Pontevedra e agora no Parlamento de Galicia.

Isaura Abelairas

Isaura Abelairas

Vigo é unha cidade traballadora que dá acollida a moitos galegos, e ese foi tamén o caso da nosa benquerida Isaura. Nativa de Taboada, o seu sentimento, a súa paixón, o seu compromiso vital foi tamén coa principal cidade de Galicia. Na cidade olívica exerceu como mestra e máis adiante como directora do colexio do Chouzo, compatibilizando así a súa vocación docente coa súa vocación pola política municipal.

Á fronte de concellerías como Política Social, Festas ou Limpeza, Isaura amosou que sabía estar ao carón da xente, motivo polo cal é tan coñecida e tan ben recoñecida na nosa cidade: nas súas responsabilidades, sempre actuou cunha enorme sensibilidade coas persoas con máis dificultades e sempre se amosou disposta a pelexar polas causas xustas. Un exemplo de compromiso e de paixón que mantivo ata o último folgo.

24

Isaura Abelairas: su carrera política en imágenes R. V.

E se tanto e tan ben traballou no Concello de Vigo a carón do alcalde, nese modelo de política transversal para chegar a toda a cidade, tamén amosou o seu compromiso pleno nesta última etapa como parlamentaria. Compartiu comigo a cabeza da candidatura e axudou a que o PSdeG tivera na cidade de Vigo o mellor resultado da nosa historia nunhas eleccións autonómicas: ela sabía chegar a todos e a todas e chegamos a unha maioría progresista na cidade.

No Parlamento, ademais, sei que Isaura foi feliz. Nunha etapa na que complicacións na súa saúde imposibilitaron que despregase toda a súa iniciativa, amosou a mesma paixón e a mesma vocación que eu lle coñecín hai 25 anos.

Miña querida Isaura, coa tristura que temos pola túa despedida, ten claro que a túa referencia de loita e compromiso seguirá orientando o traballo de tantos e tantas socialistas e da cidadanía viguesa. Deixas, parafraseando a Valente, “un libro infinitamente aberto”. Grazas, Isaura.

Compartir el artículo

stats