Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Madrid SSF

Nin Madrid DF nin Madrid “pedazo de la España en que nací”. E menos aínda “primo, vente Madrid”, como rumbeaban os Ketama. E é que xa o escribiu no seu día mestre Sabina: “... aquí no queda sitio para nadie,/pongamos que hablo de Madrid” –iso por máis que, como é ben coñecido, D. Joaquín acabase modificando os versos: “aquí he vivido, aquí quiero quedarme/pongamos que hablo de Madrid”–. Pero tampouco esoutro de “Madrid, comunismo o libertad” ou “Madrid me peta, coleta violeta”. Ben polo contrario, a nova moda a percorrer agora mesmo a capital das Españas e territorios adxacentes, así desde El Portillo a La Arganzuela como desde Tetuán de las Victorias deica a ponte de Vallecas; desde Aranjuez mon amour a Guadalix de la Sierra, vén resultar esa mesma –se habemos de prestar atención, claro é, ao senlleiro spot que presentan os valedores de D. Ángel Gabilondo– que proclama urbi et orbi, complexos fóra, un Madrid SSF: isto é, a epifanía dun ámbito habitable que deveña “soso, serio e formal”. Xa que logo, teremos que tratar acaso dunha “ciudad de más de un millón de cadáveres (según las últimas estadísticas)"? Con todos os respectos literarios para D. Dámaso Alonso, agardemos ben que, malia a que está a pingar, el bajonazo non sexa para tanto; meigas, Vox e podemitas fóra, arrenégote demo, amén.

A ver: a xeración dos señores pais do aspirante socialdemócrata á presidencia da Comunidade madrileña –e que coincide, ano abaixo/ano arriba, con esa mesma dos proxenitores deste, seu, cronista– sen dúbida que foi bailar sequera algunha vez, e a pesar de non sentaren orixes no “rompeolas español”, aquela copla, ou pasodobre, que artellara Pepa Blanco aló polos anos 50 do pasado século. Estoume a referir, desde logo, a Madrid tiene seis letras: unha cantiga que nos avisaba, para alén de que estamos a falar dunha urbe singular onde moran “chulapas con ritmo de chotís en el corazón”, de que o M vén corresponderse con “marabilla”; o A con “andoba”; o D “pa que se enteren que el alba a todos da”; o R “por risueño”; o I por “inmortal” e que hai outro D que avisa “que sobra dignidad”. Ou, mellor dito/escrito: que sobraba (en cursiva, please). A dignidade, vaia.

Porque vén ser o caso de que xa hai tempo dabondo –se cadra demasiado; máis ou menos desde que D. Enrique Tierno Galván subiu aos ceos– de que o último D de “Madrid” non existe máis. E por que?, preguntaranse, abraiados, Vdes.,sempre moi amables lectores destas crónicas semanais. Pois porque acontece, miñas e meus, que o tal D semella substituído, nos (malos) tempos que corren e sen encomendarse a Deus nin ao Outro, por un z –un z de “Madriz”, quero dicir– que dificilmente se pode corresponder con aqueloutro D de “dignidad” e si, polo contrario, co “z” de “zoquete”, co “z” de “zopenco”ou co “z” de “zopilite”, e escritas vaian, desde logo, tales apreciacións con todos os respectos para os “gatos” e “gatas” –dese xeito é como se autoalcuman os naturais castizos– incluídos/as aqueles e aquelas que forman parte da miña propia familia.

“Serán quen, acaso, os madrileños de saberen abandonar Madriz para voltaren a Madrid?”

decoration

“Dicen de mí que soy un tanto animal/pero en el fondo soy un sentimental (...) Hombre de bien a carta cabal,/y como el duque:/feo, fuerte y formal.” Hai agora cousa de vinte anos que José María Sanz Beltrán –máis coñecido como Loquillo– daba á luz pública o álbum do que o título vén coincidir con ese mesmo da coñecida cantiga na que a voz protagonista se identifica, ao seu xeito, coa sempiterna figura de John Wayne, o “duque”, en cuxa lápida mortuoria reza –ou rezaba– esa mesma sentenza referida á fealdade, á fortaleza e mais á formalidade con certificado de garantía. Certamente, o autor destas liñas descoñece por completo cales poidan resultar os gustos musicais do Sr. Gabilondo. En todo caso, si que tal aparenta, con todo, que el mesmo e/ou os seus asesores, correlixionarios... atoparon axeitada a paráfrase e velaí, en consecuencia, a palabra de orde da súa campaña cara á ocupar a presidencia da comunidade capitalina. Outra cuestión, iso si, é se de veras vivimos nunha xeira propicia para o rock’n’roll e/ou as fitas clásicas made in Hollywood.

Xogo de tronos, Gambito de dama... e, de fondo, rap e reguetón (vale: tamén hai quen teime cun revival reseso de Las corsarias): velaí aquilo que se lles veu ofertando ata ao momento aos madrileños. Será, daquela, o momento de reflexionaren un pouco e, situados para alén de experimentos lisérxicos, e aínda tamén de tanta e tanta efusión de “casquería”, volveren á sobriedade da gramática castelá e retomaren a verdadeira pronuncia do seu topónimo? Serán quen de abandonar Madriz para voltaren a Madrid?

Compartir el artículo

stats