Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Recordatorio de almanaques

No Ourense da miña nenez, anos cuarenta do século pasado, había un lugar tinxido por misterios non exentos de exotismo. Falo da Costa que une a Praza de Abastos coa rúa do Progreso. En días de mercado, a Costa poboábase de personaxes inquietadores e atractivos. Unha muller de pano branco á cabeza pregoaba “miel de los Alpes” en canto outra, negroide, con cobras vivas penduradas do pescozo, persuadía o corro das vontades do unto de “majá” para combater a reuma.

Os charlatáns despregaban a súa arte suasoria na zona baixa da Costa, alí onde o terreo facía un contraforte antes de se esfragar a Barronca na beira dereita da Barbaña. Podía haber grupos musicais que vendían as súas copras impresas en papeis de cor, aínda que os violinistas cegos, de rostro picado das vexigas, preferían actuar na feira dos Remedios.

De vez en cando aparecía pola zona unha parella que nos fascinaba coas súas dotes de adiviñación. Unha señora cos ollos tapados describía aos asistentes o que o seu colega sinalaba oralmente. Os maiores decíannos que a parella funcionaba con claves complexas nas preguntas. Un que adoitaba cantar a lotería no reservado traseiro de La Peña, o café máis antigo de Ourense, voceaba o calendario en taco do Sagrado Corazón. Na tempada de fin de ano, lucía a hexemonía o calendario Zaragozano que fundara don Mariano Castillo y Ocsiero en 1840. Eu recórdome a min mesmo descendo pola Costa en dirección á Praza e estou vendo os exemplares do Zaragozano na man dun vendedor zíngaro.

O retrato de don Mariano acaba de reclamar a miña atención na de Sequeiros, o quiosco vigués que frecuenta a miña familia. A ollada penetrante do editor do Calendario Zaragozano El Firmamento intrígame hoxe igual que intrigaba ao meniño que fun na turbulenta acumulación de vendedores e pregóns que se acumulaba na Costa daquela Praza de Abastos que edificara en Ourense o alcalde Manuel Suárez pouco antes de caer fusilado polo franquismo.

Volvamos á Costa da Praza. Unha voz tímida, e tocada polos tremores da adolescencia, anunciaba en galego un repertorio, almanaque ou calendario: “Hai O Gaiteiro De Lugo! E a súa voz parecía destilar ecos distantes do cantar cubano do pregoeiro de manís. Falo da moza que vendía en Ourense O Gaiteiro De Lugo, unha publicación monolingüe da cal os historiadores da nosa cultura non trataron aínda en serio. O Zaragozano eternízase pero non podemos xa comprar O Gaiteiro. A pesar do cal outro calendario galego, O Mintireiro Verdadeiro segue en circulación. Como segue o Almanaque Agrícola ZZ, dirixido por Xosé Luís Ripalda. Permanencia e disolución de publicacións de carácter popular. En todo caso desapareceu a estampa do gaiteiriño e permanece a ollada atemorizante de don Mariano Castillo dándolle sentido identitario ao Zaragozano. Mágoa que así sexa.

Compartir el artículo

stats