Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Unha nova etapa en FARO

Xa levo uns cantos anos colaborando co xornal FARO DE VIGO. Dende que en 2011 fun convidado a escribir nel téñolles, queridos lectores, falado de moitos asuntos. Repararán que todos están fortemente unidos polo vínculo temático do patrimonio cultural, unha constante que os vertebra sexa cal sexa o tema elixido para cada día. Gran parte deles, como non, tiveron que ver coa arqueoloxía.

Non en van é a profesión que escollemos e a que, dende distintas facetas, levamos desenvolvendo dende hai moitos anos. Nesta traxectoria, que iniciamos a mediados da década de 1980, pasamos por diversas formas profesionais, incluída a empresarial. A última ocupación, seguramente coa que vostedes máis me identifican, é a de arqueólogo municipal do Concello de Ourense.

Como arqueólogo na institución, unha das funcións esenciais é comprender os contextos arqueolóxicos que van descubrindo as escavacións neste do concello, o que -ademais doutros fins- contribúe á convivencia entre a protección dos restos do pasado e as necesidades urbanísticas dos seus habitantes.

Como suporán tal labor non é doada, pero a satisfacción é moita, especialmente porque nos permite acceder ás novidades que se están a producir no día a día. As características específicas destas funcións fan que sexa moi difícil, practicamente imposible, deslindar o traballo administrativo das imprescindibles lecturas especializadas e investigacións que, necesariamente, deben proseguir fóra das dependencias municipais e do horario laboral. Máis tamén nos axudan, xunto co bo facer doutros profesionais da arqueoloxía, a mergullarnos no pasado do territorio que agora habitamos e que día a día estamos a transformar.

Pero buscamos ademais que a información arqueolóxica non quede no simple -anque imprescindible-, trámite administrativo. De aí que procuremos, sempre que os resultados sexan cientificamente significativos e que a oportunidade sexa propicia, dalos a coñecer por varios medios. O máis habitual é a publicación en libros e revistas científicas, aínda que non queremos perder a ocasión de achegalos ao público a través de canles de divulgación masivas.

Neste aspecto, de novo quero facer público o meu agradecemento ao FARO DE VIGO na persoa do delegado da edición de Ourense do xornal, Xosé Manuel del Caño. Foi el quen, incluíndonos na sección de "Ilustres", nos brindou a oportunidade de facerlles chegar as noticias, ensaios e reflexións acerca dos restos arqueolóxicos, pero tamén ideas sobre as múltiples facetas que nos ofrece o patrimonio cultural.

As primeiras colaboracións, que viron periodicamente a luz neste diario, habitualmente os domingos, foron compendiadas no libro Dende Auria. Reflexións sobre arqueoloxía e historia, editado pola Deputación de Ourense no ano 2016. Dende entón seguimos a escribir para contarlles as nosas impresións sobre o acontecer do patrimonio cultural. Máis, debemos ser cautos. A ética obriga a non adiantar achados arqueolóxicos interesantes ou novidosos que, e aras ás boas prácticas, deben ser dados a coñecer en primicia polos seus descubridores. Así debe ser.

Transcorridos tres anos despois daquela edición, continuamos a publicar na mesma sección deste, como ben defendeu o xornalista e escritor Ceferino De Blas, diario decano de España. Igual que na etapa anterior, son escritos moi variados. Teñen que ver sobre todo coa arqueoloxía, a historia e, incluso a antropoloxía. A maioría xiran ao redor de Ourense, facendo da cidade e da provincia o obxectivo esencial. Máis non debemos perder de vista unha guía metodolóxica que consideramos esencial: as reflexións han ter sempre unha interpretación e sesgo global, aínda que os temas concretos a tratar partan dun marco territorial local. Como se deduce da obra Cities in Evolution de Patrick Geddes nos inicios do século XX, "Think Global, Act Local".

En relación coas anteriores premisas incluímos varias colaboracións que inciden na historia na nosa cidade e da súa contorna inmediata. Para iso tratamos aspectos como o da arqueoloxía urbana en Ourense, tal e como a concibimos e teorizamos dende a nosa perspectiva e formación teórica e que aplicamos cando nos incorporamos ao concello en 1988. Desta base interpretativa e dos resultados das intervencións arqueolóxicas partiron as ideas básicas que nos conduciron a considerar as causas polas que a cidade de Ourense acadou a morfoloxía que agora ten, aspecto que resposta ao resultado dun proceso histórico-urbanístico case bimilenario, a feitos históricos esenciais. Para iso buscabamos as respostas á seguinte cuestión: por que Ourense é como é?

Ademais quixemos salientar a íntima relación entra a orixe e o carácter da cidade coa auga. Cando menos como causa simbólica orixinal. Pero non se trata dunha auga calquera, se non das fontes das Burgas coas súas capacidades termais e curativas, que foron augas sacralizadas en diversos momentos da historia. Os descubrimentos arqueolóxicos nos mananciais permiten teorizar sobre a existencia dun deus propio, específico destas fontes. Unha deidade con orixe prerromana, seguramente indoeuropea, e un culto propiciado e potenciado por Roma por medio da construción dun edificio de carácter sacrotermal, cuxos restos agora se conservan integrados nun centro de interpretación. Todos os resultados son froito dun proxecto arqueolóxico de promoción municipal publicado noutra colaboración en FARO, conmemorando o 25º aniversario do Día Mundial da Auga, xunto con datos esenciais das escavacións arqueolóxicas nas Burgas.

Como complemento ás colaboracións da etapa anterior, abordamos novos temas urbanos, entre outros, os que dedicamos ás pontes sobre o río Miño, dende a Ponte Vella á do Milenio, á "cerca" -que non muralla- que a modo de protección e/ou control fiscal e de acceso cinguía o Ourense medieval. Non faltan referencias ao significado histórico dalgunhas rúas e prazas na mesma época, ou datos sobre algunhas modificacións das rúas que percibimos ao longo dos séculos, sen esquecer lugares que daquelas non formaban parte da cidade, como o "Porto Vello" das Lagoas ou o mosteiro de Santa Comba de Naves, hoxe situado nun espazo rural privilexiado do municipio.

Así mesmo reflexionamos, como en tantas outras ocasións, sobre o propio concepto de "cidade histórica" fronte ao que consideramos menos acertado de "casco vello" que tanto se ven utilizando, mesmo dende as propias administracións. Non quixemos esquecer os variados elementos culturais coa máis alta categoría de protección, os BIC (Ben de Interese Cultural) existentes na nosa cidade, que inclúen dende monumentos individuais a territorios históricos. A eles tamén lles dedicamos unha colaboración específica.

De cando en vez saímos do municipio de Ourense para abordar temas doutras zonas da provincia. Sobre todo atendemos a lugares onde traballamos anos atrás, especialmente nas terras da Baixa Limia. Alí codiriximos un proxecto de investigación no Concello de Lobios nos anos 1988 e 1989 e diriximos outro dende o Concello de Muíños entre 1989 e 1994. Os datos obtidos permitíronnos elaborar o corpo principal da nosa tese de doutoramento, que defendemos no ano 1994 na Universidade de Santiago de Compostela. Trataba sobre os monumentos megalíticos e os poboados da Idade do Cobre -o Calcolítico- nese territorio do suroeste da provincia de Ourense.

Daquela labor parten unhas cantas colaboracións no diario, permitíndonos agora transmitirlles aspectos que, xestándose inicialmente en hipóteses científicas e academicamente testadas, aparecen no xornal desprovistos dos necesarios aspectos metodolóxicos que no seu día tiveron, presentándose aquí dun xeito máis amigable. Iso non implica que o fondo sexa alleo á formalidade investigadora, se non que a forma narrativa varía en aras á intención divulgadora, á que non quixemos subtraer nin un ápice da base e rigor académico.

Tamén rescatamos xacementos arqueolóxicos e monumentos que, pese a que xa están publicados, permanecen en certo estado de abandono e de esquecemento por parte do gran público. Aínda que son susceptibles de ser interpretados dende novas teorías que fornece o actual estado da investigación, no momento significaron un importante paso para a arqueoloxía da cidade e da provincia no contexto no noroeste hispánico. Por iso iniciamos as colaboracións específicas de lugares arqueolóxicos, algúns escavados hai moitos anos, pero que recobran o seu significado ao abeiro das novas investigacións. Referímonos ás colaboracións sobre o castro do Coto do Mosteiro (Carballiño), escavado por Luis Orero Grandal, o oratorio paleocristián de Ouvigo (Os Blancos), cunha intervención dirixida por Antonio Rodríguez Colmenero, o xacemento paleolítico da Piteira (Toén), da man de Vicente Rodríguez Gracía, a escavación da igrexa de San Xes de Francelos (Ribadavia), traballo publicados por Xulio Rodríguez González e Alfredo Seara Carballo. Non podían faltar as no seu día novidosas escavacións no Ourense romano e o descubrimento do templo de Mitra (Lugo) por parte de Celso Rodríguez Cao.

Noutros escritos lembramos dous personaxes xa clásicos, multifacéticos e esencias para a historia de Ourense e de Galicia. Un é Vicente Risco, sobre o que referimos a súa relación con Ourense a partir dos seus traballo sobre As Burgas e, como non, de Florentino Cuevillas e o seu papel no Seminario de Estudos Galegos.

A propia dinámica das colaboracións nos conduciron a tratar temas de índole antropolóxica e histórica de carácter máis universal, que aínda dun modo aparentemente indirecto, sempre están relacionados coa arqueoloxía e particular e coa historia en xeral. Baixo esta óptica, cunha forma aparentemente heteroxénea, tratamos asuntos como a importancia da etnoarqueoloxía na reconstrución histórica, o valor do coñecemento tradicional fronte -ou como complemento- ao académico. Reflexionamos sobre o "feísmo" e sobre a gastronomía dende a perspectiva antropolóxica e histórica, sobre os antepasados míticos de Galicia (os "mouros"), ademais de olladas e outras reflexións sobre temas históricos puntuais.

Agardamos que nesta segunda etapa os temas elixidos e a forma con que os abordamos, froito do noso modo de entender e concibir o patrimonio cultural, foran do agrado dos lectores e contribuíran a que a vostedes, fin último e esencial destes escritos, lles esperten ou incrementen a curiosidade por saber que aconteceu no pasado deste noso territorio. É, sen dúbida, a mellor forma de comprender o patrimonio cultural, como algo que forma parte de nós mesmos, un apéndice inseparable da sociedade e do territorio a que pertencemos, e que estamos a modelar para a nosa descendencia. Non o dubiden. Iso é unha gran responsabilidade, pero tamén unha oportunidade.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats