Señora presidenta da Deputación:

É a segunda vez que rexeita en público reunirse comigo. Se fora eu quen estivera no seu lugar e, pola mesma razón que vostede alega, non quixera concederlle unha reunión, polo menos, faríallo saber, primeiro, mediante unha carta persoal ou correo electrónico, como estou facendo eu agora. Dende logo, o que nunca faría é recorrer a desplantes públicos impropios do respecto institucional que se deben as administracións que representamos.

Está vostede en todo o seu dereito de negarme unha reunión, pero é difícil crer as razóns que alega, pola sinxela razón de que eu nunca presentei unha moción de censura para chegar a ser alcalde de Sanxenxo. E podería telo feito, pois, ao fin e ao cabo, a moción de censura está perfectamente regulada, tanto na Lei de Réxime Local como na Lei Electoral. Por certo, ambas aprobadas na primeira lexislatura do Goberno de Felipe González, do que formou parte o seu admirado Abel Caballero.

Na historia de Sanxenxo só houbo unha moción de censura, e foi no ano 1993, presentada polo Partido Socialista e apoiada por un concelleiro que ata entón formaba parte do Goberno do Partido Popular. Un tránsfuga.

O pasado mes de maio, o alcalde Gonzalo Pita decidiu presentar a súa renuncia, porque previamente chegara a un acordo de goberno co Partido Popular. Non houbo, polo tanto, unha destitución, como ocorre nas mocións de censura. Houbo unha renuncia voluntaria.

Serían moi largas de mencionar todas as razóns polas que o meu predecesor decidiu renunciar ao seu cargo. Pero si quero, polo menos, nomearlle dúas. A primeira delas, a xenerosidade do Sr. Gonzalo Pita, poñendo o interese de Sanxenxo por diante do seu propio. E, a outra razón, mire por onde, ten algo que ver co desdén que vostede e a administración que preside trataron a Sanxenxo. E non o digo eu, así o recolle toda a prensa naquelas datas.

O acordo entre SAL e PP foi posible porque a xestión, primeiro do cuatripartito, e posteriormente do tripartito, estivo moi lonxe das expectativas creadas ao inicio da lexislatura. E isto sábeo vostede tan ben como os veciños de Sanxenxo, entre outras razóns, porque calquera asunto importante que ocorre na provincia de Pontevedra non pode pasarlle desapercibido á presidenta da Deputación.

Son alcalde de Sanxenxo porque o meu predecesor sufriu a deslealdade dos seus socios de goberno, porque cheguei a un acordo con el e porque fun o candidato máis votado nas pasadas eleccións, co 41% dos votos. Sen esta última razón de nada servirían as dúas primeiras.

Pero supoñamos que chegara a ser alcalde mediante unha moción de censura, ¿cal é o problema, presidenta? A moción de censura, como lle dixen antes, é unha figura perfectamente legal, que recolle a Lei de Réxime Local e A Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, que no seu artigo 197 sinala que "o alcalde pode ser destituído por unha moción de censura".

Nos 40 anos que levamos de democracia houbo numerosas mocións de censura. Algunhas moi destacadas e nas que o seu partido tivo un papel protagonista. Para recordarlle a última, a que presentou Podemos e foi opoiada polo PSOE para intentar substituír a Mariano Rajoy, fai poucas semanas. En Galicia, o primeiro goberno da Xunta, presidido por un socialista, foi o tripartito de González Laxe, que chegou ao seu cargo en 1987 presentando unha moción de censura, apoiada por un deputado tránsfuga.

A nivel nacional, a primeira moción de censura, foi a presentada no ano 1980 por Felipe González contra Adolfo Suárez, que, aínda que non sumou os votos precisos, foi determinante para que o seu partido alcanzase a maioría absoluta de 1982.

Podería darlle unha lista de concellos galegos nos que o PSOE se beneficiou ou facilitou mocións de censura. Por suposto, que tamén é moi longa a lista que involucra ao meu partido.

¿Sabe vostede como se acabarían as mocións de censura nos concellos? Cambiando a Lei Electoral, para que España se pareza á maioría dos países da Unión Europea, nos que, ou ben hai unha segunda volta ou ben cando un candidato supera o 40% dos votos, goberna. Proposta, por certo, que o PSOE incluíu no programa electoral das eleccións xerais de 2011.

A súa negativa a reunirse comigo e, sobre todo, as razóns e formas que empregou para facermo saber, son chamativas. Cada un preséntase e defínese ante os cidadáns polas súas palabras e feitos.

Vostede di que, aínda que se nega a reunirse co alcalde de Sanxenxo, os veciños non van a verse prexudicados por iso. Espero que así sexa. Pero serán os feitos os que lle dean ou lle quiten a razón.

* Alcalde de Sanxenxo