Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesor de Tecnoloxía en VIgo

Deberes, si, pero con sentidiño

Podemos definir "deber" como a responsabilidade dun individuo fronte a outro, físico ou xurídico, como a nosa escola; deber, que en caso de incumprilo, leva consigo unha sanción ou castigo. Esta definición parece aterradora, sobre todo se falamos de nenos en idade escolar, pois é no ámbito escolar onde supón unha realización de tarefas encamiñadas a reforzar a aprendizaxe dos coñecementos, que como sabemos habitualmente son exercicios de comparación, resolución, lectura, escritura, interpretación, teorías, proxectos...., pero, está o profesorado e as familias obrando correctamente?.

Na actualidade formamos parte dunha sociedade que nos ten completamente influenciados e dominados polos seus ditados. Unha sociedade que camiña tan de presa que un individuo por si só non é quen de seguila, e esa carreira cara non sei onde é a que leva aos pais e nais e ao profesorado a cargar os cativos e cativas cun enorme peso, e non me refiro as súas esaxeradas mochilas.

Os pais e nais pousan toda esa presión social nos seus fillos e fillas impoñéndolle unha xornada escolar máis larga cunha laboral propia dunha sociedade preindustrial, vexamos:

Ás 8:00h, ou incluso antes, arriba, vístete axiña, almorza e non te manches coa cunca do leite, lava os dentes, colle a mochila, corre cara a parada do autobús, colga a chaqueta, sociais, matemáticas, galego, música, ciencias,? a comer, acaba pronto que tés patinaxe e natación. Veña, veña? ponte cos deberes que hai que cear e faise tarde. Cando descansan estes nenos e nenas?, a fin de semana?, non que o sábado hai competición, e o domingo imos comer cos avós e despois a un cumpre. No verán? ? en xullo campamento urbano e en agosto campamento de inglés. Ademais de cubrir cada día un "cuadernillo Pepe" ou estudar os libros de "Vacaciones Orellana". Acouga oh!

Como pais e nais queremos cos nosos fillos e fillas teñan todo e se formen para defenderse o día de mañá nesta sociedade que cada día pon máis difíciles as cousas, mais temos que analizar se realmente esas horas interminables de deberes levan a bo porto. Os cativos e as cativas fan os deberes co único obxectivo de non ser castigados polos pais e nais ou sufrir o reproche do profesorado, pero non conseguen ver a súa utilidade, eu tampouco. Dá magoa ver a un neno de dez anos pechado no eu cuarto mentres arraia o sol na rúa, mordendo o lapis e chamando á nai ou ao avó que lle boten un cabo. Tarefas que, as mais das veces, tampouco eles son quen de responder.

Esta presión está tamén na escola, o profesorado ten que impartir uns currículos infinitos co maior nivel de concreción. Claro, é imposible. Cada vez máis alumnado por aula, cun tempo limitado..., así que veña, remata na casa. Deberes, e mais deberes, de todas ás materias!. Xa había bastante presión para cumprir coas programacións e agora reválidas...ao final nos preguntamos se ensinamos os cativos e cativas para saber ou para aprobar un exame.

"Cada mestriño ten o seu libriño", ou na versión actual, "liberdade de cátedra", e non serei eu quen quen poña en dubida tal afirmación, pero quizais deberíamos plantexarnos se podemos traballar cunhas metodoloxías diferentes que fagan que eses "deberes" pasen de ser algo que o fago por obriga a ser algo que fago porque me gusta, me apetece, ou teño curiosidade ... quero aprender.

Tamén habería que ensinar aos pais e nais, xa que moitas veces o docente está sufrindo a súa presión, se non lle pos deberes es mal profesor, se llos pos tamén, pois esixes demasiado, entonces, que?. Neste caso os pais coinciden cos expertos, que tampouco se poñen de acordo en se os deberes son bos ou malos. O que parece indiscutible é que non estamos acertando, pois os datos din que o noso alumnado fai o dobre de deberes ca media europea, e os resultados son inversamente proporcionais.

Deberíamos buscar un equilibrio entre etapa educativa e cantidade de deberes, metodoloxía e tipo de deberes, tempo de obriga e tempo de diversión, esixencia e voluntariedade, obxectivos a alcanzar e resultados obtidos. Agora estase pondo de moda a palabra "excelencia", (non confundir con "Su excelencia"), que non é mais que outra volta ao parafuso. Pero de verdade alguén se parou a pensar se todo isto lle vai valer de algo dentro de vinte anos?

É habitual ver ao pais laiándose de que os nenos e as nenas de agora non saben xogar, pero se non lle deixamos tempo para aprender! Deixemos as nenas e nenos ser nenas e nenos. Deberes si, pero con sentidiño.

Compartir el artículo

stats