Director: Bea Vázquez Campaña

Ano: 2019

Duración: 62 min

Xénero: Documental

Sinopse:

Noite Irisada é un relato da loita dos colectivos LGTBI en Galicia. A través dun coidado traballo de investigación, o filme máis recente da viguesa Bea Vázquez Campaña ofrece unha completa panorámica dos profundos cambios socioculturais que se deron ao longo da historia: da normalidade das prácticas homosexuais en tempos pasados aos inicios da homofobia e a persecución posterior; da adulteración das cantigas medievais ou a represión franquista, ata os nosos días.

Este labor documental -que foi nomeado aos Premios Mestre Mateo deste ano 2020- é ademais enriquecido co testemuño de persoas que viviron a súa condición sexual na clandestinidade, activistas que a través de diversas organizacións loitaron pola consecución de dereitos que hoxe nos parecen elementais; pero tamén co de xente máis nova que nos fala de todo o que queda por facer e do temor, tamén fundado, a un retroceso deses dereitos conquistados.

Noite Irisada é, en definitiva, un valioso documento sobre o amor, o respecto, a loita e a memoria.

Proxeccións:

· Xoves 17 de setembro ás 18:00

Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei)