Ás 21.30 EXERIA e MEU únense nun concerto para dar inicio as Letras Galegas 2024.

O mes de Maio dende tempos inmemoriais marca o comezo dun ciclo; a celebración do Beltane ou os Maios, son festas onde saímos cara a primavera e o esplendor floral invade o noso rural. Celebramos tamén as nosas letras galegas e que mellor ocasión para saír con forzas renovadas a compartir as cancions máis actuais, que debuxan imaxes cotiás e coas que todas podemos sentirnos identificadas no noso idioma.

Exeria combinan xéneros como o grunge e o britpop, dándolle un novo xiro coa súa propia fórmula, todo aderezado con letras en galego. Non contenta con isto, a banda segue abríndose a novas influencias e asimilando música que a priori queda fóra do seu radar estilístico. As raíces son importantes para calquera proxecto, e o sentimento de pertenza a un lugar e tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións. Así o demostra no seu novo traballo Sobre a independencia, un EP de 5 cancións que se publicou o pasado Marzo acompáñado dun videoclip pertencente á canción A Costa de Frades.

Meu tráennos un rock con brillos do punk e o metal, contundencia coñecida de sobra pola súa parroquia de adeptos, que saborean esta "Caña do pais" tan súa e coa que levan varios anos queimando escenarios. O Murallon de son ou o Noceda Rock son só algúns dos últimos escenarios onde a banda orixinaria de Lalín mostraron temas coma Insectos ou Outro dia mais. Dende 2017 o seu traballo segue dando froitos nos que nos falan das adiccións, da loita social ou dos problemas vitais nos que todas podemos vernos reflectidas.