O mítico ‘Luar’ da TVG non se emitiu onte venres pola folga de traballadores da compañía. Nunha nova xornada de protesta “contra a manipulación e a represión” e o “clima laboral asfixiante” que o persoal denuncia, máis dun cento de traballadores da televisión e da radio secundaron o paro na quenda de mañá, segundo o comité de empresa.

O programa estrela das madrugadas da RG, ‘Pensando en ti’, non foi emitido, e o matutino da TVG, ‘A Revista’, tampouco. Antes, o ‘Bos Días’ quedou sen información meteorolóxica nin deportiva, contou cunha soa cámara e tivo que prescindir do habitual faladoiro, malia ser un dos espazos que os servizos mínimos declararon esenciais.

O impacto da protesta foi maior que o do pasado 6 de marzo, segundo os traballadores en folga. A CRTVG asegura que secundaron a folga 108 traballadores dun total de 452 na quenda da mañá (o 24%), pero o comité advirte de que a dirección non ten en conta aquel persoal que non pode facer folga por baixa, permisos ou vacacións.