Sabela Maneiro –unha das compoñentes de Tanxugueiras– xa non está soa en Benidorm. Na mañá de onte collía un voo Aida Tarrío para reunirse con ela, á espera de que entre hoxe e mañá o faga tamén Olaia Maneiro, xa que o COVID lles impedira ás tres voar xuntas o domingo, cando tiñan previsto, rumbo ao festival levantino.

O anuncio do reencontro foi aplaudido nas redes sociais polos tanxufans. Non foi a única novidade do día. A axencia do grupo, a buenense PlayPlan, revelaba no Twitter unha imaxe dunha xigante pancarta na rúa Alcalá en Madrid.

Nela, facía un xogo fonético e gráfico co nome para subliñar que non se pronuncia Tanchungueiras senón Tanxugueiras, ao tempo que daban un consello para acertar coa pronuncia: enfatizar cada sílaba para que o x sexa pronunciado como debe ser.

Outra das revelacións da xornada consistiu en desvelar algúns detalles do que será a posta en escena da actuación prevista para mañá mércores no Benidorm Fest cando participará Tanxugueiras na primeira semifinal do certame a partir das 22.40 horas.

En primeiro lugar, Tanxugueiras non estarán soas no escenario. Estarán acompañadas por varios artistas galegos e galegas. Iago Pico, coautor de “Terra” tamén actuará na percusión electrónica.

Ademais, tamén se soubo que a escenografía correspóndelle á viguesa Laura Iturralde, quen o ano pasado conseguiu o premio da Asociación de Directores de Escena na categoría de mellor iluminación na obra teatral “Fariña”.

A coordinación dos movementos das tres pandereteiras é obra de Silvia Iria Miramontes mentres que Fran Sieira –responsable da compañía homónima na que traballa Aida Tarrío– se encarga do deseño do baile do todo o equipo no escenario.

Para o deseño do vestiario, o elixido foi o ourensán Jorge de Álvarez; para a maquillaxe, Miguel Bling; e nos audiovisuais, Marta Verde.

Como votar polo grupo?

Quen queira apoiar a Tanxugueiras mañá mércores ou o sábado –de pasaren á final– deben seguir o programa televisivo que RTVE ofrecerá a partir das 22.40 horas. Unha vez toquen todos os artistas participantes, os presentadores da gala, Alaska, Máximo Huerta e Inés Hernanz, anunciarán a apertura das liñas para que os espectadores (o voto do público supón o 25% dos puntos que determinarán o gañador) elixan mediante chamada telefónica e SMS. Darán entre 15 e 20 minutos para a votación. Unha vez se pechen as liñas, iniciarán o reconto dos votos.