A escenógrafa viguesa Laura Iturralde –orixinaria da parroquia de Matamá aínda que agora habita no centro–, con 37 anos de idade conta no seu currículo con traballos para o Centro Dramático Nacional, o Teatre Nacional de Catalunya, Sarabela Teatro ou Triatreros máis a iluminación do espectáculo teatral “Fariña”. Ela é a responsable do que se verá no escenario durante a actuación das Tanxugueiras que mañá mércores presentarán “Terra” por primeira vez en directo no Benidorm Fest na primeira semifinal que comezará a partir das 22.40 horas por La 1, inda que tamén se poderá seguir por diferentes redes sociais de RTVE. Lembremos que os votos do público –por chamada telefónica ou sms– e o xurado decidirán se pasan á final do sábado.

–Que supón para ti participar con Tanxugueiras no Benidorm Fest?

–Paréceme moi emocionante e estou moi agradecida non só por participar no Festival senón porque o fan con esta canción que ten unha mensaxe tan bonita e que tanto significa para o galego e as galegas.

–Foi moi difícil artellar unha coreografía para este tema, debido á presión?

–Non podo falar no nome da coreógrafa. Non obstante, como para a posta es escena en xeral non queriamos algo que fose moi esaxerado, entendo que para a coreografía tivo a súa complicación para facer algo sinxelo, emotivo e bonito.

–Sobre o escenario, estarán as tres Tanxugueiras, Iago Pico e... ¿alguén máis?

–De momento, non o podemos dicir.

–Como se vive dende dentro do equipo que o positivo lles retrasara a chegada a Benidorm?

–Houbo preocupación pero sempre o vimos dende o lado positivo e de esperanza. Calculando os tempos, xa contabamos con que ía ir ben.

–Para a xente que traballades no espectáculo en Galicia, que Tanxugueiras acuda ao Benidorm Fest cun equipo 100% galego, axuda a visibilizar mellor aos profesionais de noso?

–Si, totalmente. En Galicia, hai uns profesionais da escenografía, vestiario que normalmente estamos detrás e esta é unha oportunidade para poñer en valor e amosar ao mundo que desde Galicia se pode facer un produto de moita calidade.

–Deuche tempo de ver o escenario? Cal é a primeira impresión?

–Estivemos a velo esta mañá [por onte]. Del, destacaría que é moi novidoso porque eu adoito a traballar para o directo e este é un plató televisivo. Desde logo, impresiona entrar e ver esa cantidade de focos e pantallas, é bastante impresionante.

–En Galicia, hai moita expectación polo que poida acontecer, que mensaxe lle trasladas aos tanxufans?

–Nós queremos que sexa unha posta en escena da que nos sintamos todas orgullosas. Esa é a idea pola que levamos traballando todo o mes.