O Concello de Bueu organiza esta fin de semana as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0” e o certame “Mergullándonos no TikTok”, unha iniciativa coa que se pretende facer unha reflexión sobre o uso da lingua galega nas redes sociais e nos novos medios. A programación incluirá charlas, presentacións de proxectos, unha exposición, varias mesas redondas e como aspecto máis novidoso o primeiro certame “Mergullándonos no TikTok”.

As actividades desenvolveranse no Centro Social do Mar e na sala Amalia Domínguez Búa e o seu obxectivo é reivindicar a potencialidade do galego para crear contidos diversos e variados. Así, na xornada inaugural do venres Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, falará do audiovisual galego e da campaña levada a cabo para conseguir que a lingua esté presente nas plataformas de contidos “online”. Ao rematar, haberá unha mesa redonda para presentar tres experiencias exitosas na rede e elaboradas en galego.

Cartel de "Bueu e a Fala 3.0"

A xornada do sábado estará centrada no mundo do videoxogo e contará coa colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas (Muvi), o que servirá para afondar no uso do galego nesta industria cultural. Ás 11.00 horas os responsables do Muvi falarán da experiencia do museo cangués, que desde o ano 2020 conta coa consideración de Fundación de Interese Galego, sobre o galego no mundo dos videoxogos e dos máis de 100 títulos dos que dispón. Logo, ás 11.45 horas abrírase na sala Amalia Domínguez Búa unha exposición sobre a historia do videoxogo en galego.

As charlas retómanse ás 12.30 horas para seguir afondando no uso da lingua galega no eido dos videoxogos e participarán Luz Castro, de Videoxogo.gal; Carlos Pereiro, da revista Morcego; Carlos Vieito, da Mesa pola Normalización Lingüística; e Inés Mirás, de Grimorio of Games.

Pola tarde presentarase o videoxogo galego “Avoo”, creado pola empresa Iseltec, e que servirá para abordar a interxeracionalidade desta industria e incluirá un obradoiro no que pequenos e maiores poderán poñer en práctica os beneficios desde videoxogo que explora en galego a cultura e identidade de Galicia.

Cartel de Mergullándonos no TikTok

O peche destas xornadas será o domingo coa gala de premios do certame “Mergullándonos no TikTok”. Este concurso ten como finalidade aproveitar o crecemento desta rede social entre a mocidade e ofrecer a oportunidade de que as persoas maiores de 18 anos teñan a oportunidade de crear un video de temática libre en galego, para o que deberán etiquetar os seus videos a @Concellodebueu e co cancelo #SeVouATikTok. Os videos deben ser presentados antes do venres ás 23.59 horas e o xurado estará composto por tres coñecidas creadoras de contido na rede. Haberá tres premios, que poderán gañar un “kit tiktoker”.

Todas esta programación forma parte da aposta polas políticas de promoción da lingua galega e contan co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.