Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festival SonRías Baixas de Bueu
Berta Domínguez e Jordi Lauren Directores do Festival SonRías Baixas de Bueu

“Quixemos manter viva a marca SonRías e iso axuda a voltar con máis forza”

O certame regresa desde mañá e ata o sábado, xa co seu formato habitual

Berta Domínguez e Jordi Lauren, na presentación oficial do SonRías Baixas e coa praia de Beluso de fondo. GONZALO NUÑEZ

O Festival SonRías Baixas é un dos eventos musicais, culturais e incluso económicos de Bueu e da comarca do Morrazo no verán. O certame arranca mañá despois de dous anos marcado pola pandemia e o coronavirus. Unha volta á normalidade da que falan os seus responsables: Jordi Lauren e Berta Domínguez.

–En primeiro lugar unha cuestión de orde. Despois de dous anos marcados pola pandemia e con edicións especiais do festival, exactamente en que edición estamos do SonRías Baixas de Bueu?

JL: Esta é xa a número 19. Nos últimos anos, polas restricións sociosanitarias, celebramos outros formatos, que era o máximo que permitía a lexislación, pero non deixan de ser edicións. Este ano volvemos ao noso formato habitual e estamos encantados así que… a por ela!

BD: Si, é a edición número 19. Como di Jordi, contamos todas as celebradas menos a do MicroSonRías (no 2020) porque foi unha experiencia moi reducida, moi exclusiva e con limitación de asistencia. Aproveitamos ese ano para poñer máis ca nunca en valor o noso territorio e ofrecer experiencias arredor da música e o turismo. Este ano volvemos por fin ao noso formato habitual, estamos encantadas de que así sexa así e agardámosvos a todos e a todas para acompañarnos porque o festival é para o público.

Cremos que as persoas asistentes ás edicións pasadas seguirán aí nesta, que traducen a loita de continuar celebrando o festival os últimos anos nalgo positivo

decoration

–Como afrontan desde Play Plan o retorno a ansiada normalidade e a un festival como os de antes?

JL: A verdade é que o afrontamos con moita ilusión, xa non só por amosar o traballo que levamos facendo durante tantos meses, senón pola enerxía e o feedback que nos dá o público e as ganas que vemos que teñen de entrar de novo pola porta do SonRías Baixas. Tamén nos alegra moito poder volver ser un dos motores económicos do entorno económico e social no que vivimos, porque o festival ten un impacto tremendamente positivo no territorio no que se celebra. Iso para nós tamén é algo crucial, que nos ilusiona e que nos fai mirar cara adiante.

–Neste tempo de pandemia, quizais o sinxelo fose simplemente non organizar nada en 2020 e 2021 e agardar ao regreso da normalidade. Plantexáronse nalgún momento esa posibilidade ou o feito de manter vivo o festival axuda a que hora volva con máis forza?

JL: Non, nunca estivo sobre a mesa. Somos conscientes de que moitos eventos de ocio ou deportivos pararon ou pasaron a celebrarse sen público. Pero nós quixemos agardar ata o final para poder seguir a lexislación –complexa e cambiante– e manter a marca SonRías Baixas viva. Fixémolo polo público, por nós e polo impacto enormemente positivo que ten este evento na provincia de Pontevedra. Queremos pensar que isto axuda agora a volver con máis forza ao ter un público xa moi fidelizado. Cremos que as persoas asistentes ás edicións pasadas seguirán aí nesta, que traducen a loita de continuar celebrando o festival os últimos anos nalgo positivo.

Un momento da presentación oficial do SonRías Baixas, hai uns días no porto de Beluso. GONZALO NUÑEZ

–Cal foi a resposta que se atoparon por parte dos músicos e os seus representantes á hora de afrontar novamente un festival coas condicións previas á pandemia?

JL: A verdade é que as bandas e as axencias tiñan ganas de reactivar todos os empregos que hai arredor da celebración dun concerto e de volver xirar como antes. Pero no fondo penso que non tiveron nin tempo a ter unha reacción clara porque a voráxine de programación desmedida que hai en Galicia agora mesmo provoca ás veces que as xiras estean ao límite do desbordamento.

–O festival xa está ao pé dos vinte anos desde que soasen os seus primeiros acordes na pista da Banda do Río. Supoño que resulta imposible contentar a todo mundo cos carteis e cos grupos que veñen. Como valoran a evolución do SonRías neste tempo?

JL: A evolución do SonRías Baixas a nivel artístico durante case vinte anos é lóxica: tanto o público como as tendencias musicais cambiaron moitísimo. Á hora de configurar a programación non tratamos de contentar a todo o público, pero si ao que se identifica co noso evento. Ao pensar no cartel ideal para unha edición, non sempre acaba sendo así ao 100%, e por unha serie de motivos hai que estar sempre en constante cambio e actualizándose. Tratamos de seguir a liña que evoluciona da man do target do festival e nestes anos obtivemos sempre moi bos resultados.

BD: A valoración destes anos é estupenda. O SonRías é o primeiro festival no que tocan en Galicia moitas das bandas que despois acaban sendo cabeza de cartel noutros eventos da Península. Para nós isto é un orgullo porque facer que o público descubra e conecte con novos artistas é unha das partes fundamentais do festival.

Sería estupendo que a administración pública, sobre todo no caso de Galicia, apoiase ou se vinculase especialmente a eventos que levan demostrando durante un período longo de tempo interese e retorno, tanto a nivel social como económico

decoration

–Ao mellor poderíase pensar que a pandemia podía ter un efecto de “selección natural” entre os festivais, que só quedasen aquelas citas máis asentadas e con percorrido. A realidade é ben distinta, quizais porque todo mundo ten ganas de festa e recuperar ese tempo perdido. A verdade é que houbo citas que tiveron que cancelarse por escasa demanda ou falta de patrocinadores [Diversity Valencia, Benás ou Fan Fan] e outros por falta de seguridade. Estamos ante unha nova burbulla no mundo dos festivais?

JL: Penso que non se trata tanto dunha “nova burbulla” como da “primeira burbulla” que realmente existe no mundo dos festivais na Península. Sería estupendo que a administración pública, sobre todo no caso de Galicia, apoiase ou se vinculase especialmente a eventos que levan demostrando durante un período longo de tempo interese e retorno, tanto a nivel social como económico. Agora estamos a vivir o nacemento continuado de eventos que non contan coa seguridade de manterse no tempo e carecen dun plan estratéxico para a industria musical, que é o que verdadeiramente debería de marcar as decisións neste sector.

Os preparativos da montaxe dun dos escenarios do SonRías, no campo da Estacada. GONZALO NUÑEZ

–As administracións públicas lanzáronse de novo a programar festivais, sobre todo no marco do Xacobeo. Como lles afecta iso a quenes realmente se adican profesionalmente a esta industria?

JL: Penso que, agora mesmo, o Xacobeo para a industria musical galega é sinónimo de encargos desmesurados que, obviamente, provocan un efecto rebote en varias ramas da industria musical. Pero á vez desvirtúan ao mercado competitivo profesional e incentivan a confusión do público en relación a quen organiza que festivais. A mensaxe está moi difusa pero tamén é certo que esperamos con firme convicción que iso remate nuns meses porque, de non ser así, o efecto negativo vai facerlle un dano irreparable á industria musical.

–Durante a presentación fixeron fincapé na sensación de seguridade que manifesta o público nas enquisas. Ten o SonRías marxe de crecemento ou o seu actual formato e dimensión son as axeitadas para que o público, especialmente a xente moza, siga respondendo?

JL: Claro, temos marxe de crecemento, pero acompañado da reformulación do espazo e coa colaboración da administración pública local. E, sobre o público, é certo que a seguridade é o que máis valoran nas enquisas. Penso que conseguimos isto porque é algo que nos preocupa e para o que traballamos moito, pero tamén porque poden estar acostumados ao descontrol dalgúns eventos que non contan ás veces nin cos servizos nin co persoal de seguridade esixidos pola normativa.

O SonRías é un lugar para o descubrimento, contaremos nesta edición con moitas bandas que nunca actuaron en Galicia ou que xiraron moi pouco aquí. Agora é o momento!

decoration

–Que lle pedirían ao público que desde mañá acuda ao festival a Bueu?

JL: Eu pídolles que celebren con paixón a volta do SonRías ao seu formato habitual, que gocen dos seus artistas favoritos e tamén que se deixen conquistar polo entorno das Rías Baixas, que ofrece tantísimas alternativas de ocio e turismo na contorna: a través da natureza, a gastronomía, as paisaxes, a cultura.

BD: O meu consello é sobre todo que o pasen ben e que confíen no que non coñecen. Aínda que algunhas persoas pensen que só veñen ver unha banda, o festival está configurado para que se divirtan dende que as portas se abren ata que se pechan. O SonRías é un lugar para o descubrimento, contaremos nesta edición con moitas bandas que nunca actuaron en Galicia ou que xiraron moi pouco aquí. Agora é o momento!

–Non podo evitalo, teño que preguntalo. A presenza de Ska-P non deixa de ser unha vella aspiración do SonRías, pero as dúas veces que conseguiron incluilos no cartel houbo que suspender o festival, xa fose por un diluvio en verán ou pola maldita pandemia. Como se soe dicir, non hai dous sen tres e tentarán traer no futuro a Ska-P ou quedan vetados polo que poida pasar?

JL: [Risos] Non sabemos se o ano que vén Ska-P está pensando se facer unha xira, así que aínda non pensamos en cancelar.

BD: [Máis risos] Polo de agora imos festexar que volve a música, que volve SonRías no seu formato de sempre e que tanto o público tanto do Morrazo coma doutros lugares volverá gozar aquí, en Bueu, do directo de grandes bandas ou de estreas de discos e espectáculos.

Compartir el artículo

stats