Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (III)

O autor percorre o cambio dos docentes de depender dos concellos a cobrar os soldos do Estado

A escola de Fernández Rey. / Arquivo do autor

Co novo século vanse producir algúns avances no precario sistema educativo como a obrigatoriedade do ensino en dous anos máis e que os mestres pasasen a cobrar do Estado o que lles daría máis autonomía frente ao caciquismo concellil e os sacaría de “pasar fame”. Contodo, a falta de escolas e as deficiencias de material e mestres nas públicas, favorecerían a apertura de aulas particulares, basicamente para nenas e unha de padroado para nenos.

Batallón infantil de 1915. | ARQUIVO DO AUTOR

Sería un Real Decreto do 26 de outubro de 1901, promovido polo conde de Romanones, ministro de Educación, o que entre outros asuntos importantes vai ampliar a escolaridade ata os doce anos, as materias e os seus contidos, a distribución en graos do ensino primario (párvulos, elemental e superior) e a incorporación da paga dos mestres aos Presupostos do Estado. Xa que logo, desde 1902, o pago das atencións do persoal e do material das escolas públicas “dando fijeza a sus ingresos para acabar con la ignominiosa situación del magisterio en España”, vai ser un auténtico revulsivo nos concellos ao privar aos políticos locais do máis efectivo elemento de control dos mestres e do seu nomeamento. Contodo, aínda se seguirían denunciando irregularidades e reclamacións neste tema pois o Estado remitía os cartos do soldo dos mestres ao Concello onde un pagador os facía efectivos pero en caso de subas do mesmo, estas non se pagaban, pois alegaban que non constaban nos presupostos municipais ou se retrasaban varios meses para destinar estes cartos a outras cousas.

Asignaturas do ano 1910. | ARQUIVO DO AUTOR

No ámbito privado e desde 1901 abren dúas escolas particulares de nenas, reservadas para quen puidese pagar as mestras, permanecendo aberta a de Aurora Borines máis dunha década. Coa aportación filantrópica de Félix Soage, o seu irmán Benigno vai abrir en 1906 en Cangas, unha escola de padroado que estaría rexentada polo mestre Álvaro Fernández Rey. Á morte de Félix Soage primeiro e logo a de Benigno en 1922, Álvarez Rey continuaría cos fondos do padroado e logo de modo particular ata 1927, contando con algunhas subvencións do Concello. En 1910 e tamén para nenas vai abrir unha escola particular confesional chamada “Escola da Inmaculada” da que só sabemos que tiña como mestra a Elena Fernández e debeu ter curto percorrido.

Proxecto de escolas de 1909. | ARQUIVO DO AUTOR

Volvendo ao ensino público sabemos que a finais do ano 1905, algúns pais van transmitirlle ao Rector de Santiago o seu malestar pola falta de mestre na escola de nenos de Cangas, rexentada polo xa mencionado Avelino Vergara, que xa levaba varios meses pechada sen que a Junta Local de Enseñanza nin outras instancias se preocupasen de repoñelo. Xa pasaran catro meses desde que o día primeiro de agosto, este mestre “protexido” pedise o relevo, primeiro por “imposibilidad física” e logo por ter que ausentarse ao extranxeiro. A finais de novembro, ante a protesta dos pais, vaise cubrir a praza con interinos ata o nomeamento de José Abellás a mediados do ano 1906, outro mestre “con bula”, pois non aparecería por Cangas ata febreiro de 1907 ao se queixaren os pais en xaneiro ante as autoridades educativas competentes e o alcalde, denunciando que a escola de nenos levaba máis dun ano sen mestre xa fose propietario ou interino.

Retribucións dos mestres do ano 1911. | ARQUIVO DO AUTOR

Durante os anos seguintes, o traballo dos mestres e mestras vai ser menos convulso e incluso o soldo das escolas mixtas incompletas como a do Hio vai subir a 375 pts. anuais, a de Darbo, agora completa, a 625 e o mestre de Coiro vai solicitar a subida a 825 ptas. polo aumento da poboación da parroquia. Os mestres, agora con maior autonomía salarial, van empezar a promover distintas actividades e actuacións no entorno escolar como a proposta da mestra de Cangas Rufina Giráldez que solicita do Concello en 1906 a creación dunha Junta de Protección a la Infancia para que os nenos acudan á escola e non fosen obrigados a traballar. Desde xullo deste ano en que se fixera efectivo o nomeamento do mestre José Abellás e ata febreiro de 1907 en que se presenta, a escola de nenos de Cangas estivo sen mestre fixo creando de novo o conseguinte malestar e protestas de pais e agora tamén das autoridades. En novembro de 1909, o alcalde Manuel Cabanelas vai elaborar un proxecto de urbanización do barrio do Forte e da praia de Rodeira no que se inclúe a construción dun grupo escolar e para iso vai solicitar do Ministerio de Instrucción Pública unha subvención do 50% do custe das obras que non foi atendido ata xaneiro de 1913 concedendo Facenda unha subvención de 3.000 pts que logo no mes de agosto elevan a 22.134,87 pts. pero ainda así a nova corporación desistiría de facer as escolas. Anteriormente, nun día de xaneiro deste ano, tivera lugar un incidente entre a Junta Local de Enseñanza e o inspector de zona, ao proceder este a denunciar o pésimo estado das escolas e vivendas dos mestres e os continuos retrasos nos pagos dos seus emolumentos mensuais. Os compoñentes desta Junta non asumiron de bo grao os obxectos da denuncia e trataron ao funcionario con desconsideración e falta de respecto como lle transmitiu este aos seus superiores. En setembro de 1914 vanlle abrir un expedente ao mestre de Coiro no que se fai constar a súa incompatibilidad con el vecindario, esixíndoselle que mude de actitude pero os pais van insistir no seu traslado que se produciría no ano seguinte.

Reclamación dun mestre no ano 1905.

A finais de xaneiro do ano 1915 vai chegar á escola de nenas de Cangas, a mestra Perfecta Sitoula e pouco despois o seu home Manuel Vicente Mosquera Vidal que van deixar a súa impronta clasista e retrógrada no ensino e na sociedade canguesa durante bastantes anos. Manuel Mosquera, coñecido co alcume de “Barbicas” por usar barba, destacaría por promover cuestións como a do tranvía ata Cangas, polos seus artigos ou polas súas participacións literarias nos Xogos Florais de Pontevedra de 1916 onde alcanza unha mención honorífica co seu poema en galego Quen canta o seu mal espanta. Contodo, quizáis a sua máis sonada creación, nada máis chegar a Cangas, foi a constitución dun Batallón Infantil a imitación dos que xurdiran noutras partes motivados pola guerra de Marrocos. A orixe da idea deste batallón produciríase cando o domingo 6 de xuño de 1915 se celebraban en Cangas os actos na honra do Santísimo Sacramento, chamando a atención do mestre Mosquera as evolucións en Montero Ríos dun grupo de soldadiños procedente do colexio dos Salesianos de Vigo. Desde ese momento, el e outros mestres puxéronse a organizar outro semellante na vila cos nenos das escolas, dedicándolle agora o tempo da asignatura de Ejercicios Corporales, a practicar desfiles e evolucións militares. Con isto en marcha, xurdiría o problema da confección dos uniformes pois non todas as familias tiñan tempo e posibilidades de facerllo aos fillos e menos se eran varios como era adoito. Contodo, o proxecto seguiría adiante, agora con máis nenos, pois en outubro deste ano e por xestións de Vincenti, vanse duplicar as escolas de Cangas e as de Darbo e Aldán. A mestra de instrución primaria Anita Díaz confeccionaría unha bandeira de España co seu nome e incluso foi exposta en Vigo en maio do ano seguinte. Non temos moitos datos das intervencións deste Batallón que supomos concorrería ás Festas do Cristo ou a manifestacións relixiosas como a procesión marítima celebrada no porto de Cangas o 23 de abril de 1916, Domingo de Pascua en que os nenos ían ocupando un dos vapores engalanados para a ocasión.

En xaneiro deste ano 1916 vai chegar á escola de nenos nº 2 de Cangas o mestre ferrolán Ángel Mato Peña, significado socialista desta época que contribuiu á creación da Agrupación Socialista da Vila, á fundación da Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE-UGT) e do xornal “El Obrero”. Marchou de Cangas en setembro de 1924 e morrería no Ferrol na chamada Revolución de Outubro de 1934 ao ser tiroteado polos gardas do porto cando ía estoupar un transformador en protesta pola suspensión da corporación local polo gobernador civil.

“O Estado remitía o soldo dos mestres ao Concello, pero non se pagaban as subas”

decoration

Unha celebración escolar con moita repercusión social foi nestas datas a chamada Fiesta del Árbol, instaurada o 5 de xaneiro de 1915, mediante Reales Ordes dos ministerios da Gobernación e de Fomento, obrigando a cada Concello a fixar o día da celebración en sesión ordinaria do pleno municipal. Se nos anos anteriores apenas consistía en divulgar nese día nas escolas o valor dos bosques e da madeira, a celebrada o día 25 de febreiro de 1917 en Cangas adquerería especial relevancia ao ter como animador interesado da mesma a Prudencio Landín, profesor da Escola Normal de Mestres que se presentaba como candidato a deputado provincial. Como era ideoloxicamente afín ao goberno cangués, este colaboraría nos actos programados extraordinariamente, pois estaban en campaña electoral. Xa que logo, no devandito día congregarían en Cangas aos nenos e nenas de todas as escolas das cinco parroquias aos que lles deron bandeiriñas e unha merenda que amenizou a banda de música local. Logo foron plantar arboriños nas estradas de Aldán e de Bueu, retornando ao porto onde, tamén acompañados pola banda, entoarían o Himno al Árbol que se aprendía nas escolas. Rematado este acto, Landín e o alcalde Manuel Cabanelas aproveitarían para ditar senllos discursos partidistas pero comezaron a ser asubiados por unha ducia de persoas, tendo que se retirar ao pouco ante os apoupos do que xa era unha multitude.

A mediados de xuño deste ano, unha comisión dos agricultores de Darbo visitaría ao presidente da Deputación, señor Pazos, para solicitarlle a creación doutra escola na parroquia e desde finais de 1917, Alfredo Saralegui e máis o moañés José Costa van comezar a implantación dun sistema cooperativo entre armadores e mariñeiros baixo o paraugas da Caja Central de Crédito Marítimo e do Instituto Nacional de Previsión. Entre os aspectos que agora nos ocupan podemos destacar a creación das chamadas Casa del Pescador para convertelas en centros sociais para sacar os mariñeiros das tabernas e darlles acceso á cultura.

En Cangas este proxecto fracasaría pois os armadores vían esta Casa máis como un casino ou centro recreativo, xurdindo tamén reticencias a se mesturar cos mariñeiros. En 1918, cando Saralegui andaba a promocionar os pósitos e a creación de escolas, vai xurdir unha reacción pública dos mestres nacionais que criticaban a falta de formación dos docentes que accedían a estas aulas ás que cualificaban como escolas privadas. En marzo de 1920, os armadores, copiando a filosofía dos pósitos, van crear a sociedade “El Porvenir del Morrazo” na que tamén pretenden funcionar como cooperativa, agrupando a productores y capitalistas, e abren unha escola para a que contratan ao mestre Modesto Novelle que ata agora impartirá clases na escola societaria “La Antorcha”de Tomiño. Ao abrir a escola do Pósito de Cangas en 1922, Novelle pasaría a impartir docencia na mesma ata 1927, ano no que as escolas dos pósitos pasan ao sistema público estatal. Os mestres titulados seguirían nos seus postos mais o de Aldán e Modesto Novelle perderían a praza por falta de titulación oficial, sendo que a este último o deixarían exercer como interino ata 1932 nunha escola de párvulos de recente creación.

Compartir el artículo

stats