Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A historia do ensino na comarca

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (II)

Nesta entrega o autor céntrase sobre as tentativas de control do caciquismo sobre os docentes e o ensino

Unha ilustración cun mestre no rural e outro urbano durante o século XIX. Arquivo do autor

Nesta entrega imos deternos en varios casos que resultan interesantes para a análise da influencia que o caciquismo da Restauración tamén exercía no estamento docente. Non hai moitos estudos neste sentido e por iso consideramos expór todas as circunstancias proviñentes dunha práctica política asumida da que non se libraban as clases proletarias, pero tampouco as forzas da orde e incluso os párrocos.

Na altura de 1887 xa se equiparara o soldo de mestres e mestras, seguindo Cangas con dúas escolas na vila, cadansúa de nenos e nenas, dotadas con 1.100 pesetas. anuais para os docentes, a mixta de Coiro pasara a completa con 625 pesetas. e as de Darbo e Aldán eran mixtas incompletas con 250 pesetas anuais. O presuposto que Cangas destinaba ao ensino nestas datas era de 5.695 pesetas. e incluía o soldo dos mestres e os alugueiros dos locais da escola e das casas dos mestres, correndo o Estado escasamente coa dotación do material escolar pois máis dunha vez se fixeron colectas públicas para poñelo de novo ou amplialo.

Cadro cos mestres que exerceron en Cangas entre finais do século XIX e principios do XX. Arquivo do autor

Xa antes, desde o 22 de novembro de 1886, a Junta de Instrución Pública de Pontevedra, a instancias do Concello, tíñalle aberto un expedente “por faltas que se le suponen en el ejercicio de su cargo”, ao mestre da escola de nenos de Cangas Ramón A. Soler. En xullo do ano seguinte vai ser o propio alcalde quen lle dea un tempo ao devandito mestre para que se descargue das acusacións ante calquera autoridade menos a xudicial, senón será levado a cabo o expedente. Mentres seguían os lentos trámites do expedente, o mestre Soler continuaría atendendo a súa escola de Cangas para desesperación dos caciques causantes do mesmo, cuxo obxectivo era cambiar un mestre incómodo e moi crítico coa precariedade educativa do concello que, segundo a Lei, debería contar con máis escolas pola súa poboación.

En 1887, este feito xa ultrapasara os límites do concello e a pesar dos escritos de apoio ao mesmo, a comezos de marzo de 1890 a Junta de Instrucción ditamina que fose trasladado fóra da provincia. Mais, ao tempo, o mestre presentaría unha solicitude demandando do ministro de Fomento un voto de gracia e xustiza para o seu caso, que ao finalnon foi atendido, sendo destinado a Viveiro. Por unha serie de casos semellantes a este e doutro carácter, os mestres van crear neste mesmo ano a Asociación de Mestres do distrito de Santiago que nestas datas abranguía toda Galicia.

Unha crónica sobre o caso do mestre Soler, en 1887.

Unha crónica sobre o caso do mestre Soler, en 1887. Arquivo do autor

Nos primeiros meses do ano 1888 e aínda co ruido de fondo do caso dos mestres de Cangas, van xurdir protestas entre algúns docentes pois nesta altura, o Concello aínda non lles devengara os haberes correspondentes. Neste ambiente de control municipal das escolas, en xuño deste ano vai ser nomeado mestre de Coiro José Caamaño Martínez, pero un ano e medio despois vai ser suspendido de emprego e de medio soldo (312,50 pesetas.) pola súa continuada inasistencia, nomeándose outro mestre en 1890 xa coas 625 pesetas. de soldo e 75 pesetas para a casa-habitación que lle correspondían a esta escola mixta e completa. Ao final, Caamaño conseguiría que lle desen a dipensa, segundo el provocada polo defecto físico que padecía.

Rebaixa de soldos

En xullo do mesmo ano 1890, o Concello de Cangas, considerando moi elevado o gasto en mestres pretende que se lle rebaixe o soldo aos dous de Cangas e máis ao de Coiro, abríndose por isto un proceso que mesmo vai chegar ás autoridades educativas de Madrid. Ata finais de xuño de 1892 non só se resolvería este tema, denegándolle ao Concello esta petición de rebaixa salarial, ditaminada como irregular e ilegal, senón que mesmo serían conminadas as autoridades educativas galegas a que obrigasen ás autoridades de Cangas a cumprir coa legalidade vixente.

Nova sobre nomeamentos irregulares en Cangas no ano 1897.

Nova sobre nomeamentos irregulares en Cangas no ano 1897. Arquivo do autor

Esta referíase ao número de establecementos escolares que debía haber e que fixaba para nenos e nenas, catro escolas en Cangas e dúas en cada parroquia, número que apenas chegaba á metade. Con todo, se ben as autoridades canguesas non conseguiron o seu propósito de rebaixa dos soldos, tampouco crearían as escolas que debía ter por Lei o concello ata xa avanzado o século XX e seguirían practicando escuras manobras nos nomeamentos dos mestres.

A cara favorable deste panorama viría dada pola creación a finais do ano 1890 dunha escola mixta incompleta no Hío, resaltando tamén nesta data, a trascendencia mediática local que se lle dá a que, por primeira vez un mestre de Cangas, David Pérez Mandado, destinado en Rodeiro, alcanzase o cargo de Inspector de Ensino, sendo destinado para Xaén.

A mediados de abril de 1894, as dúas escolas, de nenos e nenas, foron clausuradas por un brote de sarampelo de carácter epidémico e no mes seguinte a escola de nenos da vila vai recibir unha placa co nome e o escudo de España así como unha bandeira para que ambos fosen colocados no exterior do local.

En 1895, a Asociación de Mestres xa está moi pendente do que acontece en Cangas cos mestres e fai público que unha mestra vai acceder irregularmente para a escola de nenas de Cangas polo que esta intención, logo manifesta, se aprazaría ata o ano 1897. Nestas datas xa funcionaba unha escola particular e a mediados de maio de 1896 abriría tamén en Cangas, un colexio privado católico de nenos onde se di que recibirán educación gran número de escolantes. Estaba presidido por Rafael Graña e Antonio Refojos, nomeando presidente honorario ao padre Matías. Instalaríase nunha casa do mestre J. Antonio Caamaño, que exercera de interino en Coiro e Cangas, situada na praza da Fonte Nova (praza do Señal) aínda que non sabemos se foi adiante.

O texto sobre o recoñecemento e "Voto de Gracias" ao mestre Vergara. Arquivo do autor

A comezos de febreiro de 1897 e dentro do corpo de mestres vai xurdir a polémica polo fallido nomeamento da nova mestra para a escola de nenas de Cangas, alegando que a nomeada non tomara posesión, asunto que ela desminte pois acredita que estivo no Concello da vila dúas veces con ese motivo pero foi estorbada nese asunto. Xorden entón sospeitas de escuras manobras neste tema e incluso sobre o tamén recén nomeado mestre de nenos recaen acusacións de falsificación dos censos para acceder a escolas de maior contía salarial.

A pesar da presión mediática e os recursos interpostos, estes mestres afianzaríanse nos seus postos e incluso o mestre Avelino Vergara, como continuaran as denuncias contra el, logo contaría cun “Voto de gracias” da Junta Local de 1ª Enseñanza pois xunto co mestre de Coiro José Rodríguez van iniciar as clases nocturnas para adultos. Esta Junta Local, que debeu constituirse nestas datas, vai ter un periodo de vixencia de oito anos e nela figuraba un concelleiro, o párroco de Cangas e tres pais de alumnos. Ademais de descargar ao alcalde do control sobre o ensino, entre as accións desta Junta van destacar de ano en ano, as distincións e votos de grazas públicos a algúns mestres así como determinados premios en cartos para material das escolas.

Nota sobre o expedente aberto ao Concello de cangas en 1892 polo incumprimento da lei e por querer rebaixar o soldo aos mestres.

Nota sobre o expedente aberto ao Concello de cangas en 1892 polo incumprimento da lei e por querer rebaixar o soldo aos mestres. Arquivo do autor

Asociación de Mestres

Para contar cun organismo que vele polos seus intereses, vaise constituir en febreiro de 1899 a Asociación de Mestres de Pontevedra pero formando parte da dirección da Junta de Distrito de Cangas van figurar, curiosamente, o mestre Avelino Vergara que sería o seu presidente, José Rodríguez, mestre de Coiro como secretario, e Rufina Giráldez como vocal, que frearían as reivindicacións na zona. A finais de outubro deste ano vai cundir a alarma en Cangas por terse detectado varios casos de variola e de sarampelo entre a poboación escolar, procedéndose a pechar temporalmente as escolas. A Junta Local de Enseñanza vixente nestes anos estaba composta polo concelleiro Manuel Sequeiros, o párroco José Martínez e José Pastoriza, Eduardo de Haz e Manuel Cabanelas representando aos pais.

Ata o 18 de abril de 1900, o ensino, pouco valorado como elemento de transformación social, formou parte doutros ministerios e nos últimos corenta e cinco anos (desde 1855) actuaría como unha Dirección General de Instrucción Pública y Cultura, integrada no ministerio de Fomento. Precisamente, na data antedita de finais do século XIX e baixo o goberno de Francisco Silvela, vaise crear por primeira vez o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes con varias seccións pero vai permanecer practicamente inactivo pola crise derivada da perda das colonias en 1898.

Xerardo Dasairas

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats