Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (I)

O autor percorre os inicios dos centros de ensino da vila dende os datos do catastro de mediados do século XVIII

Escola nº1 de nenos de Cangas, compartida co concello. Permanecería neste local case un século. | FDV

Iniciamos unha serie de artigos sobre o ensino público en Cangas, desde os primeiros pasos a comezos do século XIX ata o establecemento da II República, tentando abondar na súa lenta implantación, nas dificultades materiais, na política educativa e na precaria situación na que se desenvolvía o traballo docente de cada época, afectado pola precariedade económico-social que condicionaba estes tempos.

Proxecto de escolas de Cangas do 1878.   | // FDV

Proxecto de escolas de Cangas do 1878. | // FDV

O interese pola educación e a instrución foi durante séculos patrimonio dos frades e cregos que tamén contribuían á formación das elites políticas, señores e burgueses de cada época. E escribimos en masculino pois aínda que as escolas de nenas, rexentadas por mestras, xa abriran arredor de 1770 (Carlos III), non tiñan outro obxectivo que rezar, aprender a coser e inculcarlle ás féminas a subordinación e dependencia do home.

José Viñas, rector da USC. | FDV

José Viñas, rector da USC. | FDV

Os primeiros datos sobre mestres no Morrazo son do catastro de mediados do século XVIII, constando neste oficio como “avezador” de nenos Antonio Carballo no Hío, en Aldán Domingo de Cavras e outro en Beluso, todos con remuneración, o que indica que rexentaban unha escola privada para quen puidese pagala. A chegada a España da filosofía da Ilustración e das ideas emanadas da Revolución francesa puxo a instrución pública como obxecto de interese dos gobernantes, incrementándose este afán a medida que avanzaba a chamada revolución industrial. En 1812, as daquela progresistas Cortes de Cádiz xa aprobaran na que foi a primeira Constitución española, o establecemento de escolas de primeiras letras para os nenos e para as nenas e xa incluía que ademais dos “labores y habilidades propias de su sexo” se lles ensinase tamén a ler e escribir. Porén, a aplicación destas medidas aínda habería demorarse ata 1833 en que se empezan a constituír os novos Concellos que serían os encargados de implantalas.

Gastos de ensino en Cangas en 1860.

Neste contexto, cabe apuntar que o Concello de Cangas xa mostraría preocupación polo ensino desde 1817 en que lle solicita permiso ao Xeneral Intendente de Galicia para establecer el Magisterio de Primeras Letras en la Villa de Cangas para la enseñanza de la juventud como base de la instrucción necesaria a la felicidad general del Estado, contratando un mestre que percibiría 200 ducados anuais. Na mesma solicitude, realizada a través da Contaduría de Propios y Arbitrios, o Concello tamén pediría permiso para reedificar o antigo hospital, edificio que se utilizaría á par como escola, Casa do Concello e arquivo, ademais de solicitar un cirurxán, todo isto a financiar co remanente dos consumos (sobre todo do arrendado de viños e augardentes) que ascendía a uns 11.600 reais. Polos datos que manexamos, coidamos que non foi adiante este proxecto pois os ayuntamientos da corporación seguiron a celebrarse en diversas casas que se alugaban por un tempo nestas datas. Hai que matizar que desde a creación dos novos ayuntamientos en 1833 e durante uns anos, o concello de Cangas só estivo conformado pola propia parroquia e máis Darbo que era o seu anexo eclesiástico ata que finalmente se incorporaría Coiro que formara Concello con Tirán un curto espazo de tempo.

Ao fin, desde 1838 e atendendo ao Regulamento estatal de establecemento de escolas, no mesmo edificio mencionado anteriormente, vaise instalar agora unha escola completa de primeiras letras para nenos, sufragada tamén polo Concello que corría ademais co aluguer da vivenda, a selección e soldo do mestre que era José María Barreiro, o cal percibía 8 reais diarios (2.920 rs./ano). Nestas escolas ensinábanse as catro regras que por orde de importancia eran Doutrina Cristiá, Lectura, Escritura e Aritmética podendo incluír a Gramática e nocións de Xeometría, Historia, Xeografía e Debuxo. As poucas nenas que acudían eran ubicadas nun espazo cos párvulos que adoitaba atender a muller ou asistenta do mestre pues para atender a estas alumnas no se necesitan grandes conocimientos. Segundo os datos de Madoz de 1848, a escola de Cangas estaba frecuentada por 146 nenos e permanecería neste lugar durante un século. O mestre, polo Real Decreto de 1847, xa percibía uns 250 reais de vellón ao ano e o único ensino posible para as nenas, aínda marxinadas do ensino público, era asistindo a escolas privadas, onde un número indeterminado delas lles pagaban ás súas mestras certa retribución pactada o que as convertía, ata certo punto, en elitistas.

Concesión da primeira escola de Cangas en 1817.

Durante o bienio progresista (1854-1856), o ministro Manuel Alonso Martínez elaboraría unhas Bases sobre a educación, tentando paliar o alto índice de analfabetismo existente e acabar coa exclusiva tutela que a Igrexa tiña sobre unha docencia que fracasaba ante os avances europeos nesta materia. Os conservadores aceptarían estas bases e sobre elas o novo ministro de Fomento Claudio Moyano lograría aprobar en 1857 a que sería a lei educativa que regulamentase o ensino público e a máis lonxeva da nosa historia, pois con diferentes decretos, estaría vixente ata a reforma educativa coa E.G.B. de 1970. Contodo, esta denominada como Lei Moyano era filla do seu tempo e mantiña unha concepción elitista do ensino superior e seguía outorgándolle á Igrexa un grande control sobre los contidos educativos segundo establecía o chamado Concordato. A pesar disto, a Lei representaría un avance pois establecía, por primeira vez, a obrigatoriedade do ensino para os nenos de entre seis e nove anos que agora se estendía tamén ás nenas. Mais, como aconteceu con moitas outras disposicións centrais, esta Lei prexudicaba a Galicia ao ditar o establecemento de escolas en poboacións de máis de 10.000 habitantes, o que restrinxía o seu espallamento no territorio galego.

Por iso, despois de evidenciar este problema e as conseguintes reclamacións nas que tivo un papel importante o reitor de Santiago José Viñas, vaise facer en 1859 un decreto especial que eximise desta condición ás nosas poboacións, establecendo en cada municipio de máis de 500 habitantes, ao menos unha completa de nenos e outra de nenas, aínda que esta podía ser incompleta. Xa que logo e segundo a Lei, a Cangas correspondéronlle dúas escolas completas e unha incompleta, a Bueu (con Aldán e Hío) tres completas e dúas incompletas e a Meira (agora Moaña) tres completas e unha incompleta o que vén demostrar o esforzo educativo que estaba disposto a facer cada concello nestas datas.

No período 1860-1865 en Cangas só están en servizo dúas escolas completas, unha de 50 alumnos e outra de 51 alumnas cuxa mestra sabemos que era Florentina Nores Paz, habendo unha incompleta mixta na parroquia de Coiro. A diferencia entre as escolas chamadas completas e incompletas estaba nas materias que se impartían e se os mestres eran de carreira (a Escola Normal de Pontevedra abriu en 1845) ou do tipo habilitados que non eran máis que persoas con coñecementos que se acreditaban para impartir a docencia e percibían un soldo menor e se eran mestras aínda menos. O concepto de escola mixta con nenos e nenas non tiña relación co anterior e había escolas mixtas completas e incompletas aínda que estas adoitaban coincidir coas incompletas que se ubicaban nas parroquias, dándose o caso de que moitos pais se dirixían ás autoridades mostrando preferencias polas mestras. Un caso que lle afectou a Cangas nestas datas foi a solicitude xa oficial en 1862 das parroquias de Hío e Aldán, pertencentes a Bueu, que xa desde 1837 viñan pedindo a sua agregación a Cangas por motivos de estaren mellor comunicadas. No aspecto educativo, isto viría supor un problema para as arcas municipais canguesas ao teren que asumir o custe da escola de Aldán, única existente nestas datas para as dúas citadas parroquias. En Darbo, que volve a ser parroquia desde 1868, o Concello tamén tería que abrir unha escola mixta igual que en Coiro.

A Constitución de Cánovas del Castillo en xuño de 1876 vai reafirmar o modelo de monarquía parlamentaria, instaurando o chamado turnismo dos grupos políticos entre o seu Partido Conservador e o Partido Liberal de Práxedes Mateo Sagasta que van practicar a adulteración electoral. Este sistema, asemade, había incorporar o chamado caciquismo como elemento característico da vida política española nos anos finais do século XIX que tamén tería asento en Cangas, afectándolle a algúns mestres. Xa no ano 1878, o Concello de Cangas considera moi precaria a situación en materia de ensino e encárgalle a un arquitecto de Pontevedra un proxecto para edificar unha escola capaz de acoller a 200 escolantes de ambos sexos. Neste recóllese que o centro debe estar nun lugar que reúna condicións de hixiene e tranquilidade onde o profesorado e alumnado pudiesen purificar sus pulmones y tomar el sol sin obstáculos para o que nese radio non debe haber edificios que llelo impedisen. O lugar elixido foi á saída da rúa da Calzada no inicio do camiño Real a Pontevedra (hoxe Nazaret) e para iso houbo que expropiar algúns terreos nos que se investiron 2.000 pts. A obra a realizar tería un custe de 38.000 pesetas mais a precaria situación económica que pasaba o Estado e sobre todo o Concello ao que se lle denegou a axuda correspondente, fixo que este proxecto se abandonase, seguindo Cangas coas dúas escolas que tiña.

Arredor de 1880 e ao amparo dunha nova Constitución vanse producir mudanzas no ensino e por tanto vanlle afectar directamente aos concellos, pois as escolas hanse incrementar ao se facer a súa creación tendo en conta o número de habitantes. Xa que logo, vanse instalar dúas novas escolas mixtas e incompletas, unha en Coiro e outra en Darbo cuxos mestres ou mestras percibirían 250 pts. ao ano, contando o concello (Cangas, Darbo e Coiro) con seis escolas, unha delas completa de nenas. Nestas datas, aínda continuaba o proceso de agregación das parroquias de Aldán e do Hío pero ata setembro de 1896 este non se faría efectivo oficialmente pola Deputación, aínda que neste período transitorio o Concello cangués xa procedería a abrir en Aldán unha escola mixta incompleta e anos despois outra igual no Hío.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats