3.- De Punta Corveiro a Cabo do Home
Ao pasarmos da punta Corveiro temos as rochas Fabián e Corveiro da Masa por estar este perto da Cala da Masa (Maza?). Despois desta chegamos á Punta da Igrexiña dos Mouros, chamada así pola existencia dun castro galaico, estragado pola extracción de pedra para o porto de Vigo. A continuación vén o Con de Nerga, pedra sobresaínte frente a praia deste nome que provén dunha Villa Nérica romana. Logo temos a Punta e Con da Muxileira, posiblemente alusiva a abundancia de muxos.
A Punta Promontoiro é un saínte de terra aínda que non elevado como indica o nome e perto del están o Ballote do Medio e o Ballote do Mar, este cara o Costado de Barra e que como dixemos son rochas con forma de bolo. A Enseada e Praia da Barra reciben este nome pola gran barra de area e dunas que se formaban aquí. O cantil ao oeste chámase Costado de Barra e no mesmo ubícase O Almacén, antiga fábrica de salga en ruinas.
En 1896 esta salgadeira estaba en activo e contaba cun pequeno peirao e un pescante ao que se podía atracar para facer aguada nunha fonte con cano que había perto de alí. Logo temos o Cabo Pequeno e a Punta Fociño (Fusiño), que aluden ao seu tamaño e forma, e a seguir vén Punta Subrido, nome alusivo ao ruxir do mar con temporal. Por frente desta, está a Rocha Omear? que non sabemos de onde provén aínda que pode estar relacionada con Home.
Pasamos pola Praia de Melide (acaso dun Melitus latino) e por frente da rocha do Cabezo de Melide no mar, chegando a Punta Robaleira de fácil transcrición por abundancial de róbalo. Por frente desta están as tres rochas dos Capeludos e a Laxe da Robaleira. A costa vai seguir agora en elevado cantil polo Costal da Robaleira ata chegarmos a Cabo do Home, antigo posto de vixía, tendo no mar enfrente, a rocha chamada A Redonda pola súa morfoloxía.
4.-Entre Cabo do Home e Punta Couso
Este tramo, tamén elevado e cantileiro denomínase Costa da Soavela por ubicarse na mesma a garita principal do Facho ou Punxeiro e outros puntos de aviso de chegada de barcos inimigos como o Cabo do Home. Por frente deste están as Pedras das Baleas e máis adiante o Cu do Lobo, unha das furnas que existen nesta zona, aludindo á súa escuridade e perigosidade.
A Area de Besadouriños é unha zona de areal que non consideramos derivada de vesadouro pois esta palabra tén relación co arado e quizáis proceda de abesourar, axexar? Logo segue a Punta Besadouriños ou Coruxo. Este último nome fai referencia á zona rochosa elevada da raíz prerromana Cor-. Por frente están as rochas Pinelas, o Con da Fonte e O Petón.
A seguir cara o norte temos a Furna da Pomba e o Cabezo da Praia e a continuación por frente de Punta Vixía ou Soavela están o Leixón (pedra grande) do Facho, O Cabezo e O Camouco (rocha pelada). Continuamos polo chamado Costado do Rio ou do Facho onde desemboca o rio do Punxeiro e orixina o nome da Punta Paredón do Rio en cuxa frente están o Pozo Negro, a Laxe da Chousa e a Illa da Chousa, aquí co significado de rede para a pesca da sardiña.
Na zona da Chan de Outeiro atópase o Con Vizoso (produtivo) e na de Punta das Osas, as Illas Osas, quizáis chamadas así polo seu tamaño ou forma, a Enseada das Cunchas e o Cabalo de Aldán, alusivo ao seu tamaño ou forma. Antes da Punta da Cruz, alusiva a un naufraxio nesta zona, está outra rocha denominada Salaíños e a seguir os Baixos da Cruz.
4.-De Punta Couso a Bon: A Enseada de Aldán
A área de Couso cremos que recibe este nome por quedar do lado esquerdo cando os barcos saían desta enseada a mar aberto. Así se chaman en galego os costados dos barcos, correspondéndolle ao dereito (estribor) o de Arca. Ao norte da Punta de Couso atópanse as pedras chamadas As Cavadas e ao noreste a Pedra do Arestiño (de aresta=arista?).

Xa perto da costa de Couso temos o Baixo do Poste de Couce, os Baixos de García, o Con de Fóra, o Con de Terra, os Petóns e o Baixo da Quesera, o Dado do Con e a Pedra do Ferro, estes últimos por frente da Praia e da Furna de Couso. En canto a este último nome, cabe que lle veña a sua designación porque nos antigos balizamentos, algúns puntos perigosos sinalábanse cun ferro chantado nas rochas. A seguir veñen as praias do Estripeiro (arbustos) e de Rabáns e máis adiante as pedras Filgueiras case por frente da Praia e Punta da Halada que recibe este nome de cando se recollían as redes dos cercos halándoas desde terra. Por frente da Praia da Castiñeira están, de menor a maior distancia, a rocha do Cabezo, os illotes Mixieira (igual que Muxieira) e Castiñeira, os Baixos de Arcai e Carboeiro e os Cabezos de Arcai que quizáis se refiran a un nome propio (Arcadio?).
Desde a Punta do Corveiro e frente das praias da Meán, San Xián, Laxe e Carballal temos as pedras do Corveiro, O Consiño (de Con), as Pedras Agudelas e o Con de Manuel. Entre a Punta de Pinténs e a Punta da Testada (de testa=cabeza) están a praia de Pinténs, a Punta de Ameixide e a Praia de Arnelas e no mar por frente destas, os baixos do Coteife (capa de veludo) hoxe de Ameixide, as rochas Boutelle, o Con da Arnela e o Con da Testada.
Na praia e punta de Vilariño destaca a Pedra da Pinela e a seguir temos o Areal da Lontreira, a Punta do Con, o Porto de Aldán e por frente da Espiñeira está o Con da Xestadela. A seguir, cara o norte, temos as puntas de Pedra Rubia, Sartaxéns, Cativa e Niño do Corvo e entre elas as praias de Areacova coa Cova da Balea, Francón e Menduiña. Entre as puntas de Niño dos Corvos, San Martiño e Morceghos atópanse as rochas da Laxa do Aire e O Poste e máis arriba xa na zona de Bon (Bueu) están a Pedra das Chivas, o Baixo da Fanequeira e a Pedra do Lago de Bon.
*Profesor e investigador