Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Talasonimia da costa de Cangas (I)

O historiador Xerardo Dasairas recorre á memoria de vellos pescadores e antigas cartas náuticas sobre os topónimos referentes aos accidentes xeográficos

Petróglifo da Borna, primeira reprodución dun porto e barcos. | // ARQUIVO DO AUTOR

Os talasónimos son os topónimos referentes aos accidentes xeográficos da costa e do mar próximo a ela. Para poder elaborar a listaxe que ofrecemos, andivemos á procura dalgún caderno ou apuntes das marcas que mediante triangulación adoitaban facer os mariñeiros de antano, asunto que polo momento resultou infrutuoso. Cabe dicir que tras deste asunto sempre houbo un certo secretismo e discreción pois poucos mariñeiros revelaban unha boa zona de pesca ou os laños onde se agochaban peixes ou polbos. Xa que logo e a falta doutras fontes, recorremos á memoria dalgúns vellos pescadores pero sobre todo a antigas cartas náuticas, moi escasas en talasónimos, e a outras máis modernas de comezos do século vinte que nos aportan maior información ao procederen de estudos xeográficos sobre este tema.

Debuxo libro Escola Pesca Arquivo do autor

Somos conscentes de que faltan moitos microtopónimos coñecidos antano pero que xa non figuran nas cartas e que hai outros tantos de difícil comprensión, afectados pola evolución histórica, pola fala da zona e pola sua deturpación ao pasalos ao castelán. Moitos dos nomes aluden a pedras no mar, sumerxidas, semisumerxidas ou visibles, designadas segundo a sua morfoloxía, posición, superficie, uso..., outros a baixos perigosos e a maioría designan accidentes costeiros como puntas, illas, praias...

De Punta Canaval a Punta Borneira. | // A.A. Arquivo do autor

1.- Da Praia do Canaval a Punta Borneira

Comezamos cunha zona de rochas grandes e pequenas, a maioría sumerxidas co abalo (marea alta) do mar. Entre estas están os Petóns do Canaval, As Polbeiras (pedras), a Illa das Ratas, Oliveiras (pedras), a Pedra Lamela, as Rodeiras (pedras) e a Pedra do Corvelo. Logo, cara a Punta de Rodeira están as Pedras Sertáns (certáns?) que tamén lle chaman da Sartén pola sua forma e ao seu lado hai outra nomeada Bemollo(?) nas cartas antigas.

De Punta Borneira a Punta dos Castros Arquivo do autor

No antigo porto de Cangas había unhas rochas chamadas Salaiños que se corresponden coas do Señal, frente ao río Bouzós e que sinalaban o límite entre as parroquias de Cangas e Coiro. Tamén había outra chamada Castañeira que desapareceu ao facer o espigón. Por frente do actual porto de Frigoríficos había una rocha chamada Fanequeira e na zona de Lavapés onde esta o dique de Massó, aparece outra designada como Pedra do Ghabón / Xabón? Na área do Salgueirón había baixos e rochas frente da fábrica designadas como A Insuela, tamén grafadas como Ansuela e Insuavela. A zona entre a fábica e a baleeira denominábase Costa Lameira e frente dela estaba a Pedra da Bouciña e a seguir viña o chamado Carreiro, unha lingua de auga navegable entre a costa e un illote que desapareceu ao facerse o espigón de Punta Balea.

Claudio Coello fixo en 1856 o mapa máis completo da época Arquivo do autor

Ao leste de Punta Balea, mar adentro atópase o Baixo Salgueirón e por frente a pedra Centoleira, lugar moi perigoso para os barcos con moito calado que accedesen á dársena de Cangas. A seguir está a Praia da Congorza, cuxo nome vén de congro e nos textos antigos desígnase como A Congroça. Continúa a costa coas praias do Medio e das Cunchas e logo vén a Punta Borneira, nome redundante pois Borne xa significa punta, ainda que en cartas antigas tamén figura grafada como Morneira. Por frente da Punta Borneira temos as rochas Borneirón, A Serriña e as Laxes da Borneira, zona de rochas abeirada polo Baixo de San Roque e o Baixo de Sta. Ana.

A Borneira 1910

A Borneira 1910 Arquivo do autor

2.- Da Punta da Borneira a Punta dos Castros

Seguindo a costa temos a Ribeira Salida e o Areal de Milla (cor) por frente dos que están o Illote Corveiro (de corvos mariños), O Leixón (laxe grande) de Areamilla e o Con Salaíño, quizais alusivo a un salaio ou lamento provocado ao bater o mar. Na altura, ubícase o Outeiro da Vela ou Garita, onde antigamente se situaba un posto de vixía. A seguir, cara o oeste, temos a Cala de Anguieiro ou Entremuiños pola ubicación de muiños e abundancia de anguías. Pola mesma razón aparece denominada a Punta dos Muiños e perto dela está a Pedra Freixuis, acaso de freixois?, ainda que tamén se apunta como procedente do alcume dun veciño. Logo temos a Enseada do Rei, que non sabemos a que se debe esta denominación e a Punta Fanequeira, alusiva a estes peixes. Após desta, están os Fornelos (As Furnas), entradas estreitas do mar moi perigosas tanto por mar como por terra. Por elas dise que saían ao mar por un túnel os mouros que habitaban no monte Castelo. Seguindo a costa temos a Punta Salgueira e a Enseada do Fornelo que denota a existencia dunha furna. Por frente desta están os cons dos Camouquiños e o de Barreiro e xa no Portiño a Praia de Santa Marta e a Pedra da Pinela, de pena, peneda pequena.

Por frente da Praia de Liméns está a A Ballota que se ben hai unhas plantas con nome parecido, coidamos que tén máis relación con ballote, bolo ou bolouro relativo á designación de rochas. A continuación seguen os Baixos dos Bouceiros por frente da costa dese nome e logo os Baixos de Temperán e das Eiras. Temperán aparece tamén en plural cando Gil Montrelles abre aquí, sobre 1860, a salga chamada Almacén de Temperáns que dez anos antes se denominaba praia de Patay.

Seguindo pola costa, aparecen a Praia das Moscas, a Punta Rocha dos Patos, a Punta do Rabelo e a Enseada do Rabelo, ambos procedentes de rabo. A continuación veñen a Punta Corveiro dos Castros e a Praia dos Castros por frente dos que están no mar o Illote do Frade, as rochas Centoleiro, Salaíños de Terra, Salaíños de Fóra e os Baixos dos Castros.

Compartir el artículo

stats