Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pesca nos bacallaus e Terranova (III)

Unha vista da ría de Pasaia, base da pesca do bacallao e dos mariñeiros galegos.

O investigador Xerardo Dasairas achega a terceira parte sobre a pesca do bacallau no caladoiro de Terranova, unha actividade cunha gran presenza de tripulantes do Morrazo. Nesta ocasión o autor fai un percorrido polas compañías máis importantes do sector, o auxe desta pesca e o posterior resentimento dos caladoiros debido ao sobreesforzo pesqueiro. Unha historia na que xurden as tensión con Canadá, a coñecida como a “guerra do fletán” ou o apresamento de varios buques galegos, como o famoso caso do “Estay”, en marzo do ano 1995.

Constituida por empresarios vascos, o banco Bacaiztegui y Mestre e outros accionistas, entre os que estaba o rei Afonso XIII, nacería en 1919 a empresa Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España (PYSBE) con sede en Pasaia (Guipúzcoa). Cun capital de catro millóns de pesetas constrúen barcos de 1.250 toneladas en asteleiros daneses e escoceses sendo a parella “Afonso XIII” e o “Euskal-Herria” os primeiros que partirían por primeira vez para Terranova no 1927, tres anos despois que o barco galego pero con galegos na tripulación.

Nesta data xa “operaba” e residía no “Hotel Robert” de Saint Pierre o coñecido capo da mafia Al Capone, que tiña a illa como punta de lanza do contrabando de whisky e champán cara Estados Unidos. Os famosos sombreiros Fedora como o que vestía o gánster foron logo o souvenir máis demandado polo turismo desta illa, hoxe convertida en paraíso fiscal. En 1945 e para acurtar o tempo nas descargas, abriría unha factoría en Ferrol e no 1952, grazas ao fluxo dos créditos, esta empresa xa posuía trece barcos e catro máis en construción, sendo o produto da súa pesca en Terranova, Groenlandia e Nova Escocia de arredor de 20.000 toneladas anuais. No ano 1970, as súas capturas ascendían a 30.000 Tm. anuales, desaparecendo en 1974 acuciada pola crise do petróleo (1973), a mala xestión, os roubos e o exceso de persoal.

O bacalloeiro "Rodeira", da empresa Pesquerías del Bacalao S.A. (PEBSA)

No ano 1938, en plena guerra civil, nacería en Salamanca unha nova empresa bacalloeira denominada PEBSA (Pesquerías del Bacalao S.A.), que tería como base das suas instalacións o porto da Coruña ao estar dirixida polo seu maior accionista, Pedro Barrié de la Maza e o Banco Pastor, que viñan sendo o mesmo. Barcos merluceiros como o “Rande” e “Rodeira”, de indubidable fasquía e tripulación galegas, van operar en 1949 como parella na pesca do bacallao aos que logo se sumarían outras como “Arriscado”/“Cervello”ou “Esguío”/“Farfalleiro”, que marcarían os tempos épicos dos galegos en Saint Pierre et Miquelon durante anos. Porén, en 1960 xa pasa por dificultades pola caída dos prezos e acabaría pechando en 1992 a pesar de fusionarse desde 1971 con Agrupesca e outras empresas da mesma cidade, contando en 1988 con máis barcos que outras compañías.

Mariñeiros galegos en Pasaia, ano 1922. // Museo do Pobo Galego

Coa incorporación en 1940 de COPIBA (Compañía de Pesca e Industrias del Bacalao) completaríanse as tres grandes compañías que acapararían a pesca e comercio do bacallau nestas datas. Esta empresa con sede en Madrid estaba dirixida polos irmáns Portanet e outros socios que levantan unha factoría en Chapela (Redondela) e arman catro bous de 600 Tm. de carga cada un, construídos en Barreras. Tiñan por nomes “Puerto de Navacerrada”, que partiría por vez primeira o 23 de setembro de 1948; “Puerto de Fontefría”; “Puerto de Bonaigua” e “Federico Heredia”.

Nos anos sesenta destacaría a empresa Alvamar que a pesar de ser vasca, constrúe grandes barcos en Barreras e que tamén levaban nomes como “Ponte de Rande”, “Estreito de Rande”,“Rodeira”, “Xaxán”, “Meixueiro”, “Monte Confurco”, “Monte Galiñeiro”... Todos con tripulacións galegas nunha alta porcentaxe. Desde 1952, mentres os portugueses seguían coa pesca de vela e anzó, van ser máis as parellas galegas no banco de Banquerau pola falta de capturas no mar de Irlanda. Nestas datas, os portos de Ribeira, Coruña e Vigo eran os principais na descarga do bacallao despois de tres meses de faena.

A sede da Compañía de Pescas e Industrias del Bacalao S.A. (Copiba), en Redondela.

Cara a 1970 aínda pescaban en Terranova unhas 72 parellas e 19 bous que facían campañas de ata sete meses con periodos de descanso en Saint Pierre ou Saint Johns de máis ou menos catro ou cinco días cada dous meses segundo a autonomía dos barcos.

Outro intento fallido de empresa sería o de IBASA (Industrias del Bacalao, S. A.), unha sociedade pesqueira con base en Pasaia que en 1929, por idénticas razóns ás da empresa galega dos Domínguez, desaparecería do panorama bacallaeiro da época, logo de ter realizado só media campaña. Nestas datas dos primeiros anos trinta, xa eran numerosos os mariñeiros galegos asentados en Pasaia que antes de conseguir un rol nos bacallaeiros, traballaban na flota de arrastre vasca. Por este motivo, ao producirse o golpe militar de 1936, serían bastantes os mariñeiros do Morrazo que se alistarían nas forzas vascas en defensa da República.

Un bacalloeiro da empresa Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España (PYSBE) en 1927.

A empresa Casa MAR (Motopesqueiros de Altura Reunidos) fundada en 1939 tamén vai operar na zona de Terranova, Groenlandia e Boston desde 1950 a 1967 con barcos á parella como o “Mar de Terranova”/“Mar de Groenlandia”, “Mar de la Rochella”/ “Mar de Irlanda” ou o “Mar de África”/“Mar de Sargazos”. Ademais das duras condicións meteorolóxicas e do forte mar, estes barcos ao principio non contaban con radar nin sonda tendo que situarse e marcar o rumbo con sextante. Máis tarde, un dos barcos da parella xa levaba telefonía, entanto que o outro só contaba cun receptor, comunicándose cun código semellante ao Morse pero caseiro, pactado previamente.

As redes eran de cánabo e a pesca facíase próxima aos cantís, un deles moi galego como o Cantil do Leste, co que o aparello rachaba con frecuencia. Logo, no ano sesenta, chegarían as de nailon e a aventura mar adentro na procura de bacallaus de maior tamaño, compartida con barcos portugueses, rusos, franceses, xaponeses... que se concentraban no caladoiro a seis millas de Saint Pierre ou no entorno da Illa de Sable (area en francés).

As bandeiras de tres das empresas españolas máis importantes na pesca do bacallao.

En Cangas destacaría desde 1952 o secadoiro de bacallau que Ángel Azpeitia instalara na fábrica do Forte e que contaba con catro túneles de secado con ventiladores centrífugos de fabricación propia. Esta experiencia apenas duraría catro anos pola falta de produto que se comezaba a notar e que non se recuperaría, aínda que escasamente, ata os comezos dos anos sesenta. Nestas datas aínda se pescaba á parella con redes de copo en barcos (trowlers de gasóleo) de 30 m. de eslora e 60 toneladas de carga en mareas que dependendo do barco podían durar entre 50 e 80 días, aínda que tamén se podían alongar ata máis de cen días.

Mapa cos bancos de bacallao e as bases en Terranova (Canadá).

En torno ao ano 1966 xa se certifica o esgotamento dos caladoiros e a escaseza de bacallaos grandes pola sobrepesca a que se viu sometida a zona e que nestas datas alcanzaba os dous millóns de toneladas anuais. Durante o século XIX, cando se dicía que fervían as augas en Terranova con tanto peixe, capturábanse entre 150.000 e 400.000 toneladas, alcanzándose en 1950 ás 900.000. Segundo os investigadores canadenses, entre o 1886 e mediados dos sesenta, os stocks de bacallao minguaran nun 96% acendendo todas as alarmas. No momento máis álxido desta pesca chegaron a faenar 150 barcos e 5.000 homes (uns 3.000 galegos) que chegaron a capturar unha media de 300.000 toneladas, provocando unha sobrepesca e esgotamento dos caladoiros que encendeu as alarmas no goberno do Canadá.

A pesar disto, o presidente do Sindicato de Pesca anunciaría a comezos de 1972, a apertura dunha oficina sindical en Terranova cun asesor laboral e un axudante, sen especificar a localidade. Entre as medidas que tomaría o executivo canadense destacaría a adopción da zona exclusiva das 200 millas en 1977 co apresamento de dous barcos en agosto do 1985 (“Uralde” e “Urízar”, con base en Vigo) e logo a moratoria de 1992, factores que mudarían o panorama desta pesca.

Nos anos seguintes derivaríase a pesca nestes caladoiros cara o fletán, pero os canadenses seguían acosando aos barcos españois ata que se produciu en marzo de 1995 o apresamento, tamén ilegal, do “Estay” creando fortes tensións diplomáticas entre a UE, España e Canadá. Por estes motivos e ata hai uns anos, a flota da industria bacalloeira española tan só se limitaba a dous barcos en Pasaia e otros dous en Galicia, os “Arosa 14 e 15” da Vasco Gallega. Actualmente e no que respecta a este tema, o aspecto do porto vasco, do de Vigo ou o da Coruña son desoladores en comparación co seu activo pasado entre 1950 e 1977 e nos seus peiraos apenas se atopan xa algúns xubilados que faenaran en Terranova. Porén, no Morrazo, ata hai uns poucos anos, aínda adoitaban celebrar xuntanza “Os últimos de Terranova” para reencontro de compañeiros e relembrar o que foron aqueles duros días da pesca do bacallao.

Cadro coas capturas e valoración económica do bacallao, desde 1962 a 1992.

Desde 1977 todo foron dificultades para esta pesca. Primeiro pola redución por sobrepesca, logo pola veda e peche do caladoiro para a flota española e finalmente pola coñecida “guerra do fletán”, que causou conflitos diplomáticos con Canadá. Ata hai uns anos eran dúas as asociacións, unha galega (Agarba de Vigo) conformada polas empresas Áncora e Velaspex, e outra vasca (Arbac de Pasaia) as que pescaban bacallao no Mar de Barents no Ártico ruso-escandinavo. A empresa vasca traballaba cunha parella de barcos e a sociedade galega con tres barcos, dous e un de cada empresa que na actualidade xa se reduciron a dous. Entre ambas xestionaban o 65% dos dereitos españois desta pesca, destinada en gran parte á exportación, vendo incrementado o seu beneficio nun 15% polo abaratamento do combustible e o aumento do prezo do bacallao.

O barco "Puerto de Navacerrada" da empresa COPIBA, ano 1948.

Nos primeiros anos deste século aínda eran 39 os arrastreiros dedicados a esta pesca e en 2019 xa eran unha ducia os que faenaban nas augas da zona NAFO que neste ano respiraba aliviada ao lle ser concedido un 60% máis desta pesca (2.500 Tm.). Mais, o envellecemento e por tanto esterilidade dos peixes no caladoiro e a escaseza de novos exemplares que para maior desgraza, lle serven de alimento aos máis grandes xa obrigan a restricións drásticas quedando actualmente o cupo español en 376 toneladas.

Tentando sobrevivir con parte deste cupo xa só son dous os bacalloeiros de Vigo, o “Lodairo” da Pesquera Áncora e o “Monte Meixueiro” da Empresa Valiela, os que saen ao mar a esta pesca.

Asemade, esta flota con maioría de barcos galegos está sometida a unha esaxerada presión de vixilancia e control burocrático e as empresas armadoras valoran deslocar a súa base de descarga para Aveiro. Lembremos que desde este porto, como se entrásemos nun bucle histórico, xa era do que partían hai séculos os primeiros galegos que ían aos bacallaos.

Xerardo Dasairas

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats