Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pesca nos bacallaus e Terranova... e un de Cangas (II)

O barco "Melitón Domínguez", en Vigo en 1925, fletado polos Macaya e no que na primeira expedición viaxaba un cangués.. | //

O investigador Xerardo Dasairas afonda na investigación sobre a pesca do bacallau e a participación de mariñeiros do Morrazo. A presenza dun tripulante de Cangas na primeira expedición ao bacallau levounos á procura da sua identidade en azarosas pescudas en capitanías e arquivos, máis só conseguimos coñecer a unha parte da tripulación. Aquel primeiro e único cangués da expedición ao que anos despois seguirían moitos máis do Morrazo segue no anonimato pero a todos eles, afoutos e arriscados mariñeiros galegos de antano, queremos adicarlles estas liñas, a xeito de pública homenaxe.

A comezos do século XX a zona de pesca do bacallau estaba moi controlada por ingleses e franceses con presenza continua nestas augas das súas flotas de guerra. Coa descolonización do Canadá, os franceses querían manter a sua presenza colonial na zona, que aínda que moi escasa, significaba moito en canto aos rendementos pesqueiros. Mentres os portugueses seguían coa pesca do bacallau polo tratado cos ingleses. As flotas españolas xa tiñan esquecido estas pesqueiras desde 1713 como dixemos anteriormente e en 1770, o empresario coruñés Jerónimo Hinojosa trae a un vasco de San Xoán de Luz, experto en bacallao, para abrir en Arousa unha salgadeira de merluza e badexo que fracasou.

Descarga e secadoiro de bacallau no lugar de Palmeira.

Descarga e secadoiro de bacallau no lugar de Palmeira.

Ata 1901 o bacallau proviña das illas Lofoten (13 millóns de pezas) e en febreiro de 1902 son varios deputados os que expoñen a posibilidade de operar na pesca do bacallau en Terranova ao suprimirse o dereito ao peixe collido en mar libre e aforrar 25 millóns de pesetas na importación de 40.000 toneladas da bacallao ao ano para consumo interno. A tal fin propuñan o emprego de 700 barcos de 120 toneladas que cunha tripulación de vinte homes por barco, daríanlle emprego a uns 14.000 pescadores. Mais naquel intre e coa crise das últimas colonias enriba, o proxecto caería no esquecemento. Nesta altura, as pesqueiras de Terranova seguían explotadas por franceses e ingleses mediante acordos denominados modus vivendi, o que non evitaba continuos conflitos entre eles.

Sería a comezos dos anos vinte cando se advertiría o paulatino esquilme dos caladoiros da costa galega pola sobrepesca incitada polas conserveiras e as malas artes practicadas desde comezos do século XX. Isto faría que algúns armadores galegos comezasen a deslocar as súas bases cara portos andaluces para explotar os caladoiros coloniais españois en África. Cara a 1927 calcúlase que máis do sesenta por cento das embarcacións que explotaban a pesca en Cádiz e Huelva estaban matriculadas en Vigo e A Coruña.

Vapor tipo Vigo, dos máis grandes que se podían construir, de Construcciones Navales Paulino Freire.

Unha das primeiras empresas pesqueiras galegas en Andalucía foi Tejero, Mariñas y Cía da Coruña, que se establecería en Cádiz en 1905 e outra a dos Irmáns Esmeraldo, Raimundo e Manuel Dominguez Macaya de Panxón que se establecerían en Sevilla en 1911. Estes e máis o seu pai Melitón Domínguez Leal (1843-1916) eran de orixe sevillano, pero viñeran a establecerse en Galicia onde foron dos primeiros empresarios que obtiveron unha concesión administrativa para instalar unha cetárea no mar e comercializar a langosta.

O bacallau era unha especie aínda moi demandada no mercado español, cun consumo estimado de 50.000 toneladas ao ano a pesar dos custes de importación. Os Macaya decidiron retomar a pesca no caladoiro de Canadá 200 anos despois da última experiencia

decoration

Esmeraldo, Manuel e Raimundo dirixían empresas de pesca en Vigo e Palmeira (aquí asociados con Maldonado e Baspino) e van abrir en Sevilla oito establecementos denominados “Pescaderías Gallegas”, adicados á venda de peixe e servindo tamén como freidurías do mesmo. Este peixe chegaba a Sevilla nos vapores de cor branca da empresa e descargábase no Peirao Metálico do Guadalquivir, daquela máis río e con mellor porto que hoxe. Porén, a base da sua flota estaba en Cádiz onde cara 1920 chegaron a contar con doce buques, unha fábrica de xelo, un taller mecánico e un dique flotante.

O bacallau era unha especie aínda moi demandada no mercado español cun consumo de 50.000 toneladas ao ano a pesar dos grandes custos de importación. Cara 1916 adoitaba chegar a Galicia en barcos mercantes como o “San Telmo” que abastecía almacéns da Coruña, Vilagarcía e Vigo. De cara a mellorar e rendabilizar economicamente esta situación, os Macaya deciden retomar, 200 anos despois, a pesca deste peixe en augas de Terranova.

Cortando bacallau a bordo dun barco, no ano 1925.

Para iso, adquerirían en Bologne-Sûr-Mer (Francia) un motoveleiro de vapor de 636,60 toneladas, tipo trowler (arrastreiro) denominado “Ocean”, ao que lle mudarían o nome polo de “Melitón Domínguez” en honra ao seu pai, establecendo tamén un secadoiro aberto no areeiro de Colomer e catro de tipo mecánico en Ribeira no lugar de Insuela en Palmeira.

A comezos de marzo de 1924 o barco partiría de Bologne rumbo a Cardiff para carbonear saíndo o día 9 deste mes cara a Sevilla onde se vai armar a nome da súa nai, someter a revisión, aprovisionamento, preparación para a pesca e enrolamento da tripulación. Finalmente, o vapor que contaba con telegrafía e telefonía sen fíos, electricidade e motor eléctrico para halar o aparello, partiría cara Terranova o día 6 de abril, data que, obviada durante anos polos investigadores, veu sinalar un fito nos anais da nosa pesca tendo moito eco nas comunidades galegas de América.

O "Melitón Domínguez" zarpou de Sevilla cara Terranova o 6 de abril de 1924, unha data que viu a sinalar un fito nos anais da nosa pesca . O barco contaba con telegrafía e telefonía sen fíos, electricidade e motor eléctrico para halar o aparello

decoration

Tras desta iniciativa pesqueira estaba, non só converterse nos primeiros en reanudar a captura do bacallau, senón tamén ser pioneiros no inicio da pesca moderna neste caladoiro, superando así a época dos veleiros e da liña, pasando á pesca de arrastre mecanizada con redes de bou.

A tripulación desta primeira viaxe estaba formada por 45 homes dos que 18 eran franceses expertos nesta pesca dirixidos polo capitán Dufour e o oficial Murisse. O capitán do barco era o asturiano Fernando Villademoro, o primeiro maquinista Victor Marzo do Ferrol, o segundo José Domínguez Braje de Pontedeume e o contramestre Antonio Sobrido do Porto do Son. O resto da mariñería estaba conformada por 17 homes do Porto do Son, 5 de Panxón e un de Cangas tras cuxa identidade andivemos bastante tempo sen poder conseguilo pois non localizamos o libro de rol do barco.

Un novo barco bacalloeiro construído en Galicia en 1960.

Agás os franceses, ningún deles tomara parte anteriormente nesta clase de pesca, mais pronto se adestrarían todos de tal maneira que na segunda campaña o numero de franceses quedaría reducido a tres, un dos cales era redeiro, outro salgador e outro que interviña nas faenas de degolar e abrir os bacallaus. Nas operacións que requirían máis coidado, non tardaron en adquirir competencia os tripulantes galegos, chegando algúns rapidamente a desollar como os franceses máis adestrados. O capitán de pesca, que era francés, foi tamén pronto substituido polo que fora contramestre, Antonio Sobrido, que levaba moitos anos de servizo nas flotillas pesqueiras dos Domínguez en Galicia e Andalucía.

Nas dúas primeiras viaxes de 1924 a pesca de bacallau supuxo unhas 280 toneladas; as dúas campañas de 1925, unhas 560 e en 1926, cunha soa viaxe, unhas 260 toneladas. Tres anos, pois, con dúas campañas na primavera e no outono, duraría a experiencia do “Melitón Domínguez” na devandita pesca que habería de ser suspendida polo baixo rendemento que daba un só barco (só 1.000 toneladas en tres anos), o inconvinte do secado natural nun clima pouco propicio e a falta de capital para ampliar a flota. Con todo, esta experiencia pioneira había rematar coas importacións e abriríalle a porta á mecanización desta pesca en España.

A primeira experiencia do "Melitón Domínguez" durou tres anos. A explotación tivo que ser suspendida polo baixo rendemento dun só barco, con apenas 1.000 toneladas en tres anos. Mais o camiño xa estaba aberto.

decoration

Tras da iniciativa dos Macaya e a súa adquisición dun barco de segunda man no extranxeiro quedaron en evidencia dous factores primordiais: a necesaria capitalización para construir os barcos por parellas para facer máis rendible a pesca e a carencia de asteleiros para fabricar estes barcos. Nestas datas dos finais dos anos vinte, os talleres de Vigo ou Ferrol apenas construían barcos de madeira que chegasen aos 28 metros de eslora e en moitos casos o único que se facía era armar as pezas, construídas en grandes carpinterías.

As caldeiras e instrumental viñan importados de fóra, basicamente de Inglaterra, e a necesidade de capacidade nas adegas para o carbón, obrigaba a reducir espazos de habitabilidade o que convertía a vida a bordo nun autentico calvario. Nestes anos, estes barcos dedicábanse basicamente á pesca do bonito a unhas millas da costa e o aumento da eslora e potencia permitiu a pesca de altura, alcanzando o Gran Sol e a pescada nunha aventura chea de riscos e duro traballo durante dous ou tres días que era o que daba o carbón para outra semana de navegación de retorno.

Faenando a bordo do barco "Melitón Domínguez".

Este era o panorama da nosa flota pesqueira nestas datas e a necesidade de construir barcos máis sólidos con modernos instrumentos de navegación era perentoria para afrontar as especiais características da pesca do bacallao e os perigos dos mares árticos.

Neste sentido foron os vascos quen tomarían a iniciativa, comezando a construir novos barcos axeitados para aquelas augas, aínda que ao Gran Banco tamén foron pescar as parellas da merluza do Gran Sol, expulsadas pola II Guerra Mundial. Os barcos de aceiro, os motores diésel desde 1932, o novo instrumental e as bases no Canadá suporían, a finais dos anos vinte, un gran avance nesta pesquería épica xa con barcos específicos para o bacallao, aínda que as comodidades a bordo seguían a ser inexistentes e as mareas e travesías máis longas.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats