Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pesca nos bacallaos de Terranova

A presenza de galegos nesta pesca está documentada no ano 1517 cunha nave, armada en Pontevedra por Fernando de la Torre e pilotada por Juan de Betanços

Ainda que no documentario do holandés Oliver Van der Zee sobre a pesca do bacallao se recoñece aos centos de galegos que participaron nestas pesqueiras, son escasas as publicacións que lle conceden aos nosos mariñeiros a parte que lle corresponde historicamente desde hai cincocentos anos, insistíndose na maioría deles en que los vapores de la PYSBE de Pasaia fueron los primeros que en 1927 se incorporaron a esta pesca. Xa que logo, nestes artigos tentamos darlle resposta a esta persistente cuestión, que lle segue apoñendo aos vascos o reinicio desta pesca no século XX, cando foi un barco galego o primeiro na recuperación destes caladoiros.

Pesca antiga do bacallao. | // ARQUIVO DO AUTOR

Escandinavos, bretóns e vascos aparecen nas historias míticas como coñecedores da América antes da descuberta oficial de Colón en 1492. Dise que os primeiros fixérono nos seus depredatorios periplos marítimos e dos outros cóntase que arribaron ás costas americanas perseguindo baleas ata as descoñecidas costas de Terranova onde toparían co bacallau. Sobre o nome hai pouco acordo, incluso unha inexistente illa, e apóñenselle orixes vascos ou portugueses ainda que moitos considerana como unha verba dos nativos indíxenas e incluso neerlandesa, procedente dun kabeljauw (cabeliau) medieval. Abriríanse así, unhas pesqueiras de onda longa ás que se arribaba pola denominada ruta norte e das noticias destes viscaíños dise que se forneceu Colón para o seu periplo descubridor. Porén, os portugueses saberían da Terra dos Bacallaus polas suas relacións cos ingleses (acordo de 1353 co rei Edward II) e daneses (pescadores de Viana e Aveiro), abrindo a ruta dos Açores, tamén con ventos favorables para alcanzar este punto no Circo Ártico. Hai constancia de que por isto, un mariñeiro galego, Pedro Velasco e un piloto portugués de Madeira, tamén tiñan informado a Colón da existencia dunha Terra Nova ao oeste. As viaxes de descuberta dun paso norte cara a especiería, realizados por Sebastian Gaboto e polos irmáns Corte Reale, outórganlle aos portugueses unha primacía documental indiscutible, acreditada pola toponimia, Cabot, Lavrador, Boa Vista, Santa Iria, Ilha de Bacalhaus, Baía da Conceição, río Formoso, Cabo Razo... e pola cartografía de Ruysh en 1507 que recolle en Terranova unha zona chamada Baccalauras de Portogesi.

Ainda que con menos recursos, a presenza de galegos na pesca do bacallau xa se detecta documentalmente no ano 1517, mencionándose a partida dunha nao, armada en Pontevedra por Fernando de la Torre e pilotada por Juan de Betanços. En 1526 sairían co mesmo fin e destino, a carabela Santa María e a nao Bon Xesús seguindo non só a ruta portuguesa senón que mesmo o seu forneçemento e bastimento se facían en poboacións portuguesas como Viana, Aveiro e incluso Lisboa, onde se provían de galleta ou biscoito (pan mariñeiro). Nun dos documentos figura o furnimento dunha nao pontevedresa que incluía pezas de artillaría con pólvora e munición, trigo para facer a galleta (en Lisboa), viño tinto ullao e branco de Ribadavia, carne de vaca, aceite, vinagre e castañas secas. Para a pesca, furníanse de cordeis, anzós, betas e ferramentas necesarias, cargando en Aveiro o sal e catro bateis que completaban a dorniña (sic) que levaban de Galicia.

Pesca dos portugueses con Dori. | // ARQUIVO DO AUTOR

A maioría dos navíos galegos documentados, adoitaban partir no mes de marzo e foron fletados en Pontevedra, ainda que algúns sairían tamén de Baiona e Bigo (sic), dándose o paradoxo de que tanto no caso galego como no dos vascos, a monarquía española non tivese coñecemento desta pesca. Isto acontecería no ano 1527 cando un capitán inglés apresado dixese que ía recoñecer os bacallaus e que alí achou unhas cincuenta naves, entre castellanas (cántabras, vascas, galegas), francesas (bretoas) e portuguesas, que estaban a pescar. Este texto fai referencia ás rutas que as naves de Aveiro facían nestas datas: Estas são as naos e nauios e carauellas que nesta uilla ha e nenhuã nao destas nē nauio nē carauella traz artilharia alguã nē armas nē as tē pera iso por que todo o seu negoçio destes homēs senhorios e mestres he rrotar pera as partes a saber pera terra noua muytas ao bacalhao e pera Irlamda e Inglaterra e Frãdes e Ilhas outras e outras pouqas pera Galiza e esta he toda a soma e a verdade do que v. a quer saber cuja uida a santissima trindade acrecēte per lomgos anos, oje dezoito dias de feuereiro de 1552 anos. = Jorge Afonso. Porén, as crónicas vascas reférense aos datos do cosmógrafo Diego Rivero que apuntan a que foi o navegante Gaspar Cotorreal quen no ano 1529 chegou ao Labrador, denominando aquela zona como Terra do bacallao (?).

Mapa de navegación pola corrente do Golfo. | // ARQUIVO DO AUTOR

Entre 1559 e 1578 documéntanse varias partidas de naos galegas como a San Nicolao, A Trinidade, a Nosa señora da Humildade ou a Santa Cruz que alcanzaban os caladoiros das illas de Terranova, Miquelón, Anglada... onde había bases estables. A partir de 1580 coa ocupación de Portugal por Filipe II e a utilización das naos portuguesas e galegas para as flotas de guerra, minguaría moito a pesca do bacallau, actividade que Portugal non reanudaría ata 1830 ao chegar a acordos cos ingleses. Nos anos finais do século XVI e comezos do XVII comérciase algún bacallao en Cangas procedente de Portugal pero a maioría procedería do sur de Francia en barcos bretóns que traían ademáis os cereais que desembarcaban en Pontevedra e Vigo.

A época de paz cos ingleses propiciaría que en 1613 se armase en Pontevedra un barco para ir a Terranova pero de novo as guerras europeas e a da independencia de Portugal mermarían a chegada deste produto que contaba en Cangas cunha vintena de postos de venda. No restante de século, o bacallau había seguir chegando a Galicia pero agora como produto do corso que se adicaba a interceptar e saquear os barcos ingleses que navegaban con el cara a Portugal.

Tratado de París

Porén, os vascos, xunto cos bretóns, habían continuar neste periodo con esta actividade ata que, segundo se dixo, ao asinarse o Tratado de Utrech (13 de Xullo de 1713) entre Felipe V, rei de España e a raíña Ana de Inglaterra, os españois renunciarían ao dereito de pescar en Terranova. Consta hoxe que isto non é exacto pois no referido Tratado consígnase no artigo 15 que “ínstase por España que aos vizcainos e outros súbditos de S. M., perténcelles certo dereito de pescar na illa de Terranova; consente e convén S. M. Británica que aos vizcainos e outros pobos de España, se lles conserven ilesos todos os privilexios que poidan con dereito pretender». Mais, como fose, o caso é que a pesca do bacallau quedaría interrompida indefinidamente, a pesar de que no Tratado de Madrid do ano 1721 volveuse a escribir que pola S. M. Británica se deran as ordes que fosen necesarias para cumprir os Tratados de Paz de Utrech, especialmente no que non se houbera executado sobre comercio e navegación segundo no antigo do tempo do señor rei Carlos II... Contodo, nada se conseguiu e esta pesca iría minguando ao ter que facela baixo bandeira francesa ata que desapareceu definitivamente por mor das contrariedades que culminaron en 1763 cando se asinou o Tratado de París polo cal Francia lle cedeu o Canadá a Inglaterra. E así, o bacallau chegaba importado a Galicia polos portos de Vigo e A Coruña, alcanzando os 15.000 quintais ao ano cara a 1788 e que iría diminuindo logo coa chegada das salgazóns catalanas.

A terra dos bacalhaos nun mapa antigo.

A pesca tradicional

Neste sentido temos que seguir a documentación portuguesa sobre o tema por sermos os galegos, como vimos, parceiros deles en rutas e pesqueiras. Como dixemos, as primeiras naos navegaban pola ruta dos Açores ata alcanzar a península do Labrador e Terranova que os ingleses bautizaron como New Foundland. Aquí foron establecéndose bases estables en terra frente ás que fondeaban os navíos que, entre a primavera e o verán, enchían as suas adegas co bacallau que se pescaba á liña desde os bateis e dornas pequenas que ían levando nas viaxes. Esta primeira pesca que os portugueses denominaron como Faina Maior, facíase desde as praias en periplos costeiros (en inglés inshore) e cando as naos estaban cheas ou se acababa o sal, retornaban cara os seus portos.

Lugre ou bacalloeiro portugués cos doris

Cando os portugueses reanudan a pesca no século XIX, as suas escunas, patachos, briques (brickboats) e outros veleiros van establecer a sua base en Saint Johns polo seu tratado cos ingleses ainda que van ter problemas cos bretóns. Aquí, din eles, coñeceron unha embarcación utilizada polos pescadores de Nova Escocia denominada Banks Dory que se vai converter, polas suas características, no emblema da pesca heroica portuguesa en altura (offshore). Polas suas características era semellante a unha dorna galega con seis metros de eslora, popa en espello (menor e máis triangular), casco trincado e impulso a remos, podendo izar vela e ser manexada por un só home, ainda que nun comezo ían dous. A adopción desta embarcación non só a fixeron pola sua lixeireza e resistencia senón porque desmontado o banco, podían encaixar unhas noutras e seren amoreadas ata sesenta ou máis na cuberta do barco nodriza sen ocupar moito espazo. Os tripulantes destes doris eran maiormente mariñeiros da Póvoa de Varzim (Poveiros) e de Vila do Conde (Cachinas) e cando ameazaba neboeiro ou mal tempo os capitáns dos barcos de referencia tiñan que chamalos por cadanseu xentilicio para que retornasen a bordo. Nin que dicir tén, que moitos acababan perdidos e abocados a unha morte segura de prolongárense as extremas condicións climáticas. Ademáis do uso destes doris, os portugueses seguirían a utilizar, non só a tradicional pesca con liña ata o 1974, senón tamén os vetustos lugres-motor polo baixo custe na travesía atlántica a vela e o servizo que prestaba a auga quente no conforto das tripulacións e o desxelo que constantemente había que facer na cuberta e elementos do barco. Na época dos barcos a diésel mesmo chegaron a botar este combustible desde a proa dos barcos e porlle lume para solventar este problema, medida que se mostraría, a todas luces, infrutuosa. Ao parecer, os experimentos coa pesca de arrastre que fixeron en 1935 non acabaron de convencer aos portugueses pola mestura de tamaños e cualidade dos bacallaus que eran o seu orgullo desde os primeiros tempos desta ceifa.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats