Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Melania Cruz | Actriz

“Shakespeare é universal, pasa o tempo e as nosas paixóns e soños son similares”

A actriz Melania Cruz recolle o seu Premio Mestre Mateo por "Ons" Carlos Pardellas

Quico Cadaval estivo o pasado sábado no Auditorio de Cangas na súa faceta máis persoal, como narrador e contador de historias. Este sábado retorna como director de “Medida x Medida”, adaptación dun texto de William Shakespeare. A protagonista é Melania Cruz, que hai menos de dúas semanas gañou o Premio Mestre Mateo como mellor actriz polo seu papel en “Ons”. A función será ás 20.00 horas e as entradas poden mercarse na web de ataquilla.com.

–En primeiro lugar, parabéns polo recente Premio Mestre Mateo polo seu papel en “Ons”, unha película intimamente vencellada ao Morrazo. Como acolleu esa distinción?

–Moitas grazas! Pois a verdade é que con moita sorpresa e ledicia. O premio é de todas as persoas que traballaran arreo con ilusión e profesionalidade para conseguir que o proxecto chegase a bo porto.

–Nesta ocasión retorna a nosa comarca, pero ao escenario do Auditorio de Cangas.. Como senta voltar a sentir a presenza do público nestes tempos pandémicos?

É unha marabilla. O calor do público, a comunicación directa… Os eventos presenciais son moi necesarios cando parece que o Zoom é a única ferramenta posible. Os teatros son lugares moi seguros. Lugares onde soñar e compartir.

–En “Medida x Medida” interpreta a Isabella, unha novicia que sae do convento para tentar salvar ao seu irmán da pena de morte. Que foi o que lle atraeu da personaxe?

–Isabella é unha moza que está absolutamente convencida de que quere dedicar a súa vida a Deus e á relixión. De súpeto vese implicada nunha situación que a distrae completamente das súas aspiracións e que a obriga a centrarse no terreal e afastarse do seu proxecto persoal. Estas novas circunstancias levarana a descubrir como a estrutura heteropatriarcal instalada é quen de corromper á sociedade nos seus diversos estamentos e a ser consciente da miseria e o egoísmo do ser humano. Para ela, constituirá unha aprendizaxe esencial, xa que estaba absolutamente desconectada destas realidades.

Quico Cadaval tivo que esforzarse moito en convencela?

–Penso que a Cadaval non lle fai falta moito para convencer a alguén; ten unha capacidade de oratoria inigualable e eu estaba desexando traballar con Producións Excéntricas. E facendo Shakespeare… pois imaxínate!

–Dentro da extensa produción de Shakespeare, na que sobresaen as súas traxedias, “Medida x Medida” quizais non se trate dun dos seus textos máis coñecidos. Que pode ter de especial para o espectador esta comedia, que máis que á risa move ao sorriso e a reflexión?

De feito é unha das consideradas como “mistake plays” ou obras erradas, xa que nelas conflúen diversos xéneros dramáticos como son a comedia, o drama e mesmo a traxedia. Isto significa que o código polo que transitan é indefinido e aí a responsabilidade fica nas decisións que se tomen desde a dirección e a dramaturxia á hora de poñelas en escena. Penso que as palabras do bardo de Avon seguen sendo universais e trata, entre outras moitas cuestións, sobre a corrupción na política e a xustiza, desde o humor ás veces e outras desde o drama. Temas que, por desgraza, seguen sendo moi recoñecibles nestes tempos.

Melania Cruz durante unha escena da representación de "MedidaxMedida"

–O título parece estar vencellado cun versículo bíblico do Evanxeo de San Mateo: “Co xuízo co que xulgades seres xulgados e coa medida coa que medides seredes medidos”. Que lle parece esa máxima que inspirou ao autor?

–O código de Hammurabi: ollo por ollo, dente por dente. Non só está presente na nosa tradición occidental, obviamente. Paréceme interesante a formulación desta cuestión porque non estou nada de acordo con ela. Shakespeare fala moito na obra de xogar con esa máxima, de darlle a volta: da importancia do perdón e de tratar ás persoas con xustiza, dándolles tamén a oportunidade de que se equivoquen e poidan poñer remedio aos seus erros e aprender deles.

–A obra data de 1604 e aborda como a idea que algúns nos impoñen do “pecado” condiciona a nosa vida e en moitos caso a converte nun verdadeiro inferno. Máis de 400 anos despois esa dobre moral sigue máis que vixente na nosa sociedade, polo que entendo que desgrazadamente non debeu ser moi dificultoso traer a un momento máis actual a historia de Shakespeare.

Desde logo que non. Shakespeare segue sendo universal, pero tamén Sófocles, que está nos inicios da nosa tradición teatral occidental. O ser humano, dícese, é o único ser que tropeza dúas veces na mesma pedra. Os séculos pasan pero as nosas paixóns, delirios, soños … seguen sendo moi similares.

–Nesta actualización destaca o ritmo de samba co que dotan a montaxe e os versos de Tom Zé: “Vostede inventa a lei, eu invento a obediencia”. Se Shakespeare estivese entre o público, como cre que acollería esta versión do século XXI?

–Non sei. A verdade é que nin me quero arriscar a dicir como a acollería. O que si teño claro é que o imaxino como unha persoa á que lle gustaba a festa, o goce, a denuncia e o contacto co público. E neste caso “Medida x Medida” cumpre con todos eses ingredientes.

–Remato cunha volta ao principio. En breve neste mesmo Auditorio de Cangas proxectarase “Ons” [o 21 de maio]. Ten entre mans novas propostas para volver a rodar para a gran pantalla?

Pois afortunadamente teño preto o comezo dunha nova rodaxe, precisamente de novo baixo a dirección de Alfonso Zarauza e co meu querido e admirado compañeiro Xúlio Abonjo.

A adaptación ten unha montaxe actualizada e por momentos con ritmo de samba.

Compartir el artículo

stats