Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

melania cruz | Actriz e Premio Cinema Galego

"A illa é a personaxe máis determinante de 'Ons', inflúe en todos os seus habitantes"

A intéprete estará hoxe en Bueu nos actos de peche do festival

A actriz Melania Cruz, que estará hoxe en Bueu. Lucía Regueiro

O FICBueu afronta hoxe a súa xornada final, na que entregará o Premio Cinema Galego. Este ano o recoñecemento será para a actriz Melania Cruz, unha das protagonistas de "Ons", a película rodada hai un ano na illa bueuesa baixo a dirección de Alfonso Zarauza e que está a piques de estrearse. A intérprete participará nun encontro que terá lugar hoxe ás 19.30 horas na planta alta do Centro Social do Mar.

- Este ano recibe en Bueu o Premio Cinema Galego. Como acolle este recoñecemento por parte do FICBueu, un festival que xa se ten convertido nun referente no sector audiovisual galego?

-Significou unha sorpresa moi grande no momento no que recibín a chamada de Manuel Pena, director do festival. Nunca me pasara pola cabeza esta posibilidade. De feito, quedei un anaco en silencio procesando o que me acababa de dicir. Unha vez procesado, a verdade é que agradezo moito que consideren que a miña traxectoria pode ser digna dun recoñecemento así, que recibiron antes grandes profesionais aos que admiro moito, e máis vindo dun festival que é unha referencia no panorama do cinema non só galego, senón tamén nacional e internacional.

- O recoñecemento chega case un ano despois de iniciar a rodaxe de "Ons", unha película inevitablemente vencellada á esta illa e ao propio Bueu. Como foi aquela experiencia?

-Foi unha aventura moi intensa, xa que as circunstancias meteorolóxicas eran fundamentais para contar a historia contida no guión escrito por Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, e precisábamos dunha climatoloxía concreta para poder rodar cada unha das secuencias que compoñen o filme. Cada día de rodaxe supoñía unha expectativa, xa que esta illa marabillosa ofrece climatoloxías moi diversas, e moitas veces non sabíamos o que íamos rodar ata tres horas antes, co cal todas as persoas que conformábamos o equipo estabamos dispostas a xogar co que nos tocara. Vivimos temporais, días de sol, de vento forte e pasamos frío e calor, ás veces todo na mesma xornada. Foi un reto para todas.

- Nunha entrevista ao final daquela rodaxe o director, Alfonso Zarauza, falaba de vostede como a actriz "máis interesante e poderosa" do cine galego actual e esta mesma semana, antes da presentación do "making of" no propio FIC destacaba que o carácter da illa de Ons estaba especialmente presente a través do seu papel. Que foi o que lle enganchou do guión?

-Dende que chegou a min o primeiro borrador de "Ons", quedei fascinada con el. O certo é que nun principio ía interpretar o personaxe de Isabel, a fareira, interpretado finalmente pola compañeira Marta Lado. Debido a diversas cirunstancias, María Vázquez non puido interpretar o papel de Mariña, e tanto ela como Alfonso pensaron en min, o que lles agradezo moito. Tamén agradezo as palabras de Alfonso. Foi un proceso no que aprendín moito del e con el, non só sobre a película que estabamos a rodar, senón tamén sobre a súa maneira de ver o cine, que considero valente, necesaria e arriscada nestes tempos que corren. A nivel persoal, Mariña deume moitas cousas que me axudaron a interpretala e tamén a profundizar en min mesma na busca de respostas e de moitas máis preguntas. A interacción coa illa foi esencial á hora de transitar por determinados pensamentos, sensacións e estados de ánimo, xa que me ofrecía xenerosamente centos de estímulos que estaban relacionados co que lles estaba a pasar ás personaxes.

- Como lembra a convivencia na illa de Ons co resto do equipo e cos veciños da illa?

-Creouse case que un ambiente familiar entre todos, dende as persoas que nos daban de comer na Casa Acuña, as poucas que viven na illa todo o ano, os fareiros, os gardas ? todas elas contribuíron moito a descubrirnos a illa e moitas das súas particularidades con agarimo e dedicación. Eu xa coñecera a Pepe de Miro hai uns anos nunha visita a Ons e tivo a xenerosidade de mostrarnos lugares que despois gañaron moita importancia como localizacións dentro da película.

- Un dos protagonistas, non sei se involuntarios, foi o tempo meteorolóxico. Chegaron a sentirse aillados en Ons?

-Por suposto. Tivemos que suspender varias viaxes que estaban programadas porque o estado do mar non o permitía e era perigoso. É unha característica da illa. Non se pode loitar contra a natureza, e decatarse disto tamén é bonito. Admirar a súa forza, o seu poder, e aceptar que dela dependen moitos factores devólvenos á realidade e fainos valorala. Penso que isto foi unha experiencia única. De feito, a illa en si mesma é tamén unha personaxe, quizais a máis determinante, que inflúe nas vivencias de todos cantos a habitan. É moi diferente visitala en temporada estival que en outono, dende logo.

- A rodaxe de "Ons" foi probablemente unha das últimas antes do confinamento provocado pola pandemia da Covid-19. Tiña proxectos programados que tiveron que verse adiados ou directamente cancelados?

-Si. Tiveron que cancelar a rodaxe dunha película que comezamos a filmar o ano pasado e que continuaban filmando en México. Íame incorporar (de feito xa tiñamos os billetes de avión e todo preparada) e xusto foi cando se decretou o estado de alarma, ademais da suspensión de funcións que xa estaban programadas e o parón xeralizado. O 2020 está a ser un ano moi duro para a cultura e, paradoxalmente, debe ser un dos anos nos que máis se teña demandado dende diferentes plataformas, especialmente durante o confinamento. Resulta curioso que despois dese encerro no que tanta cultura se demandou non se valore a súa importancia en moitos casos e que se estean tomando medidas moito máis estritas con respecto ao aforo dos teatros, dos cines, dos festivais, de actividades musicais, tanto en circuitos pechados como ao aire libre, mentres os medios de transporte circulan completos na maior parte dos casos, e sen dar cumprimento ás distancias mínimas de seguridade. A cultura é segura, pero tamén o é grazas a que moitas persoas que organizan eventos culturais están facendo un esforzo moito maior para que así sexa. Non comprendemos por que existe esta deferencia de limitación tan exhaustiva no sector cultural e non noutros sectores.

- Neste contexto, como valora o feito de que festivais como o FICBueu decidisen continuar adiante coa súa programación, adaptándose ás circunstancias sanitarias da pandemia, e non sucumbisen á posibilidade da cancelación ou aprazamento?

-Celebro que sexa así, e agradezo que todas as persoas que conforman o equipo do FICBueu, así como doutros moitos festivais, teñan a forza, as ganas e a valentía de seguir adiante con eles, facéndoo con moita responsabilidade e cariño, dándolle ao público -no que, obviamente, me inclúo- a posibilidade de asistir a eles nun ambiente seguro. A cultura é fundamental na conformación da nosa identidade, é un patrimonio que nos serve como espello e que nos achega realidades que descoñecemos, polo debemos coidala para que perviva. Se non é así, quen nos contará todas esas historias e nos ofrecerá a posibilidade de viaxar a través de tantas ventás a outros lugares?

Compartir el artículo

stats