Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos de asistencia sanitaria

O autor afondará ao longo de varias entregas na evolución da sanidade no Morrazo

A coñecida como Casa dos Pobres, no entorno do colexio Compañía de María.

Con sinceiro agradecemento, queremos dedicar estes artigos a todo o persoal sanitario que enfrentou profesionalmente esta pandemia en primeira liña, sufrindo tamén as suas terribles consecuencias

A era chamada moderna comezaría en Cangas ao evolucionar dun pequeno porto pesqueiro medieval, ata alcanzar o rango de vila, non só pola sua poboación senón tamén por erguer para a sua atención espiritual, unha igrexa. E esta, a diferenza doutras, vaise facer a iniciativa do Concello e alcaldes da Santa Irmandade, baixo os auspicios de Álvaro de Soutomaior. Parello a esta edificación eclesial, dependente da parroquia de Darbo e atendida por un luminario (cargo que posiblemente fose un bieito de Ermelo), vaise erguer tamén un pequeno hospital que cumprise coas funcións típicas destas datas: atender enfermos pobres, facer de asilo para os menesterosos e funcionar como hospedería que acollese a a viaxeiros e ambulantes de condición modesta. Mais, se algo chama realmente a atención sobre esta institución é o seu carácter laico e concellil, cando a maior parte dos existentes eran de fundación eclesiástica, real ou propiciados por confrarías, nobres e potentados. Tal é o caso do Hospital de Pontevedra que naceu do legado e manda da veciña e benefactora da cidade, Teresa Pérez Fiota quen en 1439 deixou vontade de fundar este establecemento.

Segundo se recolle na Historia de Cangas, a presenza deste primeiro hospital na vila, detéctase por noticias do ano 1543, antes de que se iniciase a construción da nova colexiata. En 1569 a Xustiza , Concello e Reximento da Vila van pleitear co canónigo Pedro de Mondragón, Fernando de Romay e outros señores por teren deixado acceder á vila a xentes que portaban a peste, estando prohibido. Ao longo da existencia deste hospitaliño, ata pouco despois de 1680, semella estar escasamente atendido, ao non contar con rendas nin presuposto e depender dun encargado do Concello. As noticias sobre o mesmo tampouco son abondosas aparecendo alusións ao mesmo a través dos seus coidadores (hospitaleiros/as) ou das doacións (leña) dalgúns veciños podentes e caritativos. Tamén as visitas pastorais aos edificios de culto aportan datos sobre o mesmo como que era de planta baixa e terreño, con catro camas, sen renda algunha e cunha capela baixo a advocación da Nosa Señora da Concepción.

Outra reseña sobre esta instalación provén das informacións recollidas despois do asalto dos turcos en 1617 nas que se apunta que "lo mesmo quemaron un hospital que auia en la dicha villa con su capilla y rretablo y muchas ymagines y del llebaron y robaron setenta libras de sera labrada veinte arrobas de azeite muchas mantas y sabanas de servicio del dicho hospital dos vestidos de seda de la ymágen de nuestra señora con su corona de plata de valor todo ello con los hornamentos que en el dicho hospital auia de mas de quinientos ducados".

En fin, que a sacralización do seu interior e a sua ubicación a carón do adro-cemiterio, a pesar da sua advocación relacionada coa concepción, obedecen máis á tipoloxía dun lugar para "ben morrer", servizo moi habitual nestas datas e que ainda perduraría nos séculos vindeiros ata mediados do XIX. Con máis pena que gloria, este hospitaliño había continuar ata a década de 1680 en que o Concello dispón dunha casa particular, alugada para seguir atendendo a transeúntes e menesterosos que en 1860 alcanzaban a 274, cualificados como "pobres de solemnidad".

O edificio hospitalario serviría logo para acoller o cárcere e sobre esta, nun andar superior, ubicaríase a Casa do Concello, o que acredita a sua pertenza civil e pública. A respeito do cárcere cabe dicir que en 1798, os labregos de Cangas, a través do procurador xeral Santiago Carballo, reclaman sobre a obriga que lles impón a xustiza de "facer custodia" na mesma. Tamén sabemos que as bolas pedreiras que se encontraban na mesma foran retiradas do tellado da colexiata procedentes do canoneo da vila polos turcos.

Volvendo ao tema, hai que dicir tamén que, aínda que precaria, a función deste hospital ofrecía xa un mínimo de especialización, indicándose quen podía acollerse a el, incluso os viaxeiros en prevención da difusión de males e pestes locais ou as procedentes de América e outros lugares. Claro que nesta zona, os males principais proviñan das enfermidades pulmonares polo fume das lareiras, a climatoloxía e o traballo no mar como eran o asma, as pulmonías, as dores reumáticas, os partos, as enfermidades infantís e a falta de hixiene.

Para os nativos do país, tamén afectados de males contaxiosos e doutros daquela incurables como a lepra, destinábanse casas apartadas da poboación como unha existente xunto a capela da Magdalena e posiblemente dependente da confraría do mesmo nome. Neste sentido cabe dicir que a atención aos leprosos aparece baixo a advocación de María Magdalena como unha misión específica da orde dos Templarios e logo os Sanxoanistas, cuxas pegadas se detectan nos símbolos do edificio relixioso. Nas aforas da antiga vila de Cangas houbo despois unha casa adicada a malatería (leprosería) ubicada na actual rua Ramón Franco, apuntándose tamén que a capela de Santa Marta servía de acobillo feminino (?) con esta mesma función.

Unha institución benéfica de carácter asociativo foi a Confraría ou Irmandade da Misericordia que naceu ao abeiro da colexiata e que tivo tamén moita presenza en moitas cidades e vilas de Galicia baixo a advocación de Cristo. Entre as suas misións, como cumprimento da virtude da misericordia, tiña o deber de asistir aos seus confrades en casos de graves enfermidades, custeando os gastos médicos e sobre todo os do enterro en caso de falecemento. Cando se refunda en Cangas en 1709, agora baixo a advocación de San Xosé, esta vai seguir co servizo asistencial aos confrades, que agora son basicamente mariñeiros. Este sector, nestas datas de abondosa pesca, era ainda quen lle reportaba os maiores beneficios á vila, asunto que se traslucía nos numerosos "pasos" que exhibía na Semana Santa.

Na parte social, como antano, a sua principal misión era a atención dos confrades na vellice e a asistencia na enfermidade mediante a contratación de médicos, ainda que tamén interviña na defensa de pleitos dos asociados e na cuestións das levas militares.

Durante trinta anos aproximadamente, ata 1711, Cangas non contaría cun novo hospitaliño, propiciado este polo prior e potentado crego, Gonzalo de Nogueira y Araújo que constitúe unha fundación tamén baixo a advocación da Nosa Señora da Concepción como a do antigo hospital. Porén, semella que a sua condición de relixioso, o seu afán de ostentación nobiliaria e os desexos de perpetuar a sua memoria, levarían a que dos edificios levantados destacase máis a capela que as dependencias do hospital. Este seguía as pautas do anterior, ubicado nunha casa terrea con cuberta de tella e palla e con cinco camas, para pobres y pasajeros, tendo anexa a vivenda dos coidadores. Cara finais do século XVIII desaparecería este hospital de fundación, xa carente de rendas e falto de atención. Non imos incidir aquí sobre sobre a rocambolesca venda e posterior recuperación da Capela do Hospital por ser abondo coñecida de todos.

Outras institucións antigas dedicadas á beneficencia e aos pobres foron o Monte de Piedade do Hio creado en 1550 polo reitor da parroquia Suero Gómez de Soutomaior e que perduraría ata 1856 e a chamada Casa dos Pobres, legada e dotada en 1883 por Dolores Pastoriza Romero, señora do pazo de Vista Alegre de Aldán. Estaba atendida pola Asociación de Caridade local e no ano 1925 a penas contaba cun capital de 115 pts. O deterioro e ruina do edificio fíxose patente nestes anos, sendo que o 20 de xuño do 1931, o Concello tén que arbitrar recursos para a sua rehabilitación pois ainda acollía a 21 pobres que terían que desaloxala. A tal fin contaría con donativos particulares e sobre todo de Benigno Soage que por testamento, deixaría 100.000 pts. da época.

Ademáis das entidades reseñadas e de tutela eclesial, tamén funcionarían desde antigo en Cangas con fins benéficos, a Sociedade de Beneficencia de San Vicente Paul e a Obra Pía. Ainda que ubicada en Vigo, a asociación de carácter relixioso, denominada "Por amor de Dios" dedicaríase durante a posguerra franquista, á obtención de medicamentos mediante a compra ou donación. Estes eran, basicamente, para o tratamento, baixo tutela médica, da tuberculose e outras enfermidades infecciosas, moi difíciles de conseguir pola sua escaseza e alto prezo, estando entre os beneficiados numerosas persoas e nenos pobres de Cangas.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats