As tres persoas que onte subiron ao escenario do Auditorio mostraron o seu agradecemento pola distinción, un recoñecemento que acolleron con humildade. "Cando lle dixen ao meu pai quelle ían dar o Premio ao Labor Cultural preguntoume: 'A min?'. Un sinal da humildade coa que sempre traballou", explicou José Ángel, fillo de Lito, e que foi o encargado de recoller o galardón debido a ausencia do pai. "Ao igual que Beethoven é case xordo, pero leva a gaita e a arte no corazón. De meu pai si que se pode dicir que traballa polo amor á arte", afirmou. De todos modos Lito estivo presente a través dun video no que asegurou que "desfruto cando vexo a xente desfrutar da música de raíz".

O tamén músico e compositor Alberto González Avilés referiuse aos intérpretes e a importancia dunha formación musical, que asegurou que é base "para novos creadores que levan o nome de Cangas polo mundo". "Sen os intérpretes o compositor non pode chegar ao público", engadiu.

Pola súa banda, Antonio Graña reivindicou "a Cangas que se perdeu" e quixo compartir o recoñecemento con aquelas persoas que fixeron da recuperación do patrimonio unha das señas de identidade. Tamén defendeu a importancia de poñer en valor espazos como a Praza de Singulís ou o casco histórico. Rematou cunha petición: "Apelo a xenerosidade para retirar do muro parroquial símbolos que chocan cos cimentos da democracia e do pensamento cristián".