Entrevista | Alexandra Fernández Número 3 do BNG por Pontevedra ao Parlamento de Galicia

“Os resultados enténdense mellor coñecendo a cidade, estamos na vangarda social”

A deputada nacionalista xa encabezou a lista máis votada na urbe nas xerais do 2015 da man de En Marea

Considera que o 37,03% dos votos non son o teito do BNG: "Somos unha mostra clara do que vén"

Alexandra Fernández, onte, en Porta do Sol.

Alexandra Fernández, onte, en Porta do Sol. / José Lores

Víctor P. Currás

Víctor P. Currás

A histórica vitoria do BNG nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro na cidade non colleu por sorpresa á primeira veciña da lista provincial. Alexandra Fernández Gómez (Vigo, 1988) liderou a candidatura de En Marea que nas xerais do 2015 rachou co bipartidismo reinante dende a Transición. A número 3 da formación nacionalista por Pontevedra –acompañada por Carmela González e Brais Ruanova– asegura que as 56.820 papeletas e o 37,03% dos votos acadados aínda non son o seu teito.

–Dende o comezo da campaña apareceu a posibilidade de que o BNG fose a primeira forza na cidade. Os resultados finais en votos e porcentaxe superan as vosas expectativas?

–Nós fixemos unha campaña en positivo que conseguiu ilusionar a moita xente e o que vimos durante os 15 días é que se estaba producindo un cambio na sociedade e que fomos capaces de darlle esperanza. Nese sentido, agardábamos un moi bo resultado e efectivamente, son históricos e supoñen un avance electoral clarísimo, aínda que sabemos que son insuficientes porque o noso obxectivo era acabar con este goberno do PP. Temos tamén un sabor agridoce. Aquí en Vigo sobre todo tendo en conta que fomos a primeira forza e, pese a iso, non foi suficiente.

–Fala dunha ilusión que aumentaba segundo avanzaba a campaña coma se tivera máis percorrido. É o 37% o teito dos votos aos que podía chegar este BNG na cidade?

–Se algo evidenciou esta campaña e as eleccións é que o BNG non ten teito. No 2020, despois daquel resultado xa histórico, moita xente tamén dixo que aquel era o teito e o que demostramos é que non deixa de escalar. Nós aspiramos a seguir aumentando a confianza dos galegos. Creo que esta campaña conseguiu ilusionar e transformar o sentir colectivo de que realmente podemos vivir mellor nun goberno alternativo. Imos a canalizar toda esa enerxía que recibimos para lograr os nosos obxectivos.

–Semella claro que houbo voto dual ou prestado de xente que o ano pasado escolleu a papeleta do PSOE, Sumar, Podemos ou mesmo o PP. Pode xerar certa frustración esa vitoria agridoce de non ter conseguido a Xunta e que non repitan?

–Creo que ás veces os cambios levan un tempo e está claro que nós o que si que conseguimos é un avance electoral importantísimo, e máis na nosa cidade, que evidencian que o BNG xa está disputando a hexemonía do Partido Popular. É a consolidación como alternativa. Nos creemos que estamos evidenciando ese cambio de ciclo no que imos seguir traballando.

Ficha persoal

Veciña de Coia dende que naceu en 1988, Alexandra Fernández estuda Arquitectura na Escola Superior Gallaecia en Vilanova de Cerveira. Como militante de Anova chegou ao Congreso dos Deputados no 2015, sendo voceira de En Marea ata 2017. Desvinculouse dese espazo por diferenzas e no 2020 foi “fichada” polo BNG para as galegas, obtendo acta no Parlamento.

–O terceiro mellor dato de toda Galicia para o BNG foi nunha mesa do Casco Vello e nas de Navia superou o 45%. Está chegando a mensaxe do partido a un perfil máis urbano e diferente do clásico?

–Os resultados de Vigo enténdense mellor coñecendo á nosa cidade. Vigo ten un gran dinamismo social, a mellor mostra son as manifestacións en defensa da sanidade pública ou dunhas políticas feministas. Somos unha cidade que está situada na vangarda social. O que vimos o domingo foi que o Bloque foi quen conseguiu canalizar toda esa enerxía transformadora, esa forza vangardista é que xa está disputando neste momento a hexemonía do Partido Popular. Son unha mostra clara do que vén. Nós somos a vangarda do cambio.

–Vostede xa gañou unhas eleccións na cidade, xa que no 2015 encabezou a lista de En Marea. Que semellanzas ou diferenzas pode haber entre ambos momentos?.

–No 2020 iniciase cambio de ciclo claro no país, en que a esquerda soberanista é que ten alternativa ao Partido Popular e que nestas eleccións se consolida ese cambio de ciclo co BNG como clara alternativa.É a consecuencia da intelixencia política do Bloque de ser capaz de canalizar todo ese gran dinamismo social na cidade. Estas eleccións evidencian tamén na nosa cidade un esgotamento dunha forma de facer política, que é a da política estéril baseada na permanente confrontación que sirva para gañar votos pero non vale para facer avanzar a nosa cidade porque non consigue resultados. E a nosa guía é apostar porque a política se coloque ao servizo da xente. Creo que os vigueses apostaron polo BNG para conseguir avances reais.

Evolución del voto en Vigo en las últimas elecciones

Evolución del voto en Vigo en las últimas elecciones / Simón Espinosa

–Malia obter un resultado histórico non hai un xeito de capitalizalo. O PP na Xunta e Caballero no Concello continúan cunha maioría absoluta que non deixa marxe e o deputado en Madrid non é chave. Como podería transformarse esa ilusión en políticas reais?

–Cada comicio electoral ten as súas claves. O que sí que se evidenciuou nestas eleccións e que Vigo é o motor fundamental para empurrar o cambio a nivel galego, que é vangarda desa Galiza que vén. Nos imos seguir estes catro anos traballando dende tendo o Parlamento de Galiza, por debernos a todo ese esforzo e ese apoio que nos deron máis de 56.000 vigueses para ser a garantía de que os vigueses van a ter unha voz que os defenda no Parlamento.

–Estes datos non se deron soamente en Vigo, xa que tamén houbo vitorias en Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior e quedou a 10.000 votos no conxunto da área metropolitana de superar ao PP. Como interpretan isto?

–Somos unha zona de gran dinamismo social e que padecemos especialmente as políticas do Partido Popular. Vigo foi o laboratorio das privatización da sanidade, padecemos o terrible desmantelamento industrial ante a inacción da Xunta. Nesta campaña fumos a esperanza de todas as persoas que querían cambio, máis servizos e unha Galiza mellor.

Suscríbete para seguir leyendo