Alexandra Fernández: “Demostramos en Vigo que si se pode derrotar ao Partido Popular”

O BNG festexa o resultado histórico de situarse como primeira forza nunhas eleccións autonómicas na maior cidade de Galicia, que será “a grande sementeira” para o cambio

El BNG celebrando en el Hotel Coia su triunfo en Vigo

El BNG celebrando en el Hotel Coia su triunfo en Vigo / José Lores

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Saberse faísca e semente dun motor de cambio e, nun mesmo padal, sentir o sabor agridoce de non ter obtido todo o apoio necesario para acadar os obxectivos fixados e facelo efectivo. Esta sensación de sentimentos encontrados foi a que deixaron onte os resultados da xornada electoral entre os simpatizantes, militantes e voceiros vigueses do BNG en Vigo, que por primeira vez experimentaron o que supón situarse como primeira forza na cidade nuns comicios autonómicos.

“Nós fixemos os deberes”. “Nós cumprimos, máis non podemos facer”. “É o que toca, agardar...” . Eran algúns dos comentarios que podían escoitarse na noite de onte nun dos salóns do Hotel Coia, onde preto dun centenar de persoas permanecían pendentes da evolución do reconto electoral, entre os nervios que xeraba a esperanza de albiscar un cambio e a incerteza de non lograr os votos precisos.

Os primeiros aplausos na sala, algo tímidos, chegaron cando a agrupación nacionalista rabuñou o escano número 25 e o PP caeu a 40. Sendo conscientes de que non, de que esa fábrica de luz,emblema do BNG na campaña, non sería suficiente para ver de xeito inmediato a permuta no Goberno autonómico, quedaba centrarse na propia cidade e Vigo si que ía alumear un novo horizonte.

Un forte aplauso inundou a estancia no momento no que na pantalla do televisor saltou que un 36,92% dos votos da cidadanía viguesa recaeran no BNG, colocándoo como primeira forza política na cidade, uns resultados históricos que a deputada autonómica da agrupación nacionalista Alexandra Fernández asegurou que “evidencian que este proxecto se ergue cada vez sobre uns piares máis sólidos e robustos e que é capaz de chegar a todos os barrios, parroquias e vilas deste país”.

Arroupada polos aplausos dos militantes, Fernández dirixiuse a eles afirmando que, “se de algo nos podemos sentir orgullosos é de que demostramos en Vigo que si se pode derrotar ao Partido Popular. A derrota do Partido Popular hoxe en Vigo vai ser a derrota do PP en catro anos. Aquí empeza o futuro a catro anos vista”, sentenciou. Por outra banda, a deputada tamén recoñeceu a existencia dunha “sensación agridoce, porque o resultado non foi suficiente para conseguir o cambio. Pero hoxe non acaba nada, demos un salto de xigante”.

Pola súa banda, o voceiro municipal da formación, Xabier P. Igrexas, fixo una lectura positiva dos resultados sinalando que “no BNG dixemos que Vigo tiña que ser o motor do cambio. Non se logrou o obxectivo do cambio, pero foi motor e conseguimos un resultado histórico situándonos como a primeira forza na cidade e derrotando ao PP”.

Así mesmo, Igrexas amosou o seu agradecemento a esa “amplísima maioría” das viguesas e vigueses que “dixeron rotundamente non ás políticas de castigo, de maltrato e de abandono do Partido Popular en contra da maior cidade galega. Vigo é a partir de agora a xénese da grande sementeira cun BNG máis fortalecido ca nunca en toda a nosa historia e seguiremos empurrando, porque o apoio dos máis de 55.000 vigueses son o primeiro chanzo sólido e robusto para, dentro de moi pouco, conseguir facer historia de verdade no conxunto de Galicia”, concluíu.