Novo espertar tras pechar a “Acrópole”

Fillas de Cassandra estrea en Vigo “Últimas Dionisíacas” con Tanxugueiras, Mondra e Zetak

Fillas de Cassandra durante a actuación de onte no AuditorioMar de Vigo.

Fillas de Cassandra durante a actuación de onte no AuditorioMar de Vigo. / JOSÉ LORES

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Tocaba pechar a Acrópole logo de máis dun ano acumulando éxitos e, tal e como prometeron, fixérono por todo o alto cun espectáculo único que estivo marcado por esa potente enerxía que son quen de crear dende o escenario. O dúo vigués Fillas de Cassandra, integrado por Sara Faro e María Soa, deu o pistoletazo de saída na súa propia cidade de orixe á xira do seu novo directo, Últimas Dionisíacas, arroupadas por un público entregado de principio a fin e tamén rodeadas dun elenco de artistas que sorprenderon sobre as táboas aos 1.400 asistentes que esgotaron, en tan só dez días, as entradas porque xa aventuraban que o concerto ía ser irrepetible.

Tanxugueiras, Mondra, Adrián, Galician Army e Zetak foron os artistas que acudiron á chamada deste novo espertar de Fillas de Cassandra no Auditorio Mar de Vigo, no que despediron parte dos temas que as coroaron no último ano e no que interpretaron cancións únicas que os seus fans non poderán reproducir na casa, posto que Sara Faro e María Soa concebiron Últimas Dionisíacas como un formato de directo con “pasaxes efémeras”, de maneira que hai temas que tan só puideron ser escoitados na actuación en vivo.

Inicio da actuación de Fillas de Cassandra.

Inicio da actuación de Fillas de Cassandra. / José Lores

Botando man da metáfora dun novo rexurdimento, Amencerse foi a canción escollida polo dúo vigués para abrir a gran festa que acolleu onte o Mar de Vigo, para logo continuar o seu repertorio con outro novo tema, Decruarse. Adrián foi o primeiro artista que Fillas de Cassandra convidaron a compartir escenario e xuntos interpretaron Quebrantarse. A partir de aí, o dúo vigués retornou a Acrópole por uns minutos para goce do público que coreou Pandora e Antígona coas cantantes.

Sen dúbida, un dos momentos máis emocionantes da noite foi cando Tanxugueiras fixeron a súa aparición sobre o escenario para cantar con Fillas de Cassandra Quen é a que canta, evocando por uns intres a foliada techno vivida no Coliseum da Coruña do pasado mes de decembro no concerto do grupo integrado por Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío. Con Galician Army e Mondra, o dúo vigués puxo ao público a bailar con Tataravoa e Puñeta, e tras a interpretación de Eco, a última sorpresa da noite foi a aparición de Zetak.