Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Xosé Queizán: "Rosalía de Castro foi máis avanzada que moitas feministas actuais"

"Sufriu moita persecución", denuncia a escritora que presenta novo libro en Vigo

A escritora viguesa María Xosé Queizán. // Alba Villar

Nin mater dolorosa, nin nai chorona, nin sexo feble. A escritora galega Rosalía de Castro situouse sempre na vangarda como precursora dun feminismo que ela non chegou a vivir como movemento social ou teórico pero ó que si se anticipou denunciando nas súas novelas, poemas e artigos as aldraxes, violacións e inxustizas que cometían os homes contra as mulleres. No seu libro Rosalía de Castro e o poder sexual, que presenta esta tarde 19.30 horas na Librería Andel de Vigo, María Xosé Queizán defende que o leitmotiv da autora de Cantares gallegos ou Follas Novas non é a inxustiza con Galicia senón "a sexualidade e o poder patriarcal".

"Rosalía -explica Queizán-estivo moi mal lida e interpretada en anos anteriores. Os seus colegas escritores da súa época e os que viñeron despois non entendían absolutamente nada do que ela escribira. Parecía que vivían nun mundo absolutamente diferente. Transmitiron unha imaxe dela de chorona, nai, feble... Parecíalles que por ser muller tiña que ser menos. Ela padeceu a soidade e a incomprensión ata que non chegaron as lectoras e críticas feministas. Indígname que nos libros de texto dea a sensación de que vivira entre gabanzas e de que é o que é grazas ó apoio que tiña. Resulta que foi en contra do que tiña ó redor. Ela foi máis avanzada que moitas feministas actuais.

- Resulta curioso que fora unha autora estranxeira, Kathleen March, quen sinalara que o tema único da súa obra sexa a opresión da muller.

-Porque March é feminista e dá unha lectura moi actual. Eu comento no libro que, a Rosalía, sacáron-lle o sexo ó decatarse de que era tan boa escritora. Dicían que era un poeta, un escritor. Se era unha non podía ser boa. Ela non fala por si mesma, fala para o colectivo de mulleres. Fai unha epopea da muller galega.

- Sen embargo, si houbo un home que a comprendeu, Curros Enríquez.

-Curros foi o único que soubo vela. O único que tivo a sensibilidade para ver como era, darse conta da súa soidade, de que a chamaban tola porque non a entendían. El deuse conta de que a perseguían "os lobos da terra e dos ceos" que, en Curros, quere dicir os personaxes da realidade social e a Igrexa. Murguía intentou escapar da súa visión pouco relixiosa. Rosalía ten poemas nas que aparece como amiga do demo, non hai nada relixioso na súa obra. Ela sufriu moita persecución pero non sabemos exactamente como a viviu.

- Tamén no libro, conta como ,antes de morrer, decidiu deixar de escribir en galego a pesar da insistencia de Murguía para seguir. Non aturaba máis as críticas que arreciaron tralo seu derradeiro artigo que falaba do costume nalgúns pobos galegos da costa de agasallar a mariños visitantes co favor sexual da muller ou a filla do anfitrión.

-Rosalía chega un momento no que explota a propósito dese artigo que escribiu en El Imparcial.Foi crucificada: os seminaristas en Lugo téñenlle apedreado a casa. Rosalía tivo moita persecución da que non se fala ou conta. "Ladraban contra min porque andaba", dicía. Ela utiliza a ironía como subterfuxio para poder dici-las cousas. Ela foi moi valente.Os inimigos que puido facer Murguía serviron para que criticaran máis a Rosalía.

Compartir el artículo

stats