Galicia celebra hoxe, 23 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro con actividades nas principais cidades. Unha delas será a que Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en Vigo, onde a entidade colocará unha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel e leerá un manifesto e poemas de Rosalía no local do Centro Social A Revolta, a partires das 17.00 horas de hoxe.

Foi nos talleres de Juan Compañel na rúa Real de Vigo onde no ano 1863 imprimiuse por primeira vez o libro “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro.

A AELG busca desde 2011 institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar cun libro en galego e cunha flor nese día. A AELG elaborou o seu manifesto anual para esta celebración, obra de Beatriz Maceda Abeleira.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro (23 de febreiro de 1837) cunha ampla actividade que leva ás bibliotecas públicas, os centros de ensino, así como aos centros de Estudos Galegos que o Goberno autonómico ten no exterior, con propostas que se prolongan máis aló da efeméride.

Mostras, obradoiros, espectáculos de teatro e narración oral ou música, entre outras propostas, integran a programación organizada nas bibliotecas xestionadas pola Xunta, para público de todas as idades e que pode consultarse nas webs dos respectivos centros bibliotecarios.

En Vigo, a biblioteca Juan Compañel instalou xa a mediados de mes senllas mostras, unha para público infantil e outra para adulto. A primeira delas Entre Cantares, ofrece unha selección de distintas edicións dos libros de Rosalía e discos de autores que musicaron os seus poemas. A segunda, O século de Rosalía, consta de paneis explicativos arredor dos fitos culturais e históricos na Galicia do XIX para contextualizar a obra e vida da autora. Ambas permanecerán no centro ata o 12 de marzo.