A Policía Local desaloxou ao redor das 2.40 horas deste domingo unha festa que se celebraba nun local da parroquia viguesa de Bembrive na que había ao redor de medio centenar de persoas sen cumprir as medidas contra o coronavirus, que desde esta fin de semana inclúen a prohibición de encontros entre non convivintes entre a 1 e as 6 horas da madrugada en zonas de risco máximo ou alto, como é o caso de Vigo.

Segundo relataron fontes da Policía Local de Vigo, a festa tiña lugar "nunha especie de furancho", nun local con patio interior, onde había ao redor de medio centenar de persoas sen máscara e sen gardar a distancia de seguridade.

Alertados polo ruído que había, cando chegaron os axentes da Policía Local, ao redor de oito ou nove persoas escaparon saltando un valado, mentres que outras 33 persoas e os propietarios do local foron propostos para ser denunciados por non respectar as restricións para loitar contra a propagación do coronavirus.