Siri xa fala galego, ¿e vós?

A nova de Cultura de actualizar o Plan de Normalización Lingüística, a debate entre académicos e activistas

Promover o seu uso no ámbito laboral e cambiar o modo de ensino, entre as propostas

Manifestación en Santiago polo Día das Letras Galegas.

Manifestación en Santiago polo Día das Letras Galegas. / XOÁN ÁLVAREZ

Elena Ocampo

Elena Ocampo

Siri, a asistente de voz dos dispositivos da compañía Apple xa é quen de ler contidos en lingua galega tralo pulo mediático do caso de Moraima, unha cativa compostelá que con tres anos non acadaba resposta do sistema estadounidense ó empregar o idioma de Rosalía: “no te entiendo”, repetía Siri. Logo tamén das denuncias da Mesa pola Normalización Lingüística hai xa ano e medio que o sistema dispón das voces básicas nas diferentes linguas do Estado español, que se poden escoller en “axustes” do teléfono. O uso do galego na intelixencia artificial –suscitou o debate sobre a exclusión da lingua propia en moitos ámbitos da tecnoloxía– non estaba contido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004 e foi logo obxecto do “Proxecto Nós”, comandado pola Xunta a través da Amtega e a USC.

Porén, aínda na actualidade ningún xoguete, boneca, ou artiluxio para cativada ten locucións en galego. Así o ratifica o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira: “De 24.000 xoguetes analizados, so o 0,4% teñen instrucións en galego ou como opción dispoñible”. “É dicir, non hai oferta para o 36% de familias que falan galego e queren que os seus fillos o falen”, destaca. “Penso que posiblemente o Plan de Normalización Lingüística necesita, despois de 20 anos, unha actualización”, indicou recentemente o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tras abrirse á súa revisión. Por onde irán os cambios desa folla de ruta para defender e promocionar o galego? FARO consultou institucións como a Real Academia Galega (RAG), expertos e activistas para valorar o anuncio e facer propostas.

"Unha hipoteca en galego? Pola rapidez, non pola vontade asinarías en castelán

Marcos Maceira

— Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

O espiñoso plurilingüismo

Aínda que non hai nada –aínda– sobre a mesa, o conselleiro non contempla revisar o decreto de plurilingüismo no sistema educativo que aprobou o Goberno de Feijóo cando chegou a San Caetano tras derrogar a anterior norma de bilingüismo do bipartito. “É un debate que non está na rúa”, argumentou, aínda que aclarou que escoitará as posicións de todos os actores. Despois, o presidente Alfonso Rueda puxo o límite desa revisión na “política lingüística que a Xunta”. É dicir, manterá as posicións actuais. Por contra, os actores consultados, amósanse moi a favor de recuperar a norma que facía valer a metade do ensino en galego e superar o actual tercio. Por exemplo, as matemáticas en galego.

O galego no ensino...

O catedrático de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo Fernando Ramallo, que foi membro do comité de expertos da Carta Europea para as linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa e director de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo (UVigo), alude ó aspecto vertebrador da lingua no ensino. “É a chave, pero falta un cambio no xeito de afrontar o ensino da lingua galega”, valora.

Ten que haber una avaliación e seguemento das accións por persoal independente

Henrique Monteagudo

— Secretario da RAG

“Quizais non haxa que xerar só ‘aprendentes’ de lingua, nas partes léxica, gramática, semántica ou fonética que logo non a usen, e conveña centrarse máis nunha sociolingüística crítica para acadar unha maior concienciación sobre a situación da lingua entre o alumnado”, propón. É un “elemento fundamental” para todas as fontes consultadas, como tamén insiste o académico da RAG, Henrique Monteagudo.

...e nas extraescolares?

“Hai moitas actividades complementarias e elementos formativos nos que tamén se socializan a nivel lingüístico os rapaces que hoxe sabemos que non son estritamente curriculares”, explica Monteagudo. “Iso todo hai que revisalo, porque atinxe a empresas e a concellos”, prosigue. En resumo, para o sociolingüista e profesor –coordinador do Informe sobre Política Lingüística e Normalización en Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG)–, hai que buscar unha política lingüística, “que sexa máis horizontal”, destacando a importancia tamén do papel municipal a xogar nese partido.

Gran acordo pola lingua.

“Pasaron 20 anos e tamén pola evolución da lingua, habería aspectos que actualizar”, concordan axentes consultados. Monteagudo chama a unha acción “comprometida e eficaz”; é dicir, ó pulo das iniciativas que agora saian adiante: “que haxa unha avaliación, un seguimento independente”. “É preciso ese gran acordo pola lingua”, coincide co conselleiro.

Proceso de escoita.

O conselleiro de Cultura afirmou que se reunirá coa Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG) para escoitar as súas posicións. Consultada a este respecto, esta última institución declinou pronunciarse de momento. Mentres, o catedrático Fernando Ramallo propón que sería bo “constituír unha comisión de traballo con distintos axentes, que estea operativa uns meses para elaborar propostas de acción inmediata, para logo avalialas rigorosamente”.

Crear unha comisión de traballo con propostas de acción inmediata

Fernando Ramallo

— Catedrático da UVigo

Pola súa banda, desde a Mesa pola Normalización Lingüística preguntan por que “antes de propoñer cambios non se centran que haxa unha aplicación efectiva do plan”. É máis, cren que se o plan se aplicase, habería solución para moitas das actuais inquedanzas. Versión similar amosa o presidente honorífico do colectivo e profesor, Carlos Callón: “Este discurso é un narcótico. Por que falan dun novo acordo se incumpren todos os que houbo e hai?. Dalgún xeito é algo como estar dispostos a recoñecer dereitos, coa condición de que non se podan exercer!”, ironiza.

Este discurso é un narcótico. Por que falan dun novo acordo e incumpren todos os que hai?

Carlos Callón

— Profesor e escritor

Iniciativa Xabarín.

As reivindicacións audiovisuais seguen sobre a mesa, recuperando a idea que levou máis de 33.000 sinaturas en apoio dunha proposición non de lei de iniciativa popular ao Parlamento para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumentase a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade a través da “canle Xabarín”. Callón lembra que se aprobou dobrar para o cinema 10 filmes infantís e xuvenís ao ano. “A realidade: somos a única lingua do Estado na que non se estrea ningún filme para a xente nova na nosa lingua”, indica. Maceira tamén incide en que a oferta televisiva en galego segue sen executarse.

O galego para traballar

“Hai que capitalizar a lingua como un valor práctico e útil, como un elemento máis no mercado de traballo”, coincide o membro da RAG, para chamar a atención tamén do compromiso das empresas á hora de poñerse á fronte, non so das institucións. E de certo maltrato pola lingua en entornos laborais de círculos urbanos.

Do IRPF á atención telefónica

Que o teleoperador fale en galego cando premes o botón sinalado a tal cometido, que apareza no Programa Padre da declaración da renda de Facenda, ou nunha hipoteca... son obxecto de reclamacións que recolle Queremos Galego.

O máis obvio: as tecnoloxías

Avanzar no apoio e normalización do uso do galego nas novas tecnoloxías da información, así como no ámbito urbano foron os dous únicos puntos sinalados por López Campos. O autor de “Que pasa co galego?” valora os esforzos da Xunta co citado proxecto “Nós” e a introdución do idioma nas tecnoloxías e a IA, pero urxe máis. Valora tamén inserir os esforzos no seo universitario.

Un momento “histórico” que cumpriu 20 anos

É difícil ás veces botar a vista atrás para contextualizar feitos dos que, como é o caso, se cumpren máis dunha década. Foi un 21 de setembro de 2004 cando o pleno do Parlamento acordaba, por decisión unánime, aprobar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: un momento histórico para a lingua galega desde a aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983.

Dous foron os motivos: o primeiro deles, que todas as forzas políticas, sen excepción, se puxeron de acordo para darlle carta de validez a un texto no que se establecían ben ás claras o fin que se perseguía e a forma na que se ía lograr. O segundo, que o texto aprobado viña precedido dun proceso de redacción no que se viran involucradas máis dun cento de persoas dos máis diversos sectores sociais (economía, empresa, cultura, asociacionismo...) ás que se lle confiaran as tarefas de pensar o futuro que desexaban para o galego na sociedade do nacente século XXI. No seu transcurso, vivíronse certos cambios de guion, como o decreto do plurilingüismo, que chegou a ser obxecto de dictame no TSXG.

Suscríbete para seguir leyendo