Redes Sociais

Moraima, a nena viral galega que lle recrimina a Siri por non entendela

A cativa de só tres anos namora ás redes co seu vídeo berrándolle á intelixencia artificial

Moraima, a nena viral galega que lle recrimina a Siri por non entendela

Moraima, a nena viral galega que lle recrimina a Siri por non entendela

Víctor P. Currás

Víctor P. Currás

Como van falar en galego os cativos con normalidade se non está presente nas novas tecnoloxías? Esta pregunta, presente na sociedade galega dende a xeralización de Internet, volveu a saír á palestra grazas á pequena Moraima.

Esta nena de tres anos fíxose viral por recriminarlle a Siri, a voz da intelixencia artificial de Apple, que non entendera o que lle dicía. O vídeo foi compartido pola súa nai, Alexandra Fisteus, no seu perfil de Facebook. En cuestión de horas, xa era reenviado masivamente polos grupos de Whatsapp.

"Estoy aquí para ayudarte" repetía a súa tablet, a quen a nena non dubidaba en pedirlle que lle axudara a "recoller as cousas" provocando o sorriso da súa nai.

Pero a comunicación non era posible dado que o software intelixente aínda non ten rexistrado o galego, o que provocaría o enfado da pequena Moraime. "Porque eu falo en galego, sabes Siri?". E aínda que Siri respondía que "sabía muchas cosas", a nena soamente podía repetir o que dicía facéndolle burla.

Xa farta de pelexar, a nena preguntáballe directamente: "Dime, ti falas en galego ou en castellano?". "Creo que no te entiendo", respondía a voz robótica. Porque os problemas de comunicación co galego, e a súa normalización, non son cousa do pasado

Tamén en Twitter acadaría a súa dose de protagonismo. Sen chegar a ser trending topic, numerosos usuarios compartían o enfado da nena e pedían un esforzo ás institucións para conseguir que o galego chegue ás novas plataformas.

Finalmente, ata o propio conselleiro de Educación compartía o vídeo na súa conta oficial. Malia non poder prometer que Siri axudara á nena a recoller os seus xoguetes, Román Rodríguez sacaba peito co #ProxectoNós da Xunta e a USC que permitirá ao sistema operativo de Apple poder falar en galego.