Diálogos con Faro | Dixitalización inclusiva

Uns 113.500 galegos adquiriron capacitación dixital gratis coa Rede de aulas Cemit en doce anos

A Amtega traballa en levar un “aula CeMIT móbil” ós núcleos rurais en 2024 coa Cruz Vermella

Distribúen 1.300 impresoras 3D, drons e lentes de realidade virtual para novos itinerarios formativos

Bruno Rodríguez, José Manuel Rego, Alejandro Otero, Andrés Núñez (na pantalla) e Miguel Rodríguez, nos "Diálogos con FARO"

Bruno Rodríguez, José Manuel Rego, Alejandro Otero, Andrés Núñez (na pantalla) e Miguel Rodríguez, nos "Diálogos con FARO" / Marta G. Brea

Elena Ocampo

Elena Ocampo

Unha muller de 84 anos de Castrelo de Miño que fala coa súa neta por videochamada desde Whastapp ou un veciño que, con 70, aprendeu a pedir cita médica no centro de saúde desde a aplicación Sergas Móbil son dous exemplos de éxito da Rede de Aulas CeMIT, pola que levan pasado case tantos galegos como poboación hai censada na cidade de Ourense. Solicitar cita para renovar o DNI ou descargar un documento da administración dixital? Tamén, traballo feito.

Dotar desa capacitación no uso de novas tecnoloxías á sociedade de zonas asentadas nuns noventa concellos que salpican a xeografía galega, pero tamén facilitar ferramentas a alumnos en zonas de pouca conectividade para facer exames a distancia –durante a pandemia de COVID ocorreu con algúns universitarios– son obxectivos e funcións da Rede de Aulas CeMIT.

Este nodo de formación para integrar o uso de ordenador, móbil ou dispositivos electrónicos na vida cotiá da sociedade galega, está integrado por 94 espazos equipados coa última tecnoloxía, internet e sistemas de videoconferencia á disposición da cidadanía para actividades formativas ou acceso libre. “Máis de 113.500 usuarios rexistráronse desde a posta en marcha deste servizo en 2011 que leva planificadas máis de medio millón de horas de formación”, explicou o director de Área de sociedade dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Miguel Rodríguez Quelle, sobre o balance do servizo.

“Todo galego ten unha aula a media hora de distancia do seu fogar, como máximo”, asegurou desta rede que “se converteu nun elemento fundamental, ofrecendo unha capacitación dixital pública e gratuíta a todos os cidadáns, con especial atención aos colectivos máis vulnerables e nas zonas rurais para eliminar a fenda dixital”.

Colaboración Fegamp

En colaboración coa Fegamp, que elaborou as axendas dos concellos, levan 12 anos de andaina, pero aínda plantexan un novo reto para 2024: “Pilotamos un proxecto de Aula CeMIT móbil, para facer un achegamento da formación tecnolóxica ós núcleos rurais máis pequenos a través de expertos en tecnoloxía e nos que imos a apostar a través dun convenio coa Cruz Vermella”, expresou Miguel Rodríguez. Iso facilitaría o acceso a persoas de núcleos máis dispersos ou illados.

Os “Diálogos con FARO DE VIGO” recalaron onte nunha das iniciativas máis lonxevas para a “Dixitalización inclusiva” que promove a Amtega, que depende da Xunta, e coa pedra angular desa Rede de Aulas CeMIT –que forma parte da Estratexia Galicia Dixital 2030–.

Así, os responsables dos departamentos artífices, tanto o director de Área de sociedade dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, como o representante da FEGAMP, Andrés Núñez (que interviu de modo online), así como o presidente da Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior (Fegaus), Alejandro Otero e o axente da Aula TIC de Castrelo de Miño, José Manuel Rego, fixeron fincapé nas dificultades de achegar a un colectivo sen moita (ou ningunha) cualificación previa a manexar datos sensibles como son sos que teñen que ver coa banca ou a saúde. “Xéralles moita desconfianza, ou certo medo”,introduciu o director de Tecnoloxía da Información en Faro de Vigo, El Correo Gallego y Opinión La Coruña –diarios do Grupo Prensa Ibérica–, Bruno Rodríguez Castro, que conduciu o acto.

Iso si, por exemplo na aula que xestiona José Manuel Rego “máis do 70% das que se achegan son mulleres de diversas idades (moitas de máis de 70 anos). Este dato deu pé a falar dunha realidade en Galicia: “a fenda dixital das mulleres non existe, está superada”, coincidiu Miguel Rodríguez citando datos do Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), con datos de 2022.

Tendo en conta a idade, de feito, destaca o incremento do uso de internet das galegas de entre 55 e 64 anos. “O 60% das que acoden as aulas son mulleres e un 20% están situadas nesas idades”, engadiu.

A escolla do espazo do que se encarga José Manuel Rego na localidade de Castrelo de Miño veu dada porque se trata dunha “aula de referencia”; é dicir, polo bo funcionamento, o alto número de certificados expedidos e elevado número de horas impartidas. No futuro, a nova distinción de ter cursado –e superado– esta formación dixital poderá computar en procesos de selección ou oposición, avanzaron os expertos. “Desde a miña experiencia, as mulleres no rural son máis activas dixitalmente e sempre tiven máis asistencia de mulleres ca homes. Puxen en marcha o curso “Isto como vai?”, cun título en homenaxe ós meus pais”, sorriu José Manuel Rego.

E o municipio no que traballa ten moita poboación maior de 65 anos. O público obxectivo da formación son tres piares: uns corenta nenos do colexio de Castrelo de Miño, persoas maiores e poboación desempregada. De todos os xeitos, para “dinamizar a contorna” –asegura– “e que se coñezan os recursos, é preciso dárlle tempo o proxecto”.

A fenda dixital das mulleres non existe, está superada

Sobre outra realidade que se vive no rural, que é o aillamento da poboación, tamén falou o presidente da Fegaus, Alejandro Otero. Precisamente, moitos dos programas da entidade en convenio coa Amtega están dirixidos ou ben a manter os maiores con actividades na casa (“hai 40.000 galegos todos os días pendentes dos nosos proxectos”, asegura); como evitar a situación de soidade indesexada que sofren moitas persoas que habitan nesa Galicia baleirada. “A epidemia da soidade nesta comunidade vainos desbordar, hai que prepararse”, indicou Otero en relación ó proxecto en marcha “Adiós a la soledad” e “Cuéntame la soledad”.

O experto valora tamén –ademais dos soportes dixitais– empregar a televisión como ferramenta para que os maiores de núcleos máis illados podan acceder ás gravacións. “Hai aplicacións que lle dan compaña ás persoas, porque so con relacionarse con outras a través de mensaxes se poden sentir menos soas”, completaron.

Un exame na Aula Cemit de Marín

Un exame na Aula Cemit de Marín / Julio Santos Álvarez

Os medos que suscitan estas ferramentas, polas estafas online ou casos de phising que saltan de seguido ós medios de comunicación, exercen un efecto de retraemento no uso entre a poboación maior. Consultados sobre esta temática, os expertos aseguran: “Calquera pode caer, hai que explicarlles os riscos con linguaxe clara e próxima”. Recentemente, dous concellos galegos e un alcalde sufriron ataques de jackers, por citar un exemplo.

De todos os xeitos, pola experiencia dos participantes, os maiores adoitan a ser moi prudentes co uso das novas tecnoloxías. “So dicirlles que, se non o farían estando na rúa, non o fagan en internet e que fagan uso da tecnoloxía con sentidiño”, engadiu Miguel Rodríguez. Tamén Fegaus a partir das estatísticas que rexistra a Xunta –en base ás denuncias ante Consumo– fai charlas explicativas ós usuarios para saber como defenderse dos ataques, ou directamente ignoralos, explicou Otero.

E a Rede continúa o seu labor adaptándose ás novas demandas formativas, especialmente, ás derivadas da irrupción as tecnoloxías disruputivas. Con este obxectivo, a Amtega puxo en marcha un Plan de Reforma e Ampliación da Rede CeMIT, cuxa primeira actuación foi a dotación de material tecnolóxico innovador para poder desenvolver novos itinerarios formativos: distribuíu máis de 1.300 novos dispositivos entre impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación nas máis de 80 aulas adheridas a este Plan. En paralelo, púxose en marcha un plan de formación para que os axentes TIC que xestionan as aulas puidesen impartir novos itinerarios formativos con estes dispositivos.

Empregar a nova tecnoloxía con sentidiño: se non o farían na rúa, non o fagan en internet

O axente TIC José Manuel Rego, ante as cuestións plantexadas por Bruno Rodríguez de FARO, expresou o grande interese co que collen as novas xeracións estas ferramentas. Aínda que a fenda dixital de xénero está superada, nas vocacións científicas, –carreiras STEM– segundo confirman tamén desde a Amtega, queda camiño por percorrer. E haberá que facelo, paso o paso.

“Os concellos deben esforzarse nos contratos para dárlle continuidade ós programas”

José Manuel Rego leva dous anos a fronte dunha aula TIC de referencia, así considerada polo alto volume de usuarios e as horas de cursos impartidas. Tanto é así que este traballador considera ese espazo case un “centro social”, onde a veciñanza de Castrelo de Miño –con pouco máis de 1.300 habitantes e moita dispersión poboacional– lévalle aparellos tecnolóxicos a arranxar, fai consultas ou saúda ó pasar. Todo, para crear un clima de confianza; labor moi necesaria no núcleo que potencia enormemente a boa receptividade posterior dos maiores. Por iso, ante a queixa (xustificada) que lanzaron desde Feagus sobre a tardanza na contratación de axentes para as aulas TIC, “que atrasa a programación” dalgúns espazos incluso ata o segundo trimestre do ano, Rego remarcou: “Os concellos deben esforzarse para dar continuidade ós programas”. O investimento municipal afianza no rural estas infraestruturas. Por que? Polo beneficio que aporta ter unha persoa de referencia para os maiores. “A necesidade é dar continuidade e ter alguén de confianza”, expresa. Tanto é así que este axente queda cos usuarios aínda cando imparten formación outros expertos.

decoration

“As aulas suporán un aforro social, educativo e sanitario por exemplo coa telemedicina”

No retorno que dan as actividades e a formación que conlevan as aulas CeMIT incidiu Andrés Núñez, da Federación Galega de Municipios y Provincias (Fegamp), que traballa xuntamente coa Amtega neste programa tecnolóxico. “Vaille dar un valor engadido a Galicia”, resaltou. “Porque esas aulas nos devolverán un aforro social, un aforro educativo e tamén sanitario”, completou. O experto xustificou este argumento, por exemplo, no emprego de técnicas de telemedicina en casos de persoas dependentes en municipios illados. Coa recente dotación de gafas en 3D poderíase amosar ó médico sen necesidade de desprazamento algunhas cuestións rutinarias de revisións sanitarias. “Poderíalles solucionar ós alcaldes algún problema de gobernanza”, plantexou. Que sería máis útil un bando pendurado nunha árbore, ou distribuído telematicamente?”, chegaron a debater os presentes. Quizais arranxando problemas legais e adaptando ás realidades presentes, estas novas ferramentas veñan a solucionar problemas de illamento social de moitas poboacións galegas, concordaron.

decoration

“A fenda dixital de xénero non existe, menos aínda nas mulleres de 55 a 64 anos”

A relevante información do Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) confírmase no día a día cos datos destas aulas CeMIT da Amtega. “Non hai fenda dixital das mulleres; de feito, elas representan en ocasións ata o 60% das que acoden... e os datos, avalan que usan máis internet que eles en algunhas idades”. Entre abril e novembro deste ano houbo máis de 225 actividades formativas centradas no manexo e aproveitamento deste material das aulas, incluíndo a experimentación cos kits de robótica ou placas de programación, novas actividades interactivas a través das lentes de realidade virtual, a pilotaxe de drons ou a fabricación de aparellos con impresoras 3D. “O traballo desenvolvido desde CeMIT na última década contribuíu a mellorar os índices de dixitalización da sociedade galega. Os últimos datos do INE sinalan que o uso da internet en Galicia pasou de 52,5% en 2010 a preto do 92% en 2022”, explica. Ademais, este indicador crece nas franxas de idade, nas que a fenda dixital era máis acusada. Hoxe máis do 70% das persoas de entre 65 e 74 anos empregan internet, mentres que en 2010 so facíano pouco máis do 6% dos galegos nesta franxa de idade.

decoration

“Buscamos un sistema con IA para axudar ós maiores nos caixeiros dos concellos sen banco”

Sobre a falta recente de servizos da que adolece a Galicia rural, Alejandro Otero aludiu tamén ós 54 municipios que quedaron hai relativamente pouco sen entidades bancarias (tralo peche de oficinas) e nas que só contan xa con caixeiros, grazas á intervención da administración. “Estamos buscando un sistema para 2024, aplicando a intelixencia artificial para que calquera veciño poda identificar ante un caixeiro e coñecer o mecanismo para sacar diñeiro ou facer ingresos... ou pagar un recibo do IBI”, remarcou. Referíase así ás dificultades de confianza entre moitas persoas pola operatividade distinta que existe en cada entidade bancaria. Iso si, outros dos poñentes explicaron que estes sistemas de titorización se empregan –cada vez máis e con maior velocidade– vencellados a dispositivos móbiles ou tablets. É dicir, que quizais en poucos anos os caixeiros como ferramenta de manexo bancario serán obsoletos. Outros programas que puxo en marcha Fegaus con Amtega teñen demostrado, asegura, moita demanda e visitas en plataformas tecnolóxicas.

decoration