O xénero inflúe no emprego do galego: as mulleres son máis monolingües en castelán

A RAG estima nun 4% inferior entre o colectivo a transmisión interxeracional da lingua

REDACCIÓN

Unha publicación da Real Academia Galega (RAG), que sae do prelo coa colaboración da Deputación de Pontevedra, analiza a influencia do xénero no uso e na transmisión do galego a partir de datos que revelan que a porcentaxe de mulleres monolingües en castelán é “sensiblemente superior, un 26 por cento fronte a un 22,3 por cento de homes que non falan habitualmente o galego”.

Así o sinala a RAG sobre o volume, “Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión”, presentado, entre outros, pola súa coautora María López Sánchez. A tamén académica indica que “non se constata unha fenda de xénero rechamante”, pero si que existe “unha consistencia” e que se pode estimar “arredor dun 4% no uso e na transmisión interxeracional, menor no caso das mulleres”. Apunta unha “maior presión” nas mulleres cara o uso do castelán, un elemento “prestixiado”. A análise tamén indica que avós falan máis galego que as avoas cos seus netos e netas”.