Gracias á(s) Beti(s)
por máis de 40 semanas de aventura

Agarrándonos ben forte da man —ao pequeno e aos maiores— estivo e está Beti.

Agarrándonos ben forte da man —ao pequeno e aos maiores— estivo e está Beti. / Cedida

A. Chao

A. Chao

Hai unhas 40 semanas, coincidindo case coa primeira publicación do Faro Educa deste curso, coñecín a Beti. Sentada naquela cadeira de cole viaxei aos anos 90, cando a miña avoa, coa súa saia de cor tella, me acompañou ata a porta da escola rural na que aprendería a ler e escribir. Sempre me gusta pensar que alí, naquela unitaria dun municipio de poucos centos de habitantes, comezou o meu idilio con este oficio de xuntar palabras para contar historias. 

De volta á realidade, desta vez atopábame naquela aula para deixar en mans de descoñecidos a Álex, un cativo tan extraordinario e único como a maioría da rapazada desa idade. A diferencia, este era o meu pequeno. Costábame xestionar ese nó na boca do estómago que case me cortaba o alento pensando en como estaría aquel primeiro día. Faría como fixera eu tres décadas atrás e botaría a mañá xogando con pezas de construcción da cor da miña roupa para extrañarme menos?

Tanto foi así que botei man desta mesma columna a modo de terapia. Non o vou negar, escribín aquelo de que os nenos e nenas, a medida que medran, se fan un pouco máis do mundo para autoconvencerme que todo o que estaba por vir era unha verdadeira aventura e que todo ía ir ben. 

Acertei a medias. Non, non foi todo ben. Houbo días de verdadeiros dramas, pero si, estes meses foron unha marabillosa aventura. E agarrándonos ben forte da man -ao pequeno e aos maiores- estivo e está Beti. E Elena, Ángela, Silvia, Óscar, Cristina, Mercedes, José Manuel, Alba, Ricardo… Son só unha mínima representación dos profesores e profesoras que exercen de motor do noso sistema educativo, aqueles cos que compartín de primeira man tanta apredizaxe e evolución, pero que me permiten radiografiar ao todo pola parte. 

Vocación, agarimo, técnica, responsabilidade… son só algunhas das destrezas que poñen en práctica centos de docentes cada día en Galicia. 

Precisamente, ao longo dunha vintena suplementos, tivemos a oportunidade de falar de moreas de iniciativas postas en marcha por centros e profesores para seguir ensinando, no sentido máis transversal. Non se trata só de trasladar coñecementos, senón de preparar aos mozos para o mundo, axudalos a comprender e xestionar emocións, acompañalos mentres transitan etapas convulsas como a adolescencia…

Pero tamén tivemos espazo para pór as preocupación dos docentes no centro, abordando temas como a presión á que están sometidos, o síndrome do burnout, o cuestionamento sobre a carga de traballo ou os periodos de vacacións. 

E, como non, o alumnado e as familias tamén tiveron un oco destacado neste camiño de dobre sentido, no que Faro Educa lles ofrece información do seu interés mentres eles, noutras ocasións, son os protagonistas indiscutibles coas súas historias. 

Sabemos que as 180 páxinas publicadas nestes meses, asinadas por xornalistas que se mergullán con dilixencia e paixón en cada un dos temas que desgranan, non son suficientes para abranguer todo o relevante, pero oxalá que nalgunha delas conseguísemos informar, formar e entreter, que diso vai o noso. E a partir do próximo setembro, máis.