21 días co galego (e máis) que abren a porta a toda unha vida

Co proxecto 21 días en galego, os centros escolares traballan para que a lingua sexa unha ferramenta nas clases e unha compañeira no patio

A inauguración do proxecto no CEIP Pintor Laxeiro.

A inauguración do proxecto no CEIP Pintor Laxeiro. / Marta G. Brea

Din que é o tempo necesario para crear un hábito. Que con 21 días facendo algo de forma consecutiva convertirase en parte inseparable da túa rutina. E é que en algo máis de dúas semanas podes construir unha nova forma de pensar e comportarte. Ben o saben Luisa, Paula e o resto dos seus compañeiros do CEIP Pintor Laxeiro.

Eles, como outros centros galegos están participando no programa da Consellería de Cultura “21 días co galego”. O obxectivo? Convertir o uso do galego oral nun hábito, especialmente entre a xente máis nova. “Que vaia máis aló da aula de galego” explica Esther Fernández, a directora do centro: “Falar galego no recreo, na casa, no parque… Dende os alumnos de infantil ata os maiores de sexto”. Esta actividade xurdiu por iniciativa dunha mestra do IES de Pobra de Caramiñal no 2013, e foi adquirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no 2019, funcionando coma un proxecto ao que poden adherirse os centros educativos de xeito voluntario. Así o fixeron neste CEIP de Coia, que aproveitou a oportunidade con máxima rapidez: “Antes só se podía participar dende os cursos de instituto, e agora por fin podemos facelo tamén os de primaria”. 

Acompañaron o comezo dos seus 21 días con pandeiretas.

Acompañaron o comezo dos seus 21 días con pandeiretas. / Marta G. Brea

Ser e lecer: querer a lingua

Galicia é o que vemos: a terra, o mar, o vento… Pero hai outra Galicia que vai no sentimento!

Galicia somos nós: a xente e mais a fala. Si buscas a Galicia en ti tes que atopala!

Así o describía Manuel María e así o leu Luisa Monroy, de 6ºA, durante a presentación do proxecto o día 17 de xaneiro. Marcaban así o inicio da aventura que remata hoxe día 6, aínda que sabemos de boa tinta que, se ben o proxecto finaliza con 21 días, o galego seguirá presente nos xogos, nas conversacións no patio, nas redaccións e na ceas con pais e nais na casa.

“O proxecto é transversal e participamos ao mesmo tempo que outros centros galegos. Temos que subir os avances na conta de Instagram @21dcgemais, e participar con vídeos, xogos… todo o que facemos para involucrar o galego queda gravado e rexistrado"

E é que non se trata de convertir o galego nunha ferramenta das clases, senón nun compañeiro no tempo de lecer. Nas clases, si, pero tamén no patio. Así combinan as “pílulas informativas” que deben preparar cada día (onde os rapaces preparan textos en galego sobre o tema da súa elección, neste caso o ecoloxismo), pero tamén con xogos: “O tabú, o xogo do pano, refráns, adiviñanzas...”.

Aínda que o favorito foi o karaoke: “Preparamos o patio coma se fose unha discoteca e organizamos sesións de karaoke e baile: a última foi a Oliveira dos cen anos, o himno do celta, que xuntou a máis de medio colexio a cantar. Son cousas como esta as que verdadeiramente incentivan o uso do galego, que fan querer a lingua”. E é que as linguas son un anaco de identidade, unha das características principais que nos definen. E aínda máis importante, a fala é o medio polo cal podemos comunicarnos e expresarnos cos demais. Por iso, como apunta Gabino Vázquez, investigador do departamento de Sociolingüistica no Instituto da Lingua Galega, “a contorna vai ser sempre un factor determinante. No caso das nenas e nenos, a escola é durante anos o espazo de socialización principal fóra da familia. Por iso, é tamén fundamental no desenvolvemento do seu comportamento lingüístico. De feito, as nosas investigacións amosan unha correlación entre o proceso de desgaleguización do alumnado e o paso polas distintas etapas do sistema educativo.

"E é que non se trata de convertir o galego nunha ferramenta das clases, senón nun compañeiro no tempo de lecer. Nas clases, si, pero tamén no patio"

A incorporación na educación preescolar, o paso aos colexios, a chegada ao instituto... supoñen cambios contextuais que poden afectar ás prácticas lingüísticas do alumnado. Se o galego é a lingua maioritaria en todos eles, as nenas e nenos galegofalantes tenderán a mantelo, e os que falan castelán na casa desenvolverán igualmente unha maior facilidade para adaptarse. No caso contrario, o proceso adoita rematar cun abandono parcial ou total da lingua propia por parte do alumnado das familias que falan galego”.

Para empregar unha lingua hai dúas condicións indispensables: posuír unhas competencias axeitadas e ter oportunidades para usala. En ambas as dúas a escola ten un papel importante. “Fixemos diferentes actividades, todas dándolle preferencia á comunicación en galego, e buscando que durante cada unha estivesen entretidos e cómodos” Pero non debe ficar aí: “No día da inauguración colocamos uns globos que non retiraremos”explica a directora. “Os globos representan simbólicamente que, aínda que o proxecto dure 21 días, seguiremos falando galego entre nós unha vez finalice o programa”.

O día da inauguración do proxecto.

O día da inauguración do proxecto. / Marta G. Brea

E é que, aínda que a escola xogue ese papel fundamental, “é igualmente preciso fomentar o seu uso nos demais contextos, cos amigos, coas persoas adultas e cos pais, pois isto é o que reforza a percepción de utilidade e o vencello afectivo coa lingua” remata Gabino Vázquez. “Por iso consideramos moi valiosas as iniciativas centradas na oralidade e as que teñen un compoñente lúdico e levan o galego a situacións comunicativas diversas, afastadas do puramente lectivo”.

Porque o que empezou con 21 días pode (e debe) durar toda a vida.

Perder o medo e soltarse a falar!

Paula Rouco, de 6º, recapitulaba en representacion dos seus compañeiros non só as actividades que están a realizar, senón os beneficios que ten vivir co galego de forma transversal.

Cortando a cinta na inauguración.

Cortando a cinta na inauguración. / Marta G. Brea

 “Axúdanos a coller máis soltura coa lingua. Eu antes non a falaba moito, e con este proxecto estou mellorando a pasos axigantados” explicaba. “Estamos todos no mesmo” comenta a directora do centro, Esther Fernández “Todos, alumnos e profes, cometemos algunha gralla de vez en cando. E isto permitiunos non só aprender cousas novas, senón a afianzar o que xa sabemos e a perder o medo a falar a lingua, a gañar confianza sen preocuparnos polas incorrecións, que só coa práctica podemos corrixir”. 

“É igualmente preciso fomentar o seu uso nos demais contextos, cos amigos, coas persoas adultas e cos pais, pois isto é o que reforza a percepción de utilidade e o vencello afectivo coa lingua

E se Gabino Vázquez sinalaba a importancia na escola no caso de posuír competencias para falar galego, isto non se refire únicamente a “saber” facelo: “Senón de acadar a autoconfianza necesaria para desenvolverse nel con comodidade. Pero fóra do entorno escolar, os fenómenos musicais recentes ou o éxito que están a acadar en distintas plataformas creadores e creadoras de contido na nosa lingua, contribúen sen dúbida a darlle prestixio e amosar que o galego non só non ten límites, senón que é un valor que podemos engadir a todo o que fagamos”.