CIENCIA PARA O DÍA A DÍA. O CSIC RESPONDE

Outro Día Mundial “D”?

Cecáis pouca xente reparase na efeméride da Inocuidade dos Alimentos que vimos de celebrar este 7 de xuño, pero o seu obxectivo é chave para que poidamos consumir alimentos seguros 

Cada 7 de xuño celébrase o Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos. Coñecemola un pouco máis desde a perpectiva científica.

Cada 7 de xuño celébrase o Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos. Coñecemola un pouco máis desde a perpectiva científica. / SHUTTERSTOCK

Marta López Cabo

Divulgación

Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia. Marta López Cabo é Científica Titular e Responsable do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Productos Mariños no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo

Cada 7 de xuño celébrase o Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos. Promovido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e Alimentación (FAO), ten como misión sensibilizar á sociedade da necesidade dunha mellor xestión daqueles riscos transmitidos por alimentos. Cun obxectivo final: que poidamos consumir alimentos seguros.

Cecáis pouca xente repara nesta efeméride, non tanto por descoñecer o termo senón porque hoxe en día temos na bandexa demasiados días “D”, case incontábeis. Sen embargo, para os que traballamos arreo para acadar a inocuidade de alimentos, este Día Internacional non pasa desapercibido.

As enfermidades de transmisión alimentaria que comprometen a inocuidade dos alimentos son aquelas que se transmiten a través do consumo de alimentos contaminados con bacterias, virus, parasitos, toxinas u compostos químicos. O impacto na saúde e na economía é indubidable. Como dato orientativo, en Europa notifícanse arredor de 350.000 casos ao ano.

Trátase dunha responsabilidade colectiva, na que deben estar comprometidos tódolos axentes da cadea alimentaria a partires do coñecemento xenerado polos expertos científicos, dende produtores a consumidores, así como os profesionais da saúde e as autoridades competentes. Estas últimas encargadas de facer de víxias para detectar calquera erro a tempo, propoñer solucións baseadas en normas e comunicalas. Un entramado ben deseñado que vela para que todo funcione nas mellores condicións posibéis.

Todo parece estar claro, pero sempre queda moito por mellorar. A dificultade de harmonizar a tódolos axentes implicados e a complexidade dos sistemas dificultan ás veces o control da aparición de brotes alimentarios. A isto engádese a situación medioambiental e socioeconómica actual, marcada polo cambio climático, o esgotamento dos recursos e o incremento demográfico, que esixe impulsar a transformación dos sistemas alimentarios de maneira sostible mantendo a seguridade alimentaria e nutricional, así como o benestar medioambiental e social

Asemade, neste proceso de transformación, é preciso considerar a aparición de novos perigos emerxentes para poder definir accións que disminúan o seu posible impacto. Con iste obxectivo traballa todo un entramado de Redes de coñecemento a nivel rexional, nacional e internacional. Tal é o caso de RISEGAL, Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria coordinada polo CSIC.

Marta López Cabo é Científica Titular e Responsable do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Productos Mariños no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo

Marta López Cabo é Científica Titular e Responsable do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Productos Mariños no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo / Cedida - CSIC

Unha bacteria que vive en todas partes

Neste contexto, a ciencia é imprescindíbel, pois resolve retos e trata de dar solucións. No grupo de investigación de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños (MicroTec) do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) levamos case dúas décadas tratando de entender a ecoloxía dunha das bacterias de transmisión alimentaria con maior fatalidade. Trátase de Listeria monocytogenes, unha especie bacteriana patóxena zoonótica, singular, que ten desenvolto estratexias competitivas exitosas que lle permiten sobrevivir en condicións adversas e, de cando en vez, provocar brotes de listeriosis. 

Listeria monocytogenes ten a capacidade de vivir en todas partes, é ubícua. E como consecuencia (ou como causa) pode medrar nun rango amplo de temperatura, pH ou actividade de auga, o que facilita a súa supervivencia en alimentos e plantas de producción. No noso grupo, investigamos cómo vive Listeria monocytogenes nas superficies da industria alimentaria formando focos de contaminación e cómo se produce a transferencia a alimentos por contaminación cruzada. Porque as bacterias (patóxenas ou non) non viven soas. Forman asociacións con outras bacterias ou outros organismos como lévedos ou fungos formando estructuras complexas ou biofilms, que semellan sociedades microbianas. Realmente son estructuras complexas que facilitan as relacións de cooperación intra- e inter- especie e ofrecen ventaxas para a súa supervivencia no ambiente. Cabería pensar que estas asociacións tenden a unha estructura estable nunha mesma localización pero non é sempre así. É o mundo microbiano, no que todavía queda moito por coñecer.

Temos todos a responsabilidade de seguir avanzando no coñecemento científico para mellorar os sistemas de control e dar resposta aos desafíos en seguridade alimentaria que se presentan no momento actual de transformación dos sistemas alimentarios para ofrecer ao consumidor alimentos inocuos.

Outros artigos con "CSIC. Ciencia para o día a día"