Síguenos en redes sociales:

"My grandfather's forest": premio europeo para O Porriño

"My grandfather's forest": premio europeo para O Porriño

“Os montes antes eran de todos porque todos os coidabamos. Moitos traballabamos no campo, así que existía un respecto entre a natureza e nós. Eramos máis conscientes de onde viña o que comiamos ou a madeira…. Así que o coidabamos máis. O lixo non o deixabamos por aí, tirado. E había moi poucos incendios porque para moita xente iso sería como perdelo todo. Pola contra, co paso do tempo, foron aparecendo algunhas voces que cambiaron a maneira de facer as cousas”. Así explica Alfonso Fernández Deiros, de 74 anos de idade, como eran hai anos os montes en Galicia e cal era a relación das persoas que os habitaban coa natureza, unha relación, segundo as súas palabras, de coidado máximo e moito respecto. Era o seu medio de vida.

O avó que ama e coida o monte

Fernández Deiros, avó da alumna Rocío Fernández (16 anos na actualidade), narra todas estas vivencias, vinculadas á súa experiencia, nun vídeo curto no que describe unha bonita historia sobre o monte de antes, analizando a evolución do medio e dos coidados. Alfonso vive en Mos pero naceu nunha pequena aldea de Lugo. Con este vídeo, que se titula “O monte do meu avó” (‘My grandfather’s forest’) Rocío Fernández (que na actualidade cursa 1º de Bacharelato no IES Ribeira do Louro de O Porriño e no momento da realización do vídeo estaba en 4º da ESO) obtivo dous premios: un nacional e outro internacional. A través destetraballo audiovisual, esta moza, que vive en Budiño (O Porriño), quixo facer unha reflexión sobre o papel dos montes ao longo do tempo na sociedade: como o seu uso foi mudando e o seu coidado deteriorándose. Todo a través da voz, da narración, do seu avó. O vídeo está en galego, con subtítulos en inglés.

Xurado internacional

E esta pequena peza, tan emotiva, chamou a atención con varias distincións no ámbito internacional, no que competían centros de distintos países de Europa. Todo isto (a elaboración do vídeo, os galardóns) foi posible grazas ao Proxecto Erasmus + Careforest (Coidado dos bosques para protexer os ecosistemas locais e globais e a vida humana) no que participa o IES Ribeira do Louro de O Porriño, xunto a varios socios europeos, dentro das numerosas accións que levan a cabo neste instituto sobre medio ambiente, como transmite a profesora Marta Freijedo.

Retos

“Con este proxecto preténdese preservar o medio ambiente, poñendo de manifesto os perigos que sofren os nosos montes, ameazados non só pola contaminación ambiental e da auga, senón tamén polos incendios. Concienciar á sociedade, aos rapaces da dimensión do impacto que supón o lume no medio ambiente a curto e longo prazo (efectos sobre a fauna e flora dos bosques, acidificación nos ríos, mares e océanos…)”, explica a profesora.

E no Concurso de Curtametraxes Careforest, de ámbito europeo e que gañou Rocío Fernández, o alumnado participante, tiña un obxectivo: sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de coidar os bosques. Así, puideron realizar e enviar vídeos curtos (duración máxima de 3 minutos). Participaron alumnos de varias materias do departamento de Bioloxía e Xeoloxía: Inés Fernández, Alba Graña, Nayara Maceira e Coral Pedreira (de 1º de ESO, na materia de Climántica); ademais de Rocío Fernández, de 4º de ESO, en Bioloxía e Xeoloxía. “Toda a madeira que utilizamos vén dos bosques. Que fariamos se quedásemos sen eles? Que tal se tomamos conciencia para coidalos mellor? Por un mellor futuro para todos!”, expresa Rocío Fernández na parte final do vídeo, logo da emotiva explicación do seu avó, que conquistou ao xurado. Realizaron todos estes traballos durante a pandemia.

Ademais, o alumno deste instituto Antonio García Torres obtivo o 1º premio na sede provincial da XII Olimpíada de Xeoloxía (cursaba o ano pasado 2º de Bacharelato), en liña coa intensa actividade deste instituto en materia medioambiental. Representou, xunto cos gañadores das outras sedes provinciais, a Galicia na Olimpíada Nacional.

Antonio García 1º premio (002)

Pulsa para ver más contenido para ti