Libros recomendados

Crítica literaria

LIBROS - 1

LIBROS - 1

VV.AA.

A buganvílea

Mellor sen ficción

IAGO FERNÁNDEZ

Certos libros desapercibidos merecen “unha volta de rosca”, xa sexa para reivindicalos ou,neste caso, razoar a súa inadvertencia. O cantar dos músicos errantes de X. López Valcárcel componse das memorias dun acordeonista que animaba as festas populares da Galiza de posguerra. O seu principal atractivo é que, historiográfica e etnograficamente, incorpora un nutrido aparato documental. O seu principal erro é que as devanditas memorias non son máis ca unha celosía na que se enreda a retentiva libresca do autor. A estrutura (capítulos equivalentes que enfían a biografía da personaxe protagonista, típico da novela burguesa do XIX) fúrtalle dinamismo, e as vivencias do narrador, lonxe de acadaren un relevo dramático, tórnanse anecdóticas, ilustrativas ou mecánicas.

No entanto, o derrubamento da novela de López Valcárcel formula un problema concluínte para a Literatura contemporánea: como nos relacionar co material documental e,especificamente, co arquivo borxiano que estrutura a sociedade da información?

Escollo tres das múltiples saídas que adianta a Historia da Literatura. 1) Cando un narrador enfebrece cunha realidade histórica e opta por lle conferir plena integridade, pode migrar de xénero discursivo: Martín Gaite. 2) Os narradores de vangarda, por outra banda, prefiren a hibridación xenérica: Cercas ou Magris. 3) A maioría dos narradores, insinuando o imperio de Walter Scott, practican a tapicería histórica: Almudena Grandes. Baixo a condición sine qua non, iso si, de que os compoñentes estruturais da novela non fiquen nun esquematismo infidel. O exemplo supremo é As ilusións perdidas, de Balzac, onde a descrición dunha imprenta de tipos adquire un peso simbólico no drama aspiracional de Lucien de Rubempré.

A novelística contemporánea, ao se mergullar no arquivo dos tempos, oscila entre a 2) e a 3). Malia o que suxire na contraportada Manuel Blanco López, a novela de López Valcárcel non pertence á segunda senón á terceira categoría. A 3) é unha postura tan nostálxica coma comercial que, con todo, adquire un sentido renovado en certos contextos de recepción: hai cousa de meses dediqueille estas columnas a Ao sur da liberdade, unha novela histórica de Xose Henrique Costas González. Xustificábaa alegando que recreaba o mito do señor hispanomusulmán Muhammad Ibn Marwan Al-Galiqí para refundar unha historiografía nacional- galega deturpada pola conxura oficialista. López Varcárcel tamén amosa unha vis vindicativa ao exaltar o papel dos músicos errantes na preservación da tradición popular en tempos de miseria nacionalcatólica. A diferenza básica é que, no seu caso, a ficción redunda nunha mirada nostálxica cara a unha realidade antropolóxica.


Sentimental microhistoria

Mapear a paixón

XOSÉ FEIXÓ

Sacho de seda. Unha microhistoria sentimental, de Abraham Pérez (Lugo, 1990), publicado por Menino Morreu como número 5 da colección Bébel, vén ser unha pequena colección de reflexións e historias datadas, catro ou cinco segundo se teña o limiar por parte da historia narrativa tamén, nas que o autor, en pouco máis de corenta páxinas, trata de mapear a paixón e o escenario histórico do Club Deportivo Lugo, con, como el di, moita imparcialidade, pois afirma ser inxusta toda declaración de amor coma esta; declaración que, afirma tamén, é un devir, un camiño... unha paixón pola beleza que celebra a a propia do xogo, cara á noite , na case escuridade da noitiña, sexa inverno ou verán. Xogo que, considera acertadamente, é un produto dun contexto e dunhas circunstancias ou condicións históricas do intento de comprender a identidade, individual e colectiva, dunha paixón, dunhas cores. Pretende, con isto, partindo da simboloxía, achegarse e achegarnos a saber quen somos e como nos relacionamos cos demais seres que conforman a realidade. Todo iso, pola contra, sen pretender ser unha historia ou relato histórico das andainas do seu club, aínda que, iso si, advirte que nel hai un gran traballo documentalista, constatable, e tamén vivencias subxectivas.

Nos catro capítulos que seguen ou restan –“Desde a periferia”, “Pequena historia dun club pequeno”, “Do fin da Historia ao esmoquin”, e “A afección non existe”–, cuxos títulos dan boa fe do contido, adéntrase o autor na temática anunciada, desde os puntos de vista e perspectivas que considera oportunas en cada caso, e coas que pode coincidir ou non o lector, así como coas súas opinións, que en todo caso son sempre útiles para todo tipo de reflexións.


Ut pictura poesis

Arte en todas as dimensións

ORIANA MÉNDEZ

O nome propio de Ánxel Huete é peza clave no diagrama da arte galega das últimas décadas; a súa achega á abstracción formalista non deixa de resoar aquén e alén porque forma parte xa do acervo cultural de Galicia. Tras cinco décadas de produción artística, Huete fai valer as palabras de Horacio na Arte poética: “Pintores e poetas/gozaron sempre do dereito de se atrever a todo” e publica Pintura sen cores, un libro-obxecto que contén dezaoito poemas e dúas pinturas orixinais do artista, todo introducido por un texto de X.M. Álvarez Cáccamo, quen xa publicara As artes da vida de Ánxel Huete (Laiovento, 2021). Trátase dunha peza de arte en todas as súas dimensións, ao coidado da editora Bourel. O libro coma fetiche e os fetiches do artista sucedéndose, a xeito de balance biográfico, nos poemas. Textos condensados, esenciais e existenciais: formalismo tamén na escritura. Elegancia desprovista de retórica á hora de escribir sobre o sentido da arte e sobre as propias eleccións: “Entre realidade e representación/a inflamación da arte” ou “Así/horizontal e sedento/fiquei desamparado de Deus”. Crudeza sen excedentes. As discusións sobre arte e ideoloxía, sobre pintura como mímese da realidade ou abstracción como territorio liberado de referente e de propaganda, son fitos vitais do creador plástico e elementos temáticos neste libro, pero aquí emerxen doutra maneira as impresións ocultas e algunhas “perversións diocesanas”. Aquí todo o que non pode ser dito doutro xeito: “Ulrike/pernas de leite”.

Sabemos polo texto curatorial de Agar Ledo Arias para a exposición Ánxel Huete. Unha revisión crítica (MARCO, 2017) que os grandes retratos dos presos do Proceso de Burgos que encabezaron as protestas en Berlín, sendo decembro de 1970, foran pintados por Huete. E o alento poético avanza dende a forza dese espertar, até o soño sinestésico dun agudísimo artista que posúe, claro, o dereito de se atrever: “Afogar no río/Ser cativo dos sons/Imaxinar a pintura sen cores”.


Vida virtual/ Vida real

Con expresión sinxela

MARÍA NAVARRO

Unhas veces a realidade supera a ficción; outras, a ficción, que é un produto vicario da realidade, formula variantes que imitan a vida e as máis das veces, a fantasía traiciona a realidade cunha trama artificiosa de palabras capaz de retorcer a expresión e de poñer ao revés a existencia situando ao lectorado diante dun acto de ilusionismo extraordinario. Cando se entra nun universo de ficción prodúcese unha metamorfose e un se traslada a un mundo de ensoñación no que se soña de maneira consciente co desexo e se confunde a vida coa ‘non vida’.

Isto é o que lle ocorre á protagonista de Wombo Combo, Sara, unha moza absorbida polas pantallas e o xogo e que se converte nun elemento máis da espiral da quimera na que se adentra para escapar dela mesma e na que fica atrapada debido á engaiolante engrenaxe que ten todos os dentes dispostos a apañar non só o seu tempo e a súa vontade, senón tamén a súa vida, de modo que non é ela a que gaña, senón o seu avatar que a anula facéndolle crer que ela é a que domina a situación cando, en realidade, é unha vítima máis do sistema.

Con estes fíos tece Paula Carballeira un texto teatral no que introduce o concepto de vida virtual para amosar ao público que vivir á marxe da realidade, do contacto físico ou da proximidade ao outro permite, si, unha participación activa, práctica e ata emocionante nun mundo paralelo, pero que tamén pode acarrexar soidade e agochar unha perigosa desconexión con que un ten arredor.

Logo as referencias ao youtuber Loirus Rex, o paso dunha fase a outra ou a vitoria final, unido á sinxeleza na expresión, ás acotacións que van indicando quen fala e como é a escenografía en cada momento e ás suxerentes ilustracións de Paula Cheshire fan que o espectador viva intensamente a obra.

Suscríbete para seguir leyendo