Arte: exposicións

Vivencia e sentido histórico

Da pintura de Manuel Moldes

Detalle da obra "As bañistas do Lérez" (2017).

Detalle da obra "As bañistas do Lérez" (2017). / FdV

A mostra Misterio + Luz = Pintura ↔ Vida serve de carta de presentación da nova Fundación Manuel Moldes, que vén de iniciar hai poucos meses a súa actividade pública e faino cunha exposición que repasa, por medios de diálogos que evitan unha lectura puramente cronolóxica, a obra de Manuel Moldes (1949-2017), unha das principais figuras da pintura galega das últimas décadas.

A visión de conxunto da obra de Manuel Moldes suxíreme posibilidades de lectura que van alén das obvias referencias á súa conexión coa nova figuración dos setenta (Gordillo, Alcolea, Franco...) ou mesmo dos evidentes diálogos que establece coa obra de Bacon, a influencia inicial do expresionismo abstracto ou a atracción polo universo picassiano. Coido que se algo fica claro ao ollarmos o conxunto da súa traxectoria é que, sen excluír todo isto, a singularidade de Moldes está en como foi configurando a súa obra en plena ligazón coa realidade social e desde a experiencia persoal, inseríndose con absoluta consciencia na tradición artística galega nun sentido histórico e vivencial.

Vivencia e sentido
histórico

"A aperta do carballo" (1985). / FdV

Estes trazos permiten establecer unha xenealoxía da modernidade na plástica galega que vai eclosionar na década dos oitenta, unha liña lateral que manifesta que a obra de Moldes se sitúa nun continuum historico, un camiño da modernidade e da vontade renovadora que nos levaría, por vieiros laterais e nunha espiral, desde o Seoane final de coleccións gráficas como o Insectario (1975) até as novas xeracións que inician a súa traxectoria nos setenta, como é o caso de Moldes, pasando por figuras decisivas na construción da pintura galega da segunda metade do XX que realizan na década dos setenta obras fundamentais como Reimundo Patiño (O home que falaba vegliota, 1971) ou o Xosé Lodeiro que camiña entre Estampa Popular Galega e o xeometrismo construtivo.

Neste marco enténdese mellor unha obra que nace dunha intensa percepción da realidade vital e xeográfica que rodea o artista, pénsese na cidade de Pontevedra en particular e Galicia en xeral, presente como tema en obras que se poden ver na montaxe da Fundación como A aperta do carballo (1985) ou As bañistas do Lérez (2017). Nelas a ligazón coa tradición establécese por medio do diálogo mais sen sombra de academicismo, faise de xeito asociativo utilizando referentes do pasado cultural que funcionan, agroman, para construír, para dialogar, para interactuar dentro da pintura.

Arriba e de esquerda a dereita: Electric Man (1977); A aperta do carballo  (1985).  Abaixo e na imaxe grande: As bañistas do Lérez  (2017).

"Electric Man" (1977). / FdV

No cadro das constantes buscas e a diversidade que a obra de Moldes nos ofrece desde os anos setenta, tamén se pode constatar a recorrencia dunha procurada propensión expresiva, que dota a súa obra dun ar expresionista e nórdico -esa tradición atlántica que Seoane reivindicaba para a nosa arte- con logros absolutos como a serie de variantes do Avó Gran Dida (1983). Esta tendencia expresiva aparece no seu traballo como produto da súa vontade de que o cadro se manifeste como pintura, no sentido máis físico e matérico do termo. É ben certo que o pintor participou dun expresionismo que nace a finais do setenta (Electric Man, 1977) e se impuxo nos oitenta na arte nova de Europa, mais o pontevedrés fíxoo desde unha linguaxe fortemente persoal que impuña á sua obra ese selo barroquizante e esa tendencia ao horror vacui e á hipérbole que achamos frecuentemente na tradición plástica galega.

TÍTULO

Misterio + Luz = Pintura ↔ Vida.

ARTISTA

Manuel Moldes

COMISARIADO

Mmay Díaz e Ramón Rozas

LOCAL

Fundación Manuel Moldes (rúa Benito Corbal, 47), Pontevedra

Outro aspecto perceptíbel, analizando o conxunto do seu labor, é a estreita conexión que se pode establecer entre o seu traballo figurativo e o abstracto. Unha liña espiral conecta as obras máis xestuais achegadas á action painting dos setenta coas series de Vieiros e Links de finais dos noventa e dos anos finais do seu labor, e estas series á súa vez teñen moitos puntos de contacto con obras figurativas de comezos do noventa en que alegoría, referencias cultural e tradición popular se mesturan e acentúa as evidentes conexións con xenealoxía da arte galega que pasa por artistas como Seoane ou Reimundo Patiño.

Con ética e estética

A pintura de Manuel Moldes nunca foi inmune, como acontece con moita arte actual, á inquedanza social, á convulsión, que o seu debuxo e a utilización da cor –alén das referencias temáticas– sempre evidenciou. Neste sentido as expresivas máscaras, e as variantes cromáticas de tonalidades ben rechamantes dunha parte da súa produción final, poden ser interpretadas como pulos compulsivos, respostas estéticas mais tamén éticas. Hai nestes cadros convulsión e desacougo, un estado mental que implica unha volta de torca no estilo do pintor pontevedrés, como se toda esa enxurrada de forzas en tensión que xa se observaba en traballos inmediatamente anteriores –penso nos Links e nos Vieiros– fose canalizada, e reflectise a problemática do mundo que o rodeaba sen deixar de ser un exercicio intensamente pictórico, e polo tanto xustificábel de seu. Así agromaban as referencias iconográficas e as planimetrías que lembraban a iluminación dos códices medievais e a arte “primitiva” e prehistórica cunha hexemonía absoluta da curva.

No labor de Moldes sempre se pode enxergar unha posta en cuestión ética e estética, unha convulsión dolorosa (e tamén ao tempo gozosa, no que ten de creación e explosión vital) e de conciencia da relación do ser humano co mundo, ese misterio unido á luz que dá como resultado, como el mesmo verbalizou nalgún proxecto expositivo, pintura e vida, algo que lembra o título da mostra que se presenta na súa fundación.

Suscríbete para seguir leyendo