Con rock e cores estilísticas

Loita Amada: "Rematou o simulacro"

Os membros de Loita Armada.

Os membros de Loita Armada. / Cortesía do grupo

V. Neira

Loita Amada, o novo grupo do ex-Nao Jasper, vén de publicar o seu novo disco baixo o título de Rematou o simulacro, un traballo onde atopamos nove novas cancións: oito delas veñen ser da autoría do propio Jasper; outra ten orixes populares. O disco xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e tamén en formato físico CD que se pode adquirir pola rede ou nos propios concertos do grupo.

ab67616d0000b27317d33711f7630bb83fa869b3

Portada do disco. / FdV

Xa coa saída do primeiro traballo da formación, ao pouco da disolución de Nao, Jasper comentaba que Loita Amanda nacía coma un proxecto aberto ao cambio e coa idea de nunca ficaren estancados na comodidade. Un grupo capaz de transitar, daquela, camiños ben dispares, ondeando a bandeira da eclépticidade estilística dende sonoridades máis apegadas á música tradicional até pasar por rexistros máis cercanos á canción de autor ou mesmo á canción protesta. Todo iso con todo o peso do selo do rock, da parte metaleira e a actitude punk que, de entrada, chega de serie cos protagonistas da formación. Se naquel primeiro disco, Viva a loita amada revolucionaria (2022), os aires ventaban un pouco a favor desa canción protesta, incluso lixeira de demasiada guitarra eléctrica e si, porén, de moito coiro e madeira, e coa voz de Nébeda con moito protagonismo sonoro, aquí, nesta segunda entrega, Rematou o simulacro, o grupo evoluciona cara un son máis próximo aos Nao e no que a as guitarras distorsionadas e mais os ritmos pesados recuperan o seu sitio nunhas composicións de Jasper que de novo evocan a loita social, a resistencia, a resiliencia humana, a terra e mais a cultura pero tamén esa intimidade emocional que o músico sempre tan ben manexou ao longo da súa carreira.

Desta volta o grupo preséntase coma un conxunto pechado e artellado arredor dunha formación que apuntala as bases da súa forza dende a conxunción de batería (Amós Varela), baixo (Iván Bernárdez) e dúas guitarras (Iván Barreiro e Jasper) e que despois aliña as cancións cos metais precisos e fantasticamente arranxados de María Prado e Xiana Naval. A emigración, as fendas da nosa historia, as desigualdades, o amor ou incluso o odio ao fútbol moderno son algúns dos argumentos que se deixan notar neste Rematou o simulacro, nun traballo gravado e producido polo insigne Kaki Arakarazo nos seus Gárate Studios en Andoain, Gipuscoa, conferíndolles ás cancións un son fundamentado nunha clara idea orgánica do rock aínda que salpicado dunha paleta de cores estilísticas que van dende o tradicional ao metal, pasando por sonoridades pop e sobre todo buscando a canción e o que nela se quere contar como obxectivo final.

Especialmente recomendable a peza “Benditos nós”, co apoio vocal de Olaia “Tanxugueira”, nunha desas cancións alfaia para poñer en bucle e gozala na medida da súa dimensión. Nós, que xa os vimos en directo damos fe de que este será o ano de Loita Amada nos palcos dos nosos festivais.

40 anos de ‘Like a Virgin’

Igual neste tempo que nos toca vivir xa non vén moito a conto falar de certas cousas ou intentar entender como era a nosa sociedade hai corenta anos atrás. O caso é que se un entrase no seu Delorean e aparcase na porta dun instituto calquera daquel 84, do que si estamos certos é que a meirande parte daquelas adolescentes carpetas estarían perfectamente decoradas coas fotos dun debutante Michael Jordan e as súas, agora tan revalorizadas, zapatillas brancas e vermellas, e tamén, quen sabe se compartindo tamaño, e sen meterse en diferenzas de xénero, unha fantástica Madonna vestida de noiva e ouveando aos catro ventos a súa mítica “Like a Virgin”. Acreditade que non imos entrar en explicacións, nin caer naquela cousa manida, e caso de non demasiado bon gusto, dos Reservoir Dogs de Tarantino, pero tampouco mirar para outro lado, máis que nada coa perspectiva deste 24 que xa fai que certas cousas esvaren polo nosos pelexos coma quen ve chover. “Like a Virgin” é un temazo pop, iso é obvio, interpretado e tocado con toda a xenialidade da época e posiblemente insuperable a día de hoxe. Melódico, pegañento e ademais xa éxito atemporal. Os seus compositores, uns tales Billy Steinberg e Tom Kelly, afirman que escribiron a canción mentres conducían unha furgoneta chea de uvas polo val de Coachella, en California e que a canción realmente falaba dese sentimento e tamén de volverse namorar despois dunha decepción amorosa. En fin, iso é “Like a Virgin”: sentirse un como a primeira vez. Mais o caso é que Madonna remexeu, e ben, os cimentos dos círculos máis conservadores dos EE UU e de medio mundo, e que ben feito estivo. De paso converteuse nunha raíña pop quen de decorar as nosas carpetas e asinar unha discografía única. Tamén comentar que despois do éxito, e de paso, igual Billy e Tom non tiveron necesidade económica de volveren carrexar uvas na súa vida.

Suscríbete para seguir leyendo