Materia e espírito

No centenario de Antoni Tàpies

O artista catalán Antoni Tàpies (1 923-2012) de quen se cumpre o centenario.

O artista catalán Antoni Tàpies (1 923-2012) de quen se cumpre o centenario. / Arquivo

Francesc Pi de la Serra cantaba en “Una tarda qualsevol” (No és possible el que visc, 1974): “La llum elèctrica freda / fa una taca en un racó / que sembla un Tàpies anònim / si ningú tanca el balcó”. A consagración dun artista (plástico, especialmente) chega non cando vende moito nin cando é coñecido senón cando a súa obra resulta plenamente identificable por unha parte considerable da sociedade. E se ese artista forma parte activa e comprometida dela, tal identificación resulta case simbiótica.

No caso de Antoni Tàpies (Barcelona, 1923-2012), e pola propia condición da factura das súas obras, cabería dicir que hoxe non significa moito para as novas xeracións. Tal vez nunca estivo presente -polas circunstancias que veremos- nesoutra parte da sociedade que merca cadros para lucilos perante as visitas en cadanseus comedores, salóns, vestíbulos ou estudos. O quizais tamén porque polo seu compromiso político e social non foi ben visto por moitos daqueles que, ao cabo, poden gastar cartos en mercaren pinturas orixinais e non litografías.

Internado uns meses nun sanatorio por unha doenza pulmonar a comezos dos corenta, empregou ese tempo de vagar en debuxar e en ler. Autodidacta, en 1948 pasou a formar parte do colectivo Dau al Set -o primeiro movemento de vangarda na posguerra- cos pintores Joan Ponç e Modest Cuixart, o poeta Joan Brossa, o filósofo Arnau Puig, o editor J. J. Tharrats e mais o poeta e crítico de arte Juan Eduardo Cirlot.Despois de expoñer en 1949 no Instituto Francés de Barcelona, Eugenio d’Ors invitouno a Madrid e a formar parte da delegación española na Bienal de Venecia en 1950, ano que tamén fixo a súa primeira exposición individual. En 1951 viaxou a París cunha bolsa do Instituto Francés. Afastado do neosurrealismo de Dau al Set, formou parte do grupo Taüll nunha liña máis realista e social cara ao formalismo e á pintura matérica.

Juan Eduardo Cirlot -sempre intuitivo coas vangardas malia o seu aparente conservadorismo- escribe os primeiros libros sobre el: Tàpies (1960) e Significación da pintura de Tàpies (1962); a partir de 1964 aparecen as primeiras monografías sobre o pintor barcelonés da man de Alexandre Cirici e dos poetas Blai Bonet e Joan Teixidor. Mais o salto internacional de Tàpies chega coa exposición na Maeght de París (1974), replicada na galería de Barcelona en 1975, con obras de contido antifranquista. Son anos nos que Tàpies non só pinta (e moito) senón que tamén reflexiona sobre a súa pintura. Publica A práctica da arte (1970), A arte contra a estética (1974), Memoria persoal (1977) e A realidade coma arte (1982), ás que seguirá A arte e mais os seus espazos (1999).

Pero o compromiso social que adquirira desde a década dos 50 non só radica na súa pintura senón tamén na súa actitude persoal e cívica. Así, participou nos encerros de intelectuais a prol do sindicato democrático de estudantes (SDEUB) (Caputxinada, 1966) e contra os xuízos de Burgos (Montserrat, 1970), polo que padeceu uns días de cadea. Un compromiso que o levou a publicar infinidade de debuxos para amigos e carteis solidarios nunha dimensión ás veces vista coma institucional, máis ca oficial. A tal consideración non eran alleos encargos como a doazón feita á Generalitat de Catalunya do seu mural “As catro crónicas”.

Desde a súa adscrición ao grupo Taüll, Tàpies exerceu unha pintura informalista baseada na materia, emparentada coa “arte povera” nacida en Italia, nun exercicio para crear un novo clasicismo non iconoclasta. Nesa andaina non foi alleo o seu achegamento espiritual ao budismo zen e ás caligrafías asiáticas, sen esquecer o aforro de materiais. Unha unión entre momento (espírito) e materia que dá a entender que as súas obras non son cronoloxicamente neutras senón que reflicten o momento da súa creación (por exemplo, uns xenitais no momento de eclosión da sida). Pero asemade, unha procura da orde desde unha aparente desorde, con formas recorrentes (as letras AT, as cruces, as cores negra e vermella), na procura de rachar os esquemas figurativos e a modernidade cartesiana binaria e xerárquica (suxeito/obxecto, humano/animal).

Suscríbete para seguir leyendo